Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 04 de marzo de 1998 Páx. 2.158

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 233/1998, do 16 de febreiro, sobre ampliación de funcións, servicios e medios traspasados polos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, á Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución española establece no seu artigo 149.1.5º que o Estado ten competencia exclusiva en materia de Administración de xustiza.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.un que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou lle atribúan ó Goberno do Estado.

Polos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento a que teñen que se axusta-los traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa sesión do Pleno, celebrada o día 23 de xaneiro de 1998, o oportuno acordo, a virtualidade práctica do cal esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día trece de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia, polo que se amplían as funcións, servicios e medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, adoptado polo Pleno da dita comisión na súa sesión do día 23 de xaneiro de 1998, que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º.-En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións, servicios, así como os bens, dereitos, obrigas, persoal e créditos orzamentarios correspondentes, nos termos que resultan do propio acordo e das relacións anexas.

Artigo 3º.-O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade nos termos previstos no propio acordo da comisión mixta, sen prexuízo de que o Ministerio de Xustiza produza, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Artigo 4º.-Os créditos orzamentarios que se determinen de acordo coa relación número 3 serán dados de baixa nos conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda ós conceptos habilitados na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado, destinados a financia-lo custo dos servicios asumidos polas comunidades autónomas, unha vez que lle remitan ó departamento citado, por parte da Oficina Orzamentaria do Ministerio de Xustiza, os respectivos certificados de retención do crédito, co fin de lle dar cumprimento ó disposto na normativa vixente sobre orzamentos xerais do Estado para 1998.

Disposición derradeira única

O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid o dezaseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta de Transferencias, celebrada o día 23 de xaneiro de 1998, se adoptou un acordo de ampliación de funcións, servicios e medios traspasados polos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, de 2397/1996, do 22 de novembro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, nos termos que a seguir se expresan:

A) Normas constitucionais e estatutarias en que se ampara o traspaso.

De conformidade co artigo 149.1.5º da Constitución, o Estado ten competencia exclusiva en materia de Administración de xustiza.

Segundo o artigo 20.uno do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación á Administración de xustiza, correspóndelle á Comunidade Autónoma exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial lle recoñezan ou lle atribúan ó Goberno do Estado.

Así mesmo, o artigo 24.2 do referido Estatuto de autonomía de Galicia, establece que lle corresponde integramente ó Estado, de conformidade coas leis xerais, a organización e o funcionamento do Ministerio Fiscal.

Polos reais decretos 2166/1994 e 2397/1996 aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza.

Procede efectuar agora, sobre as mesmas previsións constitucionais e estatutarias, unha ampliación de funcións, servicios e medios nas materias citadas.

B) Funcións e servicios da Administración do Estado que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servicios que dentro do territorio de Galicia desempeña a Administración do Estado sobre provisión de medios materiais e económicos ó servicio de fiscalías e dos institutos de medicina legal ó servicio da Administración de xustiza.

2. Permanecerán na Administración do Estado e seguirán a ser desempeñadas polo Ministerio de Xustiza as funcións de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento dos órganos do Ministerio Fiscal con competencia en todo o territorio nacional.

C) Persoal que se traspasa.

Os medios persoais obxecto do presente traspaso son os que se detallan na relación número 2. O dito persoal pasará a depender da Comunidade Autónoma nos termos previstos na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, e demais normas en cada caso aplicables e nas mesmas circunstascias que se especifican na relación citada e constan, en todo caso, nos seus expedientes de persoal.

A Subsecretaría do Ministerio de Xustiza notificaralles ós interesaos o traspaso e a súa nova situación administrativa tan pronto como o Goberno aprobe o presente acordo por real decreto. Así mesmo, remitiráselles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia os expedientes deste persoal, así como os certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas por eles.

D) Valoración das cargas financeiras dos servicios e medios que se traspasan.

1. A valoración definitiva do custo efectivo que, en pesetas de 1996, lles corresponde ós servicios e medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia elévase á 60.755.971 pesetas.

2. O financiamento, en pesetas de 1998, que lle corresponde ó custo efectivo anual dos servicios e medios traspasados detállase na relación adxunta número 3.

3. O custo efectivo que figura detallado nos cadros de valoración da relación número 3 financiarase da seguinte forma:

Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para revisa-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o custo total financiarase mediante a consolidación na sección 32 dos orzamentos xerais do Estado dos créditos relativos ós distintos compoñentes do dito custo, polos importes que se determinen, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de orzamentos.

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio, a que se refire o parágrafo anterior, respecto do financiamento dos servicios transferidos, será obxecto de regularización ó cerramento do exercicio económico, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes ante unha comisión de liquidación que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

4. Transfírese á Comunidade Autónoma de Galicia, por unha soa vez e sen se integrar no custo efectivo dos servicios traspasados, a cantidade de 60.000.000 de pesetas por obras de adaptación das audiencias provinciais para a celebración de xuízo con xurado e obras de remodelación do Pazo de Xustiza de Ourense. Así mesmo, a Administración do Estado transferiralle á Comunidade Autónoma de Galicia, para gastos de investimento en infraestructura de edificios, sedes de órganos xudiciais, por unha soa vez e sen se integrar no custo efectivo dos servicios traspasados, a cantidade de 325.000.000 de pesetas, con cargo ós créditos orzamentarios situados no Ministerio de Xustiza.

E) Data de efectividade.

O presente acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 1998.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid o 23 de xaneiro de 1998.

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín. Secretarios da Comisión Mixta.