Visto o escrito presentado pola empresa Conservas Garavilla, S.A. con enderezo a efectos de notificacións en Virxe das Mareas, 144, O Grove, Pontevedra, esta dirección xeral ten en conta os seguintes, feitos.
Primeiro.-Con data do 14 de xaneiro de 1997, a Dirección Xeral de Industria outorgou a condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica establecido polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, á planta de coxeración que a empresa Conservas Garavilla, S.A. ten previsto instalar na súa factoría do concello do Grove (Pontevedra), incluíndoa no grupo d) do artigo 2 do citado texto normativo.
Segundo.-O día 22 de xaneiro de 1997, a referida empresa, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e marisco e fariñas de peixe, solicitou a autorización administrativa para a citada planta de coxeración. Acompaña a dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións a que fai referencia o artigo 8 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.
As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:
-Tres grupos xeradores motor-alternador con motores de combustión interna alternativos alimentado por gasóleo e xeradores síncronos trifásicos, de 1.460 kWe cada un, tensión de xeración 400 V; un centro de transformación r/t 400/20.000 V, con tres transformadores de 5,4 MVA de potencia total, montado en interior; instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando sinalización e medida.
Terceiro.-De conformidade co establecido no artigo 9 do citado Decreto 2617/1966, o 14 de febreiro de 1997 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra resolveu someter a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia. A mencionada resolución publicouse no DOG do 25-2-1997 e no BOP de Pontevedra do 19-3-1997, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.
Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola dita delegación provincial.
Fundamentos de dereito.
Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.
Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.
Esta dirección xeral, de acorde con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,
RESOLVE:
Autorizarlle instalación dunha planta de coxeración á empresa Conservas Garavilla, S.A., para situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten no Grove (Pontevedra).
O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal contará os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribuía enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.
Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa publicación.
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1997.
Joaquín del Moral Crespo
Director xeral de Industria

