Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 06 de marzo de 1998 Páx. 2.255

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de xaneiro de 1998 pola que se promoven accións de integración laboral e estímulo da formación empresarial dos alumnos que rematan estudios de formación profesional regrada ou de educación secundaria obrigatoria no curso 1997-1998.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena no regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, nos seus artigos 55 e) e 60.2º, establece que a Administración educativa garantirá unha atención prioritaria á orientación educativa e profesional dos alumnos, especialmente no que se refire ás distintas opcións educativas e á transición do sistema educativo ó mundo laboral.

A Lei 11/1992, do 7 outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1998 establecen os requisitos e normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira.

Ademais, continuando coa liña establecida na Orde do 20-3-1995 (Diario Oficial de Galicia do 12-4-1995) é preciso regula-las axudas que permitan promover accións de integración laboral e estímulo de formación empresarial para alumnos que rematan

estudios de formación profesional específica ou ESO no curso 1997-1998. Estas actividades inclúense no obxectivo 1 do marco de apoio comunitario para o período 1994-1999, concretamente no eixe 7 sobre valoración de recursos humanos, para o que se destinan nas accións financiables recursos do Fondo Social Europeo.

Por conseguinte, as propostas que amparan esta orde pretenden contribuír a dinamiza-las iniciativas dos centros, dos axentes sociais e institucións ligadas ó mundo laboral, para lograr unha fluidez de información e actuacións de integración profesional con vistas a favorece-las decisións futuras dos mozos, o emprego e a competitividade das empresas do seu contorno. Trátase dunha adecuación das iniciativas recollidas no Libro Branco da Comisión, antes mencionado, presentado polo Consello Europeo en decembro de 1993 e recollidas no Plan de Emprego Xuvenil aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 21 de abril de 1994 e previstas nas accións cofinanciadas polo F.S.E.

Polo que, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A presente convocatoria ten por obxecto establecer axudas para o desenvolvemento das seguintes actividades:

-Reunións, xornadas, cursos, conferencias, seminarios nos que se traten temas de integración laboral e busca de emprego.

Os destinatarios destas accións serán os alumnos dos seguintes cursos e niveis educativos por esta orde de preferencia: 2º FP1, 3º FP2, 4º ESO, alumnos que rematen un módulo de nivel 2 ou un ciclo formativo de grao medio ou superior.

As actividades deberán levarse a cabo antes do 31 de xullo de 1998 en grupos de quince alumnos como mínimo, e desenvolveranse en colaboración cos institutos a través dos seus:

-Departamentos da área tecnolóxico-práctica e, en especial, os departamentos responsables da impartición da formación empresarial e da formación e orientación laboral.

-Departamentos de orientación.

Artigo 2º.-As referidas accións teñen obxectivos interrelacionados:

a) Informa-los mozos das vantaxes de predetermina-lo seu itinerario profesional.

b) Estimula-lo profesorado para que estableza contactos co mundo productivo e anime á colaboración do centro educativo e máis ás empresas do contorno para incorporaren os xoves ó mundo productivo.

c) Evita-lo desemprego e a espera da incorporación ó traballo.

d) Potenciar e estimula-la creación de asociacións, cooperativas ou o exercicio do traballo autónomo entre os mozos/as que estean nos cursos de fin de ciclo, etapa, previos á integración laboral.

e) Difundi-la existencia e funcionamento do Servicio Galego de Colocación e das empresas de traballo temporal.

Artigo 3º.-Poderán concorrer a esta convocatoria as institucións sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia que promovan actividades que teñan por obxectivos os sinalados no artigo anterior.

En todo caso, terán prioridade para a concesión destas axudas as institucións que teñan entre os seus obxectivos a promoción da integración laboral e estímulo da formación empresarial, ou que veñan colaborando coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no desenvolvemento do programa de prácticas en empresas.

Artigo 4º.-O titular ou representante legal da entidade demandante presentará a instancia por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificios administrativos de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles a partir da publicación da presente orde.

Artigo 5º.-As solicitudes, por duplicado, axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento das actividades, tamén por duplicado, conforme o anexo II. Xuntaráselle á documentación sinalada unha certificación bancaria da conta corrente e nome do representante legal da entidade solicitante na que se desexe que se ingrese o importe da subvención e fotocopia compulsada dos estatutos e da acta de constitución da entidade solicitante.

Así mesmo, cando as accións teñan lugar nun centro educativo deberá achegarse conformidade do consello escolar correspondente.

Artigo 6º.-Baixo a presidencia do director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional

constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós servicios provinciais de Inspección.

-O xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (Diario Oficial de Galicia do 1 de xuño).

Artigo 7º.-O importe total das axudas económicas efectuaranse con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.483.0. da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ata un total de 30.000.000 de ptas. A teor do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1998 en trámite parlamentario.

Artigo 8º.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde o remate do prazo de presentación daquelas.

A selección e contía das axudas establecerase de acordo coas seguintes prioridades:

a) Programas de colaboración dos departamentos de formación empresarial ou de orientación con empresas ou asociacións empresariais.

b) Actividades con carácter innovador dirixidas á inserción do alumno/a no mundo laboral coa participación dos orientadores dos centros.

c) Accións destinadas a fomenta-la igualdade de oportunidades para as mulleres e os homes.

d) Iniciativas que desenvolvan sistemas de asesoramento e orientación para os mozos/as, que lles

axuden a coñecer e avalia-lo seu potencial profesional.

e) Proxectos que axuden a localizar información sobre a oferta formativa-profesional no ámbito local ou comarcal co efecto de lograr un maior impacto no emprego.

f) Propostas tendentes a sensibiliza-los diferentes sectores económicos, servicios de emprego e formación, etc., a través de seminarios específicos de intercambio e publicación de medidas que canalicen toda a información sobre o emprego.

g) Accións que sirvan de reforzo ás políticas e ós programas comunitarios, en especial no ámbito do emprego, os recursos humanos e a integración no mercado de traballo.

Artigo 9º.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, material didáctico e posta en práctica do proxecto, que en ningún caso preverá viaxes colectivas. As axudas serán aboadas da seguinte forma:

1. Unha vez resolta a convocatoria e aceptada a subvención polos interesados, aboarase o 10% da súa contía, logo da xustificación provisional consistente na certificación de que deron comezo as actividades. Xuntarase, por parte das entidades solicitantes, relación nominal cos DNI dos alumnos receptores, dos relatores e coordinadores da acción. Os grupos terán como mínimo 15 alumnos.

2. Libraranse, en concepto de pagos parciais, as cantidades que xustifiquen as entidades, sen exceder, en ningún caso, do 70% da cantidade total da subvención.

3. A cantidade restante librarase unha vez rematada a actividade no momento da súa completa xustificación económica por parte do beneficiario e entrega da memoria de actividades, achegando certificación acerca da percepción ou non percepción doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º.-Na medida en que estas actividades se desenvolven nos centros de formación profesional, a inspección educativa velará polo desenvolvemento destas accións e asegurarase de que a súa realización sexa compatible coas actividades docentes dos centros educativos, cando se leven a cabo en período lectivo.

Artigo 11º.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-A gratuidade das actividades.

-A xestión directa do proxecto subvencionado.

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-A notificación urxente dos cambios que puidesen producirse en relación co desenvolvemento da actividade, para a súa aprobación ou non pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-A cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-A certificación dos gastos dos fondos recibidos no prazo que se determine.

-Comunica-lo número real de participantes e os axustes realizados.

-Achegar copia dos contratos, se é o caso, do persoal laboral contratado.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Artigo 12º.-Como remate de todo o proceso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar, no Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica no transcurso dos 30 días hábiles posteriores á finalización da acción, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate.

A memoria incluirá xustificación económica detallada (un orixinal e dúas copias).

Artigo 13º.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional realizará o seguimento dos proxectos subvencionados.

Artigo 14º.-A subvención poderá ser revogada, despois da audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto presentado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria, e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente.

Artigo 15º.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO II

Modelo de proxecto

1. Obxectivos do proxecto.

2. Contidos e metodoloxía do proxecto.

3. Destinatarios.

4. Equipo docente.

5. Materiais didácticos.

6. Condicións para a implementación do programa:

6.1. Valoración económica dun curso.

6.2. Centros onde se van imparti-los cursos.

6.3. Nº de cursos do proxecto.

6.4. Calendario de impartición.

6.5. Equipo docente.