Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 807

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 23 de xaneiro de 1998 pola que se desenvolve parcialmente o Decreto 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por medio do Decreto 116/1997, do 14 de maio, regulouse o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade

Autónoma de Galicia facultándose na súa disposición derradeira o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do citado decreto.

Por todo isto, e vistas as consideracións manifestadas polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia considérase necesario establecer determinadas normas para a execución, desenvolvemento e aplicación do citado decreto, para consegui-la maior transparencia, participación, fluidez e publicidade do proceso electoral para a renovación dos plenos das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ó amparo do disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 116/1997, do 14 de maio, polo que se regula o réxime electoral das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As cámaras darán publicidade á convocatoria nas súas sedes sociais, nas súas delegacións e en dous dos xornais de maior circulación dentro da circunscrición da cámara.

Artigo 2º

As xuntas electorais, a razón dunha por cada cámara oficial de comercio, industria e navegación, constituiranse no prazo dos seis días seguintes á publicación da convocatoria e terán as súas sedes nos enderezos sociais delas.

As cámaras proporcionarán os medios materiais e persoais precisos para o desenvolvemento do traballo das xuntas electorais.

Artigo 3º

Unha vez constituída a xunta electoral correspondente, o secretario xeral da cámara remitiralle unha copia dilixenciada do censo electoral da cámara.

Artigo 4º

Para os efectos de que os posibles candidatos poidan solicita-las sinaturas establecidas no artigo 12.1º do Decreto 116/1997, pola secretaría de cada cámara facilitarase a posibilidade de obter unha copia do censo electoral reducida ó grupo polo que vai ser candidato sempre que se solicite por escrito durante os vinte días seguintes á data de publicación da convocatoria. Transcorrido o dito prazo só se facilitará ós candidatos proclamados a posibilidade de obte-la referida copia do censo electoral.

Artigo 5º

A xunta electoral de cada cámara publicá a proclamación de candidaturas no Diario Oficial de Gali

cia, mediante anuncio no enderezo social da cámara e alomenos nun dos xornais de maior circulación da súa circunscrición, debéndose así mesmo dar publicidade ás candidaturas, no exterior do colexio electoral co nome de tódolos candidatos da categoría, ou no caso de non existir estas do grupo correspondente, ordenados alfabeticamente, determinándose o número de vocalías que deberá elixi-lo elector de cada categoría ou grupo.

Unha vez proclamados os candidatos, cada cámara exporá na súa sede social a relación de electores dos grupos ou categorías onde se vaian a celebrar eleccións, o día delas, así como o horario e lugar no que poderán exerce-lo seu dereito ó voto.

Artigo 6º

Constituirase unha única mesa electoral en cada colexio electoral.

Na sede respectiva de cada cámara existirá un colexio electoral. Non obstante o anterior, a proposta de cada cámara, que deberá facerse antes dos vinte días seguintes á publicación da convocatoria, a xunta electoral respectiva poderá autoriza-la constitución doutros colexios electorais fóra da sede da cámara, determinándose neste caso os municipios ós que estendan a súa circunscrición.

Artigo 7º

Os modelos normalizados de solicitude de voto por correo determinados no artigo 16 do Decreto 116/1997, axustaranse ó establecido nos anexos I e II a esta orde, para persoas físicas e xurídicas respectivamente.

Os ditos modelos normalizados de solicitude de voto por correo serán solicitados persoalmente e por escrito perante as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio e na Dirección Xeral de Comercio e Consumo, no prazo dos oito días seguintes á publicación da convocatoria das eleccións.

Os modelos normalizados serán facilitados de forma individualizada a cada elector, logo da acreditación da súa identidade. Tal acreditación realizarase mediante a exhibición do documento nacional de identidade no caso de persoa física. Para estes efectos non se admitirá fotocopia.

No caso de persoa xurídica, o modelo normalizado de solicitude entregarase unicamente ó apoderado

dela, quen terá que acredita-la súa condición de xeito que faga fe, así como a súa identidade.

A solicitude de voto por correo, logo de acreditación da identidade do peticionario, será entregada cos datos persoais do elector, tanto sexa persoa física ou persoa xurídica e coa data, sinatura da persoa encargada da comprobación e selo do órgano administrativo que facilite o modelo normalizado.

Á solicitude xuntarase copia do documento nacional de identidade no caso de persoas físicas, ou copia do poder suficiente no caso de persoas xurídicas.

Artigo 8º

A votación será secreta e realizarase mediante papeletas que serán introducidas nun sobre e este nunha urna, podendo establecerse unha urna única ou varias urnas. Neste caso diferenciaranse as urnas por un ou varios grupos.

No sobre determinarase a categoría, no caso de existir, e grupo no que se atope inscrito o elector no censo electoral.

Os sobres e papeletas electorais deberán de ser brancos e deberán normalizarse pola cámara respectiva, podendo aparecer en branco ou impresos o grupo ou no caso de existiren as categorías. No caso de aparecer en branco o grupo e categoría, o elector deberá escribi-lo grupo ou categoría a que pertence tanto no sobre como na papeleta, determinando así mesmo o elector na papeleta os candidatos ós que outorga o seu voto.

Artigo 9º

Dos candidatos presentados pola Confederación de Empresarios de Galicia consideraranse elixidos os candidatos que obtiveran maior número de votos. No caso de empate procederase de seguido a unha segunda votación entre os candidatos empatados. Se persistise o empate procederase a unha terceira votación unha hora máis tarde, e no caso de non resolverse, procederase a un sorteo para resolve-lo empate.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

701