Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 10 de novembro de 1997 Páx. 10.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Ferogasa.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Ferogasa que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 25-8-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo comité de empresa o día 17-7-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 29 de agosto de 1997.

Carlos Martul Álvarez de Neyra

Delegado provincial da Coruña Acctal.

Convenio colectivo ano 1997

da empresa Fertilizantes Orgánicos de Galicia, S.A.

Ferogasa

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta a empresa Ferogasa, nos seus servicios de recollida de lixo, limpeza pública viaria e explotación das plantas de tratamento e eliminación de residuos na Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos dentro do presente ámbito deste convenio tódolos traballadores que presten os seus servicios anteriormente citados na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e denuncia.

A duración do presente convenio estenderase desde o 1 de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1999.

O presente convenio entrará en vigor a partir da data da súa sinatura independentemente da súa data de publicación no BOP; non obstante os seus efectos económicos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1997.

O presente convenio poderá ser denunciado por calquera das partes, polo menos con dous meses de antelación ó seu vencemento e notificarallo expresamente á outra parte.

Artigo 4º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que sexan máis beneficiosas cás fixadas neste convenio e manterase o dito respecto en formas estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Normas de aplicación subsidiaria.

As normas que contén este convenio regularán con carácter preferente e prioritario as relacións entre traballadores e empresarios afectados por este.

En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no convenio xeral do sector da limpeza pública, viaria, regas, recollida, tratamento e eliminación de residuos, limpeza e conservación de rede sumidoiros e demais disposicións de carácter xeral.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

1) Interpretación auténtica do convenio.

2) Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidos por ámbalas partes de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

3) Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal lles poidan corresponder ós organismos competentes.

4) Vixilancia e cumprimento do pactado.

A comisión comporase dun presidente que poderá se-lo do convenio, actuará como mediador, con voz pero sen voto, e de seis vocais, por cada parte, de entre os que actuarán na liberación do convenio. O presidente levantará acta dos acordos e resolucións que adopte a comisión que deberá ser asinada polos señores que interveñan.

Poderá nomearse un asesor ou experto por cada representación, aínda que estes non terán dereito a voto.

A comisión en primeira convocatoria non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais, e en segunda que se celebrará o seguinte día hábil actuará cos que asistan, tendo voto unicamente en número paritario os vocais presentes, sexan titulares ou suplentes. A comisión reunirase por instancia de calquera das partes e poranse de acordo os vocais co presidente sobre o lugar, día e hora da reunión. (Ámbalas partes conveñen en darlle coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse como consecuencia da interpretación do convenio.)

Artigo 7º.-Retribucións.

Salario base.-Será o que recolle a táboa salarial do presente convenio.

Plus de antigüidade.-Durante 1997, en concepto de antigüidade, aboaráselles a tódolos traballadores con categoría de peón o bienio a 104 ptas./día e o quinquenio a 155 ptas./día. E o resto de categorías

o bienio a 106 ptas./día e o quinquenio a 156 ptas./día.

O período de antigüidade máximo computable será de 3 bienios e 2 quinquenios.

Plus de nocturnidade.-O plus de nocturnidade aboaráselles ós traballadores con categoría de peón a razón de 380 ptas. e ó resto de categorías a razón de 387 ptas., e percibirase por día traballado no que se presten servicios de noite ou se manteña a dispoñibilidade para prestalos.

Plus de compensación.-Este plus aboaráselles como compensación ós traballadores de taller e persoal de oficina na cantidade de 9.992 ptas. mensuais.

Domingos e festivos.-As semanas nas que se traballe en domingos ou festivos, o descanso será de dous días por día traballado, e desfrutarase acumulando as fraccións; os descansos serán correlativos.

Plus de toxicidade ou penosidade.-Será de 16.149 ptas./mes para a categoría de peón, 16.925 ptas./mes para a categoría de conductor e 16.654 ptas./mes para o resto de categorías.

Plus de convenio.-Este plus aboaráselles ós traballadores de taller e persoal de oficina na contía de 4.373 ptas./mes, salvo que veñan percibindo, no momento do asinamento do presente convenio colectivo, unha cantidade maior, conforme se describe nos parágrafos seguintes, que lles será respectada pola empresa.

Esta cantidade substitúe para tódolos efectos o plus de toxicidade ou penosidade que os citados traballadores veñan percibindo.

O denominado ata agora plus voluntario e absorbible que veñen percibindo determinados traballadores, independentemente do servicio ó que pertenzan, pasa a percibirse como plus de convenio.

Para traballadores de nova incorporación, o devengo e a contía deste plus nacerá de mutuo acordo entre a empresa e o traballador.

Plus de transporte.-En atención á diversidade e dispersión do centro e ós distintos puntos de traballo respecto dos domicilios dos traballadores, establécese o aboamento deste plus extrasalarial definido no artigo 26.2º do Estatuto dos traballadores, na contía de 110 ptas. por día efectivo de traballo.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

O tempo traballado que por algunha necesidade imperiosa supere a xornada normal e legal de traballo diaria poderase acumular para efectos de desfrutalo como descanso adicional en cómputo dunha xornada, avisando a empresa coa maior antelación posible.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do verán e Nadal aboaranse cada unha a razón de 30 días de salario base máis antigüidade. A paga de beneficios será de 15 días de salario máis antigüidade. As pagas extras devengaranse día a día e non se devengarán nas ausencias inxustificadas nin nos casos de incapacidade temporal.

Artigo 10º.-Axudas de custo.

O importe das medias axudas de custo fíxase en 1.082 ptas. para os peóns e en 1.091 ptas. para o resto de categorías.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

En aplicación do artigo 34 do Estatuto dos traballadores, a xornada de traballo semanal será de 40 horas. É facultade da empresa o cambio de calquera traballador á quenda que fose necesaria do servicio, dada a modalidade de servicio público da empresa.

Artigo 12º.-Vacacións.

Establécese un período de vacacións anual de 30 días naturais para cada traballador, que serán aboados a razón do salario base fixado neste convenio mailos seguintes pluses: antigüidade, nocturnidade, toxicidade ou penosidade e convenio, no caso de devengarse cada un deles, correspondentes ós días que de estar traballando percibise o traballador.

Artigo 13º.-Excedencias.

Todo traballador cun ano de antigüidade na empresa poderá solicitar excedencia voluntaria por un prazo superior a seis meses e inferior a 5 anos. Se se cumpren as condicións anteriores, a empresa estará obrigada a concede-la excedencia solicitada sempre que os traballadores que nese momento estean en tal situación non alcancen o 5% do cadro de persoal; para o reingreso observarase o disposto no artigo 48 do convenio xeral sectorial.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a licencias retribuídas en calquera dos casos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 3 días no caso de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento dun parente ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando o traballador con tal motivo necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 5 días.

c) 9 días no caso de necesaria intervención cirúrxica por nacemento de fillos, incluíndo os do parágrafo anterior, con xustificación desta.

d) 2 días por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público.

Artigo 15º.-Licencias sen soldo.

A empresa concederalles ós traballadores que o soliciten, logo de xustificación, ata dez días de permiso sen soldo ó ano; terase que avisa-la empresa cunha semana de antelación se ben se convén que poderán estar nesta situación máis de dous traballadores ó mes.

Artigo 16º.-Incapacidade temporal.

No caso de baixa por IT derivada de accidente de traballo, a empresa aboaralle ó traballador que se encontre en tal situación, o complemento necesario para que este perciba o total dos emolumentos

que neste convenio se fixarán: salario base, antigüidade e pluses correspondentes ós días que de estar traballando percibise o traballador. O aboamento suplementario de referencia comezará a partir do día seguinte ó do accidente.

No caso de hospitalización dun traballador, xa sexa derivado de enfermidade común ou accidente, a empresa complementará durante este período a diferencia necesaria para que este reciba o total dos emolumentos, do mesmo xeito que se establece no parágrafo anterior.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

A empresa comprométese a subscribir, pola súa conta, no prazo dun mes, a partir do asinamento do presente convenio, unha póliza de seguros que cubra as continxencias de morte ou invalidez, que deriven de enfermidade ou accidente, sexa ou non laboral, coas contías seguintes:

Morte:

Falecemento do traballador: 1.750.000 ptas.

Axuda de gasto de sepelio: 250.000 ptas.

Invalidez:

Invalidez permanente total: 1.750.000 ptas.

Invalidez permanente absoluta ou gran invalidez: 3.500.000 ptas.

Artigo 18º.-Período de proba.

O período de proba para o personal de ingreso das categorías de peóns, conductores, persoal de taller, será de 15 días e será un mes para o resto do persoal.

Artigo 19º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa proverá, no horario de traballo, os traballadores que o requiran, de equipos de roupa e calzado completos; considerarase un mínimo de dous equipos ó ano, e o traballador obrigará a súa adecuada conservación.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

A empresa facilitaralles ós traballadores algún local dos existentes no recinto desta para que estes poidan reunirse en asemblea logo da comunicación á empresa. Así mesmo autorizará as ditas asembleas nas condicións citadas.

Artigo 21º.-Descontos de cotas sindicais.

Por requirimento dos traballadores, a empresa deixará de descontar da nómina mensual o importe da cota sindical correspondente.

Artigo 22º.-Garantías no traballo.

Todo conductor ou traballador, se é o caso, que, conducindo un vehículo da empresa, cometese unha infracción que provocase a retirada do carné de conducir terá dereito a desempeñar, sen perda de categoría laboral, o posto que eventualmente puidese asignarlle a empresa.

Artigo 23º.-Xubilación especial ós 64 anos.

No suposto de que os traballadores, acolléndose ó Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, opten

pola modalidade especial de xubilación ós 64 anos. A empresa polo presente convenio obrígase a substituír simultaneamente o xubilado por outro traballador titular do dereito a calquera das prestacións polo desemprego ou xove demandante de primeiro emprego. A xubilación será forzosa ós 65 anos para todo o persoal.

Artigo 24º.-Revisión salarial.

O convenio colectivo desta empresa recollerá os incrementos da masa salarial sobre a correspondente a 1996 dun 4% para tódalas categorías.

En 1998 e 1999 as contías establecidas para os conceptos de salario base, plus de antigüidade, plus de nocturnidade, plus de compensación, plus de toxicidade, plus de convenio, plus de transporte e axudas de custo incrementaranse na mesma porcentaxe có índice de prezos de consumo oficial do ano anterior máis un punto.

Táboa salarial 1997

CategoríasMensualAnual

Xefe de Admón.125.2351.815.908

Of. 2 Admón.100.7601.461.020

E. Xral.104.7311.518.600

Subencargado101.9181.477.811

Ins. distrito99.7791.446.796

Capataz de limpeza95.9621.391.449

Xefe taller101.9141.477.753

Oficial de 1ª98.9721.435.094

Oficial de 2ª97.4321.412.764

Oficial de 3ª95.9641.391.478

Conductor99.0201.435.790

Peón responsable95.9621.391.449

Peóns92.9521.347.804

8470