Visto o expediente de clasificación da Fundación Pro Mundo, con domicilio en Vigo.
Supostos de feito.
1. Ana María Fernández Reinoso, na súa calidade de vicepresidenta do padroado da fundación, en escrito de vinte de maio de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ponteareas, o día vintecatro de abril de 1997, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Luis Darrieux de Ben co número setecentos corenta e cinco do seu protocolo por Antonio Enrique Álvarez González, Ana María Fernández Reinoso, María Isabel Roca Pazos, Beatriz Gil Fidalgo e Ana María Bouzó Fernández que interveñen en nome propio, agás o primeiro que o fai no nome e representación de María del Pilar Álvarez Moreno.
3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, o obxecto da fundación é favorecer adopcións, escolarizar nenos do terceiro e cuarto mundo e atinxir necesidades do terceiro e cuarto mundo.
4. O padroado da fundación estará constituído por María del Pilar Álvarez Moreno, Ana María Fernández Reinoso como vicepresidenta, María Isabel Roca Pazos como secretaria e Beatriz Gil Fidalgo e Ana Bouzó Fernández como vocais.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico asistencial da Fundación Pro Mundo dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e a súa adscrición á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.
Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.
Fundamentos de dereito.
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 32.2ºc) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de junio de 1997.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Clasificar como benéfico asistencial a Fundación Pro Mundo e adscribila á Consellería de Familia, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 1997.
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública
5399

