Por Decreto 216/1997, do 30 de xullo, da Xunta de Galicia procedeuse á creación e regulación do funcionamento do Servicio de Resposta Inmediata (SERI).
O dito decreto, no seu artigo 2º establecía que o SERI se implantaría nas unidades administrativas que sexan competentes para a tramitación e resolución dos procedementos recollidos no anexo do dito decreto.
Tendo en conta a finalidade e características do Servicio de Resposta Inmediata, resulta necesario proceder a unha reordenación das competencias administrativas, que permita que a tramitación e resolución dos procedementos que na actualidade corresponden ós órganos centrais da Xunta de Galicia e con competencia en todo o territorio da Comunidade Autónoma, sexa exercitada, no sucesivo, polos órganos periféricos, máis próximos ó cidadán.
Nos procedementos ós que se refire esta disposición considerouse conveniente acudir, en primeiro lugar e sen prexuízo da súa posterior delegación, á desconcentración de competencias nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Igualmente e coa mesma finalidade de adoptar cantas medidas sexan precisas para o adecuado funcionamento do Servicio de Resposta Inmediata, apreciouse a necesidade de que as competencias dos delegados provinciais de Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en relación cos procedementos para a exención da materia de lingua galega se deleguen nos directores dos centros públicos de ensino primario e secundario.
En consecuencia, por iniciativa do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dez de setembro de mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo 1º
As atribucións que corresponden ó secretario xeral para o Deporte, de acordo co disposto nas ordes do 17 de maio de 1983 e do 20 de decembro de 1986 da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en relación cos procedementos para o rexistro de entidades deportivas e a modificación do rexistro de entidades e clubs, desconcéntranse nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Artigo 2º
Desconcéntranse nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública as competencias que, de acordo co disposto no Decreto 82/1980, do 26 de marzo, corresponden ó secretario xeral para o Turismo, en relación coa inscrición no rexistro de empresas e actividades turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia das seguintes empresas ou actividades turísticas:
-Cafés, bares, tabernas.
-Pubs e whisquerías.
-Discotecas e salas de festas.
-Asociacións, federacións e confederacións empresariais.
-Asociacións, federacións e confederacións de profesionais do turismo.
-Padroados de turismo.
-Centros de iniciativas turísticas.
-Casinos.
-Feiras e festas típicas, sempre e cando a súa organización estea avalada pola corporación local correspondente.
-Liñas aéreas, liñas de autobuses, transporte marítimo, aluguer de coches sen conductor, transbordadores.
-Festas declaradas de interese turístico.
-Axentes da propiedade inmobiliaria.
-Axencias da propiedade inmobiliaria.
-Museos.
Artigo 3º
As atribucións que corresponden ó secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, de acordo co disposto na Orde do 17 de decembro de 1991 da Consellería de Presidencia e Administración Pública, en relación cos procedementos relativos ó rexistro de agrupacións de voluntarios de protección civil, así como as baixas nel, desconcéntranse nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Artigo 4º
As atribucións que corresponden ó secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, de acordo co disposto na Orde do 29 de abril de 1992, da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en relación cos procedementos relativos ó rexistro de entidades colaboradoras de protección civil, desconcéntranse nos delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Disposicións adicionais
Primeira.-Para a implantación do Servicio de Resposta Inmediata en relación co procedemento para
a exención da materia de lingua galega no ensino primario e secundario, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria disporá a delegación das competencias que actualmente posúen os delegados provinciais da dita consellería, en virtude do disposto no artigo 2.2º do Decreto 79/1994, en favor dos directores dos centros públicos de ensino primario e secundario, e para que as exerzan en relación cos alumnos matriculados nos seus centros ou dependentes deles.
Segunda.-Como consecuencia do disposto no artigo 2º do presente decreto, queda sen efecto o disposto na Resolución do 3 de xullo de 1997, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se delegan determinadas competencias nos xefes dos servicios provinciais de Turismo.
Disposición derradeira
O presente decreto entrará en vigor o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública
6281