Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Xoves, 19 de febreiro de 1998 Páx. 1.736

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

As ordes 2-6-1986 e do 18-10-1991 regulan a tramitación anticipada de expedientes de gasto correspondentes ós capítulos II, IV, VI y VII dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

As modificacións normativas introducidas fundamentalmente pola Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas e pola Lei 11/1995, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, que lle dá nova redacción ó artigo 58.1 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como a experiencia administrativa adquirida, en particular en período de prórroga dos orzamentos, aconsellan darlle unha nova regulación á materia, co obxecto de acadar unha maior axilidade na tramitación de expedientes.

Novidade importante da nova orde vén constituída pola posibilidade de tramitar anticipadamente expedientes de gasto sempre que exista normalmente no orzamento crédito axeitado e suficiente. Isto limítase a aquelas posibles situacións en que con data do 20 de outubro non se encontre aprobado o proxecto de orzamentos para o ano seguinte e ata o momento da súa aprobación. Considérase a data do 20 de outubro, ó ser esta a que determina a Lei de réxime financeiro, como límite para a remisión ó Parlamento do proxecto de orzamentos. Con isto evítase a posible demora administrativa nunha situación de prórroga de orzamentos.

Por outra banda, conforme o disposto no Art. 70.3 da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas, posibilítase a tramitación de expedientes de contratación ata a adxudicación do contrato, cos condicionantes previstos nesta orde. Sen embargo, en expedientes de subvencións e gastos non contractuais poderase chegar como máximo ata o momento anterior á disposición ou compromiso de gasto.

Así mesmo, para a autorización do gasto, establécese a necesidade da expedición dun certificado pola oficina de contabilidade que acredite a existencia de crédito no proxecto de orzamentos ou, se é o caso, informe do centro xestor no que conste que normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vai efectuar.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os expedientes de gasto imputables ós capitulos II, IV, VI e VII dos presupostos xerais da Comu

nidade Autónoma poderán iniciarse, sempre que as necesidades que se vaian satisfacer poidan ser razoablemente previstas con anticipación, nos seguintes supostos:

1.1. No exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no Proxecto dos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do Art. 58 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

1.2. Se chegada a data do 20 de outubro non se estivese aprobado o proxecto de presupostos polo Consello da Xunta para a súa remisión ó Parlamento, segundo se dispón no Art. 52 da Lei 11/1992, poderá igualmente iniciarse a tramitacióin anticipada de expedientes durante o período que medie entre a citada data e a de aprobación do proxecto de presupostos, sempre e cando se acredite que normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vai efectuar.

1.3. No período de prórroga dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma, unha vez aprobado o proxecto de presupostos, sempre que se cumpran os requisitos do apartado 1.1

Artigo 2º

2.1. Na tramitación anticipada de expedientes de gasto de contratación poderá chegarse ata a adxudicación do contrato e a súa formalización correspondente, quedando condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.

No prego de cláusulas administrativas particulares farase constar que a adxudicación do contrato queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para financia-las obrigas derivadas do contrato.

2.2. Os expedientes de contratación con varias anualidades só poderán ser autorizados cando concorran as circunstancias previstas nos puntos 1.1 ou 1.3 do Art. 1º desta orde e, en todo caso, quedarán sometidos ós principios xerais de carácter orzamentario e, en particular, ó disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 3º

3.1. Na tramitación anticipada de expedientes de subvencións e outros gastos non contractuais poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso do gasto.

3.2. Para gastos desta natureza con varias anualidades terá que observarse o que estableza a súa normativa reguladora específica e, en todo caso, deberán concorre-las circunstancias previstas no Art. 2º.2 desta orde.

Artigo 4º

4.1. Para a autorización do gasto, o documento contable RC será substituído por un certificado expedido pola oficina de contabilidade coa conformidade da intervención correspondente, na que se faga constar que está previsto crédito axeitado e suficiente no Proxecto de Presupostos Xerais da Comunidade aprobado polo Consello da Xunta e sometido á aprobación do Parlamento de Galicia correspondente ó ano en que se deba inicia-la execución do gasto.

4.2. Cando se trate de expedientes que se vaian executar en varias anualidades, deberá certificarse igualmente que se cumpren os requisitos de compromisos a que se refire o Art. 58 da Lei 11/1992.

4.3. No caso de non coincidi-la oficina de contabilidade na intervención delegada, o certificado será expedido pola unidade administrativa equivalente.

4.4. Para os equivalentes ós que se refire o Art. 1º.2, o certificado substituirase por un informe que será emitido polo órgano xestor no que se faga constar que normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vai efectuar.

Artigo 5º

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles, debéndose practica-las seguintes actuacións para dar continuidade ó expediente:

a) Ó comezo de cada exercicio, ou en todo caso cando o orzamento fose aprobado, os servicios de Contabilidade verificarán que para os expedientes tramitados anticipadamente existen os oportunos créditos no orzamento de gastos, contabilizando os correspondentes documentos contables RR.CC. de exercicio corrente. Cando se trate de expedientes con varias anualidades comprobarán, ademais de que exista crédito na primeira anualidade, que para as sucesivas se cumpran os límites de compromisos de gastos a que se refire o Art. 58 da Lei 11/1992. Unha vez verificados estes requisitos, contabilizaranse coma no caso anterior os oportunos documentos contables RR.CC. de exercicio corrente e de futuros.

Se non existise crédito ou non se cumprise algún dos requisitos do punto anterior, para os efectos do disposto neste artigo comunicaráselle-la dita circunstancia ós servicios que no seu momento efectuaron a proposta.

b) Os órganos xestores formularán unha dilixencia na que se faga constar que as actuacións practicadas

conservan plenamente a súa validez, por subsisti-las mesmas circunstancias de feito e de dereito que condicionaron no seu día a citada proposta, debendo expedirse os oportunos documentos contables AA ou AA.DD que sirvan de soporte ás anotacións no sistema XUMCO e facendo constar no texto libre destes que son de tramitación anticipada.

Artigo 6º

Tódolos expedientes tramitados ó abeiro desta orde estarán sometidos a intervención previa, de conformidade co establecido no Art. 97 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, quedando igualmente condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Artigo 7º

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dictará as instruccións complementarias que resulten convenientes para a mellor execución do disposto nesta orde, así como para o rexistro contable dos expedientes tramitados ó seu abeiro.

Disposición transitoria

Os expedientes anticipados de gasto que se encontren en proceso de tramitación á entrada en vigor desta orde rexeranse polo disposto nesta.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes da Consellería de Economía e Facenda con data do 2 de xuño de 1986 (DOG nº 118, do 19 de xuño), a de data do 18 de outubro de 1991 (DOG nº 209, do 29 de outubro) e tamén cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda