Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 1998 Páx. 3.048

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 12 de marzo de 1998 polo que se anuncia a contratación do secretario xeral da fundación.

O padroado da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria, con domicilio en Santiago de Compostela, na súa reunión celebrada o día 12 de marzo de 1998, acordou, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 11.f) dos seus estatutos, aprobados polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de decembro de 1997, inicia-lo procedemento para o nomeamento do secretario xeral da fundación, nos termos previstos no artigo 5 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

En consecuencia, anúnciase publicamente a súa contratación conforme as seguintes bases:

Primeira.- A designación do secretario xeral corresponderá ó padroado da fundación, formalizándose coa persoa designada un contrato laboral de alta dirección regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, cun nivel retributivo axeitado ó seu cometido funcional. A duración do dito contrato non poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as disposicións aplicables na materia.

Segunda.- Os aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos nel alegados.

As ditas solicitudes irán dirixidas ó presidente do padroado da fundación e remitiranse ó rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sito en San Caetano, Santiago de Compostela, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.- Se resultase nomeada unha persoa que teña a condición de empregado público, tramitarase da súa Administración de orixe o pase á situación administrativa que lle corresponda.

Cuarta.- A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto, de considerarse oportuno, o órgano convocado.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 1998.

José María Hernández Cochón

Presidente do padroado da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria

2029g