Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Mércores, 02 de xullo de 1997 Páx. 6.421

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos.

Pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, levouse a cabo unha ampliación de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transferindo segundo o seu artigo 3 a esta comunidade, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexis

lativo e a execución na materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A inexistencia dunhas bases formalmente establecidas como tales en materia destas corporacións públicas non é óbice para o exercicio pola Comunidad Autónoma da súa potestade normativa. Estas bases deberán deducirse da lexislación estatal vixente en materia de colexios profesionais e da Constitución, debéndose ter en conta non só os artigos 36 e 139 desta, senon tamén os relativos á organización territorial do Estado, así como a doutrina do Tribunal Constitucional.

O presente decreto aborda a regulación da constitución dos consellos de colexios profesionais cun ámbito territorial de actuación circunscrito a Galicia e tralas consultas pertinentes dos colectivos profesionais afectados, a través da representación que ostenta a Unión Profesional de Galicia para constituír consellos de colexios na Comunidade Autónoma, co fin de incorpora-las ditas corporacións á estructura organizativa dela.

Isto, unido á necesidade de contar cun órgano máis próximo á realidade profesional en Galicia, que represente e coordine ante a Administración da Comunidade Autónoma os intereses específicos e peculiares das respectivas profesións, motiva a promulgación deste decreto, exercendo as competencias que, en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses profesionais, ostenta a Comunidade Autónoma de Galicia.

Por iso, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Dos consellos xerais dos colexios profesionais

Artigo 1º

O presente decreto será de aplicación a tódolos consellos galegos de colexios profesionais que conforme esta normativa se constitúan, con ámbito de aplicación circunscrito exclusivamente ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

A iniciativa para a constitución dun consello galego de colexios profesionais corresponderá ás xuntas de goberno ou directivas dos colexios profesionais dunha mesma profesión, sempre que os colexios que estean a favor da proposta constitúan maioría respecto do total dos colexios galegos da respectiva profesión e que a suma dos compoñentes dos colexios que aprobasen a proposta de creación do consello sexa maioría respecto ó total dos colexiados da profesión en Galicia.

Artigo 3º

1. Os estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais deberán, necesariamente, ter en conta os mecanismos de elección dos representantes de cada un dos colexios profesionais integrantes, que, en calquera caso, se suxeitarán ós criterios de democracia,

igualdade e proporcionalidade, con atención, se é o caso, ó criterio de territorialidade.

2. Os representantes serán elixidos polas xuntas de goberno ou directivas de entre os seus membros. Os decanos ou presidentes dos colexios profesionais terán a condición de representantes nos consellos galegos de colexios profesionais, mentres posúan aquel cargo.

3. Cada consello, constituído en corpo electoral, elixirá democraticamente un presidente de entre eles. A elección seralle comunicada ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 4º

A aprobación dos estatutos levarase a cabo conforme o procedemento establecido a este respecto nos estatutos particulares do colexio profesional correspondente. Os estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais deberán ser aprobados por acordo das xuntas de goberno ou directivas, que deberá de ser ratificado polas asembleas ou xuntas xerais de cada colexio.

Artigo 5º

Por acordo do Consello da Xunta de Galicia, aprobarase a creación e os estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º

Os consellos galegos de colexios profesionais terán como función esencial a de representa-los colexios que os integran nas súas relacións, consultas e servicios de colaboración coas diversas administracións públicas no ámbito desta Comunidade Autónoma.

Capítulo II

Dos rexistros de colexios profesionais

e os seus consellos

Artigo 7º

1. Créase o Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo a dependencia da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais; a organización e réxime de funcionamento regularanse por orde desta consellería.

2. O rexistro estará dividido en dúas seccións, que levarán por nome «dos Colexios Profesionais» e «dos Consellos Galegos de Colexios Profesionais».

Artigo 8º

Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, os colexios profesionais e, se é o caso, os consellos galegos de colexios profesionais relacionaranse coa Administración galega, no referente ós contidos de cada profesión, a través da consellería competente en relación coa profesión respectiva.

Artigo 9º

Tanto os colexios profesionais como os consellos galegos de colexios profesionais deberán inscribirse no rexistro ó que fai referencia o artigo sétimo, para efectos da súa constancia e coñecemento, sendo, ademais, requisito indispensable para acceder ás axudas económicas convocadas pola Xunta de Galicia.

Na inscrición farase constar:

a) A denominación e sede do colexio ou consello galego de colexios profesionais.

b) Os estatutos e as súas modificacións.

c) As persoas que integran os órganos de goberno.

d) Calquera outro acto xurídico ou dato con repercusións xurídicas que conveña darlles publicidade mediante anotación ou inscrición.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os colexios profesionais únicos con ámbito de actuación territorial na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do disposto nos estatutos xerais da profesión respectiva e mentres manteñan a dita natureza, asumirán as funcións atribuídas por este decreto ós consellos galegos de colexios profesionais.

Segunda.-As delegacións de colexios profesionais de ámbito nacional existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos exclusivos do previsto no presente decreto, poderán te-la consideración de colexios profesionais.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ata que se regule por lei do Parlamento de Galicia a normativa relativa a colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma galega, será requisito indispensable previo para a aprobación da válida constitución e inscrición dos consellos galegos de colexios profesionais polo Consello da Xunta de Galicia, o cumprimento de cantos requisitos legais e formais sexan esixidos de conformidade coa Lei 2/1974, do 13 de febreiro, modificada por Lei 74/1978, do 26 de decembro, e polo Real decreto-lei 5/1996, do 7 de xuño, de medidas liberalizadoras en materia de solo e de colexios profesionais e os estatutos xerais dos seus respectivos colexios profesionais.

Segunda.-Aqueles consellos galegos de colexios profesionais xa constituídos ó abeiro da súa respectiva normativa, sen prexuízo da natureza e funcións recoñecidas nos estatutos da súa constitución, adaptaranse, se é o caso, ó disposto no presente decreto, debendo, no prazo de seis meses, proceder á súa inscrición no rexistro ó que fai referencia o artigo sétimo deste decreto.

Terceira.-Os colexios profesionais e as delegacións de colexios profesionais de ámbito nacional existentes con ámbito de actuación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, á entrada en vigor do presente decreto, deberán inscribirse, no prazo de seis meses, no Rexistro de Colexios Profesionais.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5095