O Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma galega, no seu artigo 27.23º, a competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas económicas a persoas
físicas, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade esixidos polos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Por outra banda, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as que figuran as residencias xuvenís que, ademais do aloxamento e manutención, lles ofrecen ós mozos estudiantes residentes unha serie de servicios e actividades convivenciais e educativas complementarias.
Coa realización da presente convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos e, ó mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Convoca-la presente oferta de prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o curso académico 1997/1998.
O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:
ResidenciaPrazasH/M
Eijo Garay (Lugo)5 H
Irmáns Pedrosa (Lugo)4 M
F.L. Cuevillas (Ourense)5 H/M
Altamar (Vigo)5 H/M
Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.
Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:
a) Ser español/a.
b) Ter unha idade mínima de 18 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
c) Estar cursando estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, nunha facultade ou escola universitaria.
d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador bolseiro por causa imputable ó solicitante.
e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.
Artigo 3º.-Solicitude.
3.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I. O interesado poderá efectuar unha única solicitude, na que poderá optar por un centro.
3.2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.
-Fotocopia compulsada das páxinas do libro de familia onde figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa se é o caso.
-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.
-Fotocopia compulsada da primeira folla e da folla de liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó ano 1996. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada, achegarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas follas de liquidación.
No suposto de que a unidade familiar non estivese suxeita á obriga de declarar, presentarase declaración xurada sobre ese extremo, indicando a renda anual da unidade familiar no ano 1996.
-Certificado médico no que se faga constar que o solicitante non padece enfermidade infecto contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.
-Acreditación de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 4.1º para a súa consideración e valoración pola comisión cualificadora.
3.3. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3.4. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 14 de agosto do presente ano.
Artigo 4º.-Adxudicación de prazas.
4.1. Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase unha comisión cualificadora en cada unha das provincias onde radican as residencias xuvenís, presidida polo respectivo xefe do Servicio de Xuventude e actuando como vocais un funcionario designado polo delegado provincial e o/s director/es das residencias xuvenís situadas nesa provincia. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes criterios preferentes:
-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, na data do remate
do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.
-Ter sido colaborador-bolseiro nalgunha residencia xuvenil das relacionadas no artigo 1º. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación ó comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador-bolseiro na residencia respectiva.
-Expediente académico.
-Coñecementos específicos e experiencia en animación socio-cultural e actividades deportivas.
-Motivo da solicitude.
-Ser galego, te-la súa residencia familiar en Galicia ou ser fillo de emigrantes.
-Entrevista persoal: a comisión cualificadora poderá cita-los solicitantes para a realización dunha entrevista persoal.
4.2. A comisión competente confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para cada residencia, elevándolle a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude no prazo máximo de vinte días, contados a partir do remate do prazo de presentación de instancias.
4.3. Dictada resolución polo delegado provincial, o Servicio de Xuventude respectivo procederá a comunicarlles ós solicitantes as adxudicacións e denegacións.
4.4. No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 3 meses desde a data de remate do prazo de presentación de instancias, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.
4.5. Os seleccionados están obrigados a:
-Presentar fotocopia compulsada do resgardo de matrícula correspondente ós estudios que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 1997. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do resgardo de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscripción na facultade ou escola universitaria correspondente e deberá, non obstante, presenta-la fotocopia compulsada do resgardo de matrícula no momento en que a faga.
-Incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.
En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubri-la vacante conforme a lista confeccionada pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.
Artigo 5º
A concesión da praza como colaborador-bolseiro comporta a exención do pagamento dos servicios residenciais durante o período de funcionamento destes, incluído o curso académico e o período vacacional, o que abrague desde o 1 de outubro de 1997 ó 30 de setembro de 1998, así como o recoñecemento da súa condición de colaborador-bolseiro perante o resto dos residentes.
Artigo 6º
A condición de colaborador-bolseiro obriga a este a colaborar en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades que lles poida encomenda-la dirección da residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e convivencias. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.
Artigo 7º
A condición de colaborador-bolseiro extínguese ó remata-lo período fixado no artigo 5º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.
O incumprimento por parte do colaborador-bolseiro das súas obrigas, das normas de réxime interno da residencia ou a ausencia inxustificada, serán causas da perda da condición de colaborador-bolseiro para tódolos efectos, por resolución do delegado provincial, logo do informe do director da residencia.
Artigo 8º
A condición de colaborador-bolseiro non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.
Disposición adicional
As axudas reguladas nesta orde poderán ser compatibles coa percepción doutras axudas ou bolsas.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 1997.
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia, Muller e Xuventude
5401

