Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 10 de novembro de 1997 Páx. 10.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de novembro de 1997 pola que se determinan os servicios mínimos dos fisioterapeutas e terapeuta ocupacional no Hospital do Meixoeiro de Vigo durante a folga que se levará a cabo o día 11 de novembro desde as 8 ás 15 horas.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria, así como dos seus corolarios, non se poden ver afectados gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ó persoal que presta os seus servicios como fisioterapeuta e terapeuta ocupacional do Hospital do Meixoeiro, que se levará a efecto o día 11 de novembro desde as 8 ás 15 horas, cumprido o preceptivo trámite de convocatoria de audiencia ó comité de folga que manifesta a súa conformidade, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta ós fisoterapeutas e terapeuta ocupacional, que se levará a efecto o 11 de novembro desde as 8 ás 15 horas, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen da seguinte maneira:

1 Fisioterapeuta desde as 8 ás 15 horas.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la necesaria cobertura asistencial.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios, en concreto ós pacientes hospitalizados, tendo en conta que a actividade do hospital é de un día laboral e que a folga abarca só os colectivos indicados.

Artigo 2º

A designación nominal, que deberá cubri-lo servicio será feita pola Dirección Xerencia do Hospital Meixoeiro e será publicada no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

8518