Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devandita academia.
Conforme o anterior, anúnciase a celebración dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Dota-lo colectivo de bombeiros de Galicia dos coñecementos necesarios no tema de primeros auxilios e excarceración, co fin de que, cando teñan que intervir en situacións de emerxencia, o fagan con total seguridade.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazas.
O número de prazas ofertadas para este curso será de 40.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 10 de setembro, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será este requisito
indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso terá unha duración de 40 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Primeiros auxilios. Queimaduras. b) Traumatismos cranioencefálicos e da columna. c) Traumatismos toraco-abdominais. d) Fracturas, escordaduras e contusións. e) Transporte do lesionado. f) O SOS Galicia. A asistencia de emerxencia na nosa comunidade. g) Excarceración. h) Rescate de feridos con helicópteros.
Datas.
O curso celebraráse do 22 ó 26 de setembro de 1997.
O horario será de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 15 de setembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.
Lugar.
Na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na rúa Madrid 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela.
Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, levará consigo a non expedición do certificado.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 1997.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade
97-5473

