Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 12 de novembro de 1997 Páx. 10.890

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 1 de outubro de 1997 pola que se lle outorga a Repsol Butano, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Melide.

Visto o escrito presentado pola empresa Repsol Butano, S.A., con enderezo social r/ Arcipreste de Hita, 10, 28015 Madrid, esta consellería ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 26 de decembro de 1996, a empresa Repsol Butano, S.A. dedicada á subministración de gases licuados do petróleo, solicitou, ó abeiro da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de normas básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións no sector de combustibles e do Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, a concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Melide (A Coruña), para o efecto do cal presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da concesión a que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

As características principais das instalacións son as seguintes:

-Estación de G.L.P., composta por 4 depósitos aéreos, cunha capacidade total de almacenamento de 198 m, e dotada de equipo de gasificación, regulación e trasvasamento axeitados ás necesidades de consumo.

-Rede básica de distribución, soterrada na súa totalidade, deseñada para a súa intercambiabilidade con gas natural e construída con tubería de polietileno de media densidade, de diversos diámetros segundo as necesidades de consumo.

O orzamento das instalacións ascende a oitenta e cinco millóns de pesetas (85.000.000 de ptas).

Segundo.-De conformidade co establecido no citado Decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria dictou Resolución con data do 29 de abril de 1997 pola que se someteu a información pública a concesión administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 12-5-1997, no BOP da Coruña do 19-5-1997, no BOE do 8-5-1997 e no xornal La Voz de Galicia do 8-5-1997, sen presentarse ningunha alegación ó respecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con base no Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2.563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, en canto non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Industria,

DISPÓN:

-Outorgarlle á empresa Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Melide.

A presente concesión administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e a cantas outras disposicións se dictasen ou dicten sobre o servicio público de subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 1.700.000 pesetas, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 7º, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e que será devolta unha

vez se formalice o acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do prazo dun ano, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Repsol Butano, S.A. deberá solicitar á Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a autorización administrativa para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas, e debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude que irá acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-As instalacións e as súas montaxes deberán cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados ou, se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e un axeitado e eficente servicio de mantemento das instalacións, reparación de avarías, reclamacións e, en xeral, de atención ós usuarios, sendo responsable da conservación e bo funcionamento das instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes en cada momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos a partir da publicación de esta orde no DOG. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidad Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Repsol Butano, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo

titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde, así como da inspección das obras e montaxes efectuadas.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor teñan que realizarse nas instalacións obxecto desta concesión, deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-En casos de incumprimiento das obrigas do concesionario que poidan afecta-la continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios del, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Poderán ser causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a montaxe delas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose axeitado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde; Repsol Butano, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión das instalacións substituídas, ou ben,

2. A adaptación das cláusulas da concesión ás novas condicións existentes, co fin de mante-lo equilibrio económico financeiro dentro do prazo establecido na condición.

Décimo primeira.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses a contados desde o día seguinte ó da súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

1698