Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 23 de setembro de 1997 Páx. 9.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 10 de setembro de 1997 pola que se regula o exercicio das funcións de saúde pública polos médicos e practicantes titulares que opten por integrarse nunha unidade de atención primaria.

O 24 de xuño de 1996 publicouse no Diario Oficial de Galicia, no seu número 123, a Orde do 30 de maio de 1996 pola que se sistematiza o réxime xurídico do persoal pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares como consecuencia da posta en funcionamento do novo modelo de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A dita orde, do 30 de maio de 1996 desenvolve as previsións contidas na disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, no sentido de regula-las consecuencias da integración voluntaria do persoal funcionario superior e de grao medio da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada e clase de médicos e practicantes titulares, nas unidades de atención primaria constituídas ó abeiro do Decreto 200/1993, do 29 de xullo. Na dita orde prevíanse, dun xeito xenérico, as relacións funcionais entre as corporacións locais e as unidades e servicios de atención primaria.

Consecuentemente co anterior, a presente orde ten por obxecto non só a regulación do exercicio das funcións de saúde pública dos médicos e practicantes titulares que opten por integrarse, ou non, nunha unidade de atención primaria e as posibles situacións deste persoal, senón tamén desenvolver máis especificamente as relacións coas corporacións locais que requiren dunha actuación específica e concreta dos profesionais sanitarios en materia de saúde pública, a través das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, configuradas como órganos de canalización das ditas relacións.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A partir da entrada en vigor da presente orde, desde o momento que sexa efectiva a integración nunha unidade de atención primaria dun médico titular ou dun practicante titular, as funcións que no ámbito da saúde pública viñan desempeñando no seu partido e distrito pasan a ser exercidas do xeito seguinte:

a) As funcións atribuídas ós médicos titulares e practicantes titulares polos artigos 32, agás das previstas no seu número 10, 33, 34, 35, 54 e 55 do Regulamento de persoal dos servicios sanitarios locais aprobado polo Decreto do 27 de novembro de 1953 e na Lei 5/1983, do 30 de xuño, de sanidade escolar de Galicia

e no Decreto 44/1985, do 14 de febreiro, que a desenvolve, intégranse co funcionario na unidade de atención primaria, e pasan a ser desempeñadas pola dita unidade no ámbito do distrito e partido sanitario correspondente.

b) As funcións a que se refire o apartado 10º do artigo 32 do dito Decreto do 27 de novembro de 1953, así como as funcións de apoio técnico ás corporacións locais previstas nos apartados 4º e 5º do artigo 42 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de Sanidade, pasan a ser desenvolvidas polas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º

Respecto a aqueles partidos e distritos sanitarios nos que os médicos titulares e practicantes titulares que os ocupan non se integrasen nunha unidade de atención primaria, ben por non ter exercido a opción de integración ou ben por non estar constituída aínda a dita unidade, as funcións de saúde pública a que se refire o artigo anterior seguirán sendo executadas conforme o sistema vixente á entrada en vigor da presente orde.

Artigo 3º

1. Cando unha corporación local necesite recadar algunha actuación dos profesionais sanitarios en materia de saúde pública, dirixirase, en todo caso, á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Recibida pola delegación provincial a solicitude de actuación concreta, cursarase a petición á respectiva xerencia de atención primaria, que ordenará o procedente en atención á integración ou non do profesional nunha unidade de atención primaria en relación co territorio do distrito e/ou partido de que se trate.

Evacuado o trámite polo profesional de que se trate, darase traslado das actuacións á xerencia de atención primaria que as ordenou que, a súa vez, as remitirá á delegación provincial respectiva para a súa ulterior remisión á corporación local solicitante.

3. Cando se trate de emitir informes, estes deberanse evacuar no prazo previsto no artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

A división territorial existente de partidos e distritos sanitarios subsistirá só para os efectos de delimitación das funcións de saúde pública reguladas na presente orde, sen que en ningún caso poida ter virtualidade e efectos de prestación de asistencia sanitaria.

Artigo 5º

Con independencia do feito de que no municipio onde se localice a unidade entrasen ou entren en funcionamento unha ou más unidades e de que se integren ou non nelas todos ou parte dos funcionarios pertencentes ás ditas clases que teñan destino nos postos de traballo afectados pola súa creación, a integración efectiva nunha unidade de atención primaria dun posto

de traballo de médico ou practicante titular producirá o efecto de que non poderá acordarse a acumulación dos ditos postos de traballo regulada no Decreto 3207/1967, do 26 de decembro, sobre acumulación de prazas nos corpos sanitarios locais, nos artigos 62, 63 e 64 do Decreto 2120/1971, do 13 de agosto, que aproba o regulamento provisional para o ingreso e provisión de postos de traballo e no apartado segundo da Orde do 30 de setembro de 1994 (DOG nº 209, do 28 de outubro), pola que sistematiza o réxime xurídico aplicable ós nomeamentos de persoal interino e substituto das clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

Non obstante o anterior, durante a ausencia destes funcionarios, as funcións de saúde pública ás que se refire a presente orde serán asumidas pola delegación provincial respectiva, que poderán ser desenvolvidas ben directamente, ou ben acordar que outro funcionario da mesma clase non integrado nunha unidade e con destino nun distrito ou partido limítrofe as desenvolva percibindo, de se-lo caso, as retribucións previstas no artigo 5 do Decreto 3207/1967.

Artigo 6º

Os substitutos que se nomeen, do persoal das clases de médicos e practicantes titulares que opten por non integrarse, rexeranse polo mesmo réxime xurídico cós substitutos que se nomeen para o resto dos profesionais integrados na correspondente unidade de atención primaria, manténdose a aplicación do disposto no Decreto 3283/1968, do 26 de decembro, polo que se regula o réxime de retribucións dos que substitúan ós sanitarios locais nas súas ausencias, e no artigo 67 do Decreto 2120/1971, do 13 de agosto, que aproba o Regulamento provisional para o ingreso e provisión de postos de traballo.

Artigo 7º

O exercicio das funcións ás que se refire a presente orde enténdense sen prexuízo da execución das competencias que na materia lles correspondan á Dirección Xeral de Saúde Pública, ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a calquera outro organismo público con competencia sectorial na materia concreta de que se trate.

Disposición adicional

No suposto de que trala constitución dunha ou varias unidades nun partido sanitario, non se integre algún ou algúns médicos titulares deste, e respecto daqueles distritos e/ou partidos nos que os seus titulares non se integrasen na correspondente unidade de atención primaria ou nos que aínda non se constituíu esta no seu ámbito territorial, manterase o mesmo esquema organizativo e funcional anterior á reforma da atención primaria, aplicándose neles, no referente exclusivamente ó ámbito da saúde pública, as disposicións xerais vixentes con anterioridade á entrada en vigor da presente orde naqueles aspectos que sexan compatibles co disposto nesta última.

Disposición derrogatoria

Queda expresamente derrogado o artigo 7 da Orde do 30 de maio de 1996 (DOG nº 123, do 24 de

xuño) polo que se sistematiza o réxime xurídico do persoal pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares como consecuencia da posta en funcionamento do novo modelo de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltanse o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os directores xerais de Atención Primaria e de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para que, no ámbito das súas respectivas competencias, adopten cantos acordos sexan necesarios para a execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 1997.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

6347