Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 04 de marzo de 1998 Páx. 2.154

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 232/1998, do 16 de febreiro, sobre ampliación e modificación de medios adscritos ós servicios da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, en materia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

A Constitución, no artigo 149.1.13ª, reserva ó Estado a competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica, establecendo no mesmo artigo 149.1.7ª, que o Estado ten competencia exclusiva en materia de lexislación laboral, sen prexuízo da súa execución polos órganos das comunidades autónomas.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, dispón no seu artigo 29.1 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servicios que nese ámbito, e no nivel de execucion, ostenta actualmente o Estado, e no artigo 30.1.1. que lle corresponde, nos termos dispostos nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución, a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia. Por outra parte, o artigo 31 do propio Estatuto de autonomía establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación da administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que, conforme o apartado primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan; das facultades que lle atribúe ó Estado o

artigo 149.1.30ª da Constitución e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións e servicios en materia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación. Procede efectuar agora, sobre as mesmas previsións constitucionais e estatutarias, unha ampliación e modificación de medios na materia citada.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que teñen que

axustarse os traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 23 de xaneiro de 1998, o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno, mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Adminstracións Públicas, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día trece de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Apróbase o acordo da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto para Galicia adoptado polo Pleno con data do 23 de xaneiro de 1998, polo que se amplían e modifican os medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación, e que se transcribe como anexo do presente real decreto.

Artigo 2º.-En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais e créditos orzamentarios correspondentes, nos termos que resultan do propio acordo e das relacións anexas.

Artigo 3º.-O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da mencionada comisión mixta, sen prexuízo de que o Instituto Nacional de Emprego (Inem) ou demais órganos competentes produzan, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º.-Os créditos orzamentarios que se determinen de conformidade coa relación número 3 do anexo serán dados de baixa nos correspondentes conceptos orzamentarios e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financia-lo custo dos servicios asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que sexan remitidos ó departamento citado, por parte da Oficina Orzamentaria do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, os respectivos certificados de retencion de crédito, para dar cumprimento ó disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado para 1998.

Disposicón derradeira única

O presente real decreto será publicado simultaneamente no BOE e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid, dezaseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Adminstracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

CERTIFICAN:

Que no Pleno da Comisión Mixta de Transferencias, celebrado o día 23 de xaneiro de 1998, se adoptou acordo sobre ampliación e modificación dos medios económicos e persoais adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación, nos termos que a seguir se expresan:

A) Normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se ampara o traspaso.

A Constitución, no artigo 149.1.13ª, resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica, establecendo, no mesmo artigo 149.1.7ª que o Estado ten competencia exclusiva en materia de lexislación laboral, sen prexuízo da súa execución polos órganos das comunidades autónomas.

No artigo 149.1.30ª da Constitución establécese a competencia exclusiva do Estado sobre regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desnvolvemento do artigo 27 da Constitución; artigo este que recoñece, pola súa parte, o papel dos poderes públicos en canto a programación xeral do ensino, inspección e homologación do sistema educativo, para garanti-lo cumprimento das leis. Pola súa parte, o artigo 30 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, remite a ordenación da formación profesional ocupacional á súa normativa específica de carácter laboral.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no artigo 29.1. que corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servicios que neste ámbito, e no nivel de execución, ostenta actualmente o Estado, e, no artigo 30.1.1, que lle corresponde en termos do disposto nos artigos 38, 131, e 149.1.11ª e 13ª da Constitución, a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

Por outra parte, o artigo 31 do propio Estatuto de autonomía establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o apartado primeiro do seu artigo 81, o desenvolven, das facultadas que lle atribúe ó Estado o artigo 149.1.30ª da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía.

Procede, en consecuencia, que a Comunidade Autónoma de Galicia a suma as funcións en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación que vén desempeñando a Administración do Estado.

B) Medios persoais traspasados que se amplían.

Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais que nominalmente se indican na relación adxunta numero 1, quedando incorporada a dita relación á aprobada polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto.

C) Medios traspasados que se modifican.

Quedan sen efecto o traspaso dos medios persoais que se indican na relación adxunta número 2, que figuraban na correspondente relación de persoal adxunta ó Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto.

D) Valoración das cargas financeiras correspondentes ás funcións e servicios que se traspasan.

1. A valoración definitiva do custo efectivo que, en pesetas de 1996, corresponde ós medios que se amplía á Comunidade Autónoma de Galicia, elévase a 185.397.996 pesetas.

2. O financiamento en pesetas de 1998 que corresponde ó custo efectivo anual dos servicios traspasados detállase na relación número 3.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 3 financiarase da seguinte forma:

Transitoriamente, ata o momento en que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, este custo financiarase mediante a consolidiación na seccion 32 dos orzamentos xerais do Estado, dos créditos relativos ós diferentes compoñentes do custo efectivo, polos importes que se determinen susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento das funcións transferidas, serán obxeto de regularización, se é o caso, ó peche do exercicio económico que corresponda, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

4. Trasfírese á Comunidade Autónoma de Galicia, por unha soa vez e sen integrarse no custo efectivo dos servicios traspasados, a cantidade de 120.000.000 de pesetas en concepto de gastos para a adecuación do local situado na rúa Baiona, número 28, do polígono de Coia, de Vigo (Pontevedra).

E) Data de efectividade do traspaso.

A ampliación de medios obxecto do presente acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 1998.

E para que conste expídese a presente certificación en Madird o 23 de xaneiro de 1998. Os secretarios da Comisión Mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín.