Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 04 de marzo de 1998 Páx. 2.160

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

REAL decreto 234/1998, do 16 de febreiro, sobre ampliación dos medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo e 971/1984, do 28 de marzo.

O artigo 149.1.13ª e 23ª da Constitución establece que o Estado ten competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica e a lexislación básica sobre a protección do medio ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, dispón no seu artigo 30 que, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e da política monetaria do Estado, corresponde á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución a competencia exclusiva en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear. Así mesmo, correspóndelle a competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre protección do medio e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23ª da Constitución.

Mediante os reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, e 971/1984, do 28 de marzo, foron traspasados funcións e servicios da Administración do Estado, así como os medios adscritos a eles á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria e medio ambiente, medios que procede ampliar a completar.

O Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determina as normas e o procedemento ós que se deberán axusta-los traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no real decreto citado, que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, esta comisión adoptou, na súa reunión do día 23 de xaneiro de 1998, o oportuno acordo, do que a virtualidade práctica esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día trece de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia polo que se amplían os bens, dereitos e obrigas da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria e medio ambiente, adoptado polo Pleno da dita comisión, na súa sesión do día 23 de xaneiro de 1998, e que se transcribe como anexo ó presente real decreto.

Artigo 2º.-En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigacións, que se relacionan no referido acordo da comisión mixta, nos termos alí especificados.

Artigo 3º.-Os traspasos a que se refire este real decreto terán efectividade a partir do día sinalado no acordo da mencionada comisión mixta, sen prexuízo de que os ministerios competentes produzan, ata a entrada en vigor deste real decreto, se é o caso, os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivesen no momento da adopción do acordo.

Disposición derradeira única

O presente real decreto será publicado simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e adquirirá vixencia a partir da súa publicación.

Dado en Madrid o dezaseis de febreiro de mil vovecentos noventa e oito.

Xoán Carlos R.

Mariano Rajoy Brey

Ministro de Administracións Públicas

ANEXO

Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía de Galicia

CERTIFICAN:

Que no Pleno da Comisión Mixta de Transferencias, celebrado o día 23 de xaneiro de 1998, se adoptou un acordo sobre ampliación dos medios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, e 971/1984, do 28 de marzo, en materia de industria e medio ambiente, nos termos que a seguir se detallan:

A) Referencias a normas constitucionais e estatutarias nas que se ampara o traspaso.

O artigo 149.1, 13ª, 23ª da Constitución establece que o Estado ten competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica e a lexislación básica sobre a protección do medio ambiente, sen prexuízo das factultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, dispón no seu artigo 30 que, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigo 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución a competencia exclusiva en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear. Así mesmo, correspóndelle competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre protección de medio ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23ª da Constitución.

Mediante os reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, e 971/1984, do 28 de marzo, foron traspasados funcións e servicios da Administración do Estado, así como os medios adscritos a eles á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria e medio ambiente.

Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, regulan o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias, así como a forma e condicións a que deben axustarse os traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sobre a base destas previsóns constitucionais, estatutarias e legais, procede realiza-la ampliación

dos medios traspasados en materia de industria e medio ambiente, á Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Bens, dereitos e obrigas que se amplían.

1. Amplianse á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigas que se detallan na relación adxunta número 1.

2. No prazo dun mes desde a aprobación deste acordo asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción do mobiliario, equipo e material inventariable.

C) Documentación e expedientes dos medios que se amplían.

A entrega da documentación e expedientes dos medios que se amplían realizarase no prazo dun mes desde a publicación do Real decreto polo que se aproba este acordo, e de conformidade co establecido no artigo 8 do Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro.

D) Data de efectividade.

A ampliación de medios obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de abril de 1998.

E para que conste, expedímo-la presente certificación en Madrid, 23 de xaneiro de 1998. Os secretarios da Comisión Mixta, Rosa Rodríguez Pascual e Alfonso Vaquero Marín.

Relación número 1

Bens que se traspasan

Nome e usoEnderezoLocalidadeSuperficie

Planta de reciclaxe

de pilas e baterías

usadas de orixe

doméstica.

Polígono

industrial

das Somozas,

parcela G.

A CoruñaNave de

construcción

metálica de

550 m