Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 02 de abril de 1998 Páx. 3.392

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de marzo de 1998 pola que se anuncian subvencións para a reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural.

Diante da situación de actividade primaria existente no noso espacio rural que xeraba unhas grandes fluctuacións económicas e provocaba o éxodo da poboación, a Xunta de Galicia decidiuse desde os últimos anos a incentivar e fomentar alternativas de investimento co fin de corrixir esta circunstancia. A liña de actuación, desde o plano turístico, pasou por fomentar que os cidadáns do medio rural dedicaran as súas vivendas á nova modalidade de turismo rural.

Este novo concepto de turismo enmarcábase en catro liñas básicas. Por unha banda, creaba para os cidadáns unha nova alternativa de lecer. Outra liña era a potenciación e comercialización, mediante restauración e rehabilitación do noso patrimonio arquitectónico rural. En terceiro lugar, isto levaba consigo unha dinamización económica da zona na que se encontraban. Finalmente, e desde a perspectiva turística, pretendíase con esta actuación incidir nunha desestacionalización e diversificación do noso turismo, xerando con isto un turismo sostible.

Desde a Xunta de Galicia, e a pesar da valoración positiva do acadado ata o momento, entendemos que debemos mellorar esta oferta de turismo rural incidindo, fundamentalmente, na calidade.

A presente orde busca esta finalidade para os establecementos xa abertos que se concreta nunha adaptación das instalacións dos establecementos, á Orde do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural. Polo tanto, coa presente orde preténdense pequenos investimentos que leven a adapta-las casas á normativa do 95.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Dirección Xeral de Turismo asignados con esta finalidade no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 22-1-1998 e seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á reforma, adaptación e mellora de establecementos de turismo rural e, polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

Poderán ser beneficiarios de subvención, de conformidade co sinalado na presente orde, as persoas físicas e xurídicas propietarias de inmobles dedicados a turismo rural.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia concederá as ditas subvencións con cargo á aplicacion orzamentaria 10.05.751A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1998. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, aplicarase o que dispón o artigo 36.dous.B).2.e) do sinalado proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1998 e, se é o caso, a de 1999.

Artigo 3º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á:

1º Adaptación e reforma das instalacións e servicios dos establecementos de turismo rural, abertos con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, coa finalidade de que estes establecementos axusten as súas instalacións e servicios ás esixencias que, para este tipo de establecementos, se sinalan nos artigos 10º e 11º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996.

2º Mellora-la oferta turística que están a da-los establecementos de turismo rural abertos con anterioridade á entrada en vigor da presente orde, aínda que non precisasen axusta-las súas instalacións e servicios ás esixencias da antedita orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995.

En todo caso, e para os efectos de valoración das solicitudes, a prioridade para a concesión das subvencións, sempre e cando o expediente cumpra tódolos requisitos que se determinan nesta orde, será a seguinte:

1º Obras de adaptación.

2º Obras de reforma.

3º Obras de mellora.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material do investimento como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, non sendo subvencionable o equipamento, a excepción do telefónico, nin as taxas e impostas legalmente esixibles.

Artigo 4º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita orde de ordenación, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos, cando impliquen a realización de calquera tipo de obra, serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas súas relacións co lugar; así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais, e a sectorización segundo as plantas. Manteranse os volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá propor solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) A superficie pechada destinada a habitacións (e os seus baños) non poderá ser maior cá destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación, salvo que un informe técnico determine que o investimento que posibilite o esixido neste apartado sexa de tal magnitude que resulte antieconómico.

c) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que empezar durante o ano 1998 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes presenten certificación valorada das obras realizadas, asinada por técnico facultativo e visada polo correspondente colexio oficial.

d) Os propietarios dos establecementos de turismo rural subvencionado adquiren os seguintes compromisos:

1. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data que se lle concedeu por vez primeira pola Administración turística a autorización provisional para o funcionamento do establecemento.

2. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

3. Mante-lo establecemento aberto e en funcionamento durante once meses ó ano e adscribirse á central de reservas de Turgalicia.

4. Da xestión do establecemento.

4.1. Asumi-la xestión do establecemento cando sexa unha persoa física pero, non obstante, nos casos

de forza maior, poderase facer cargo desta xestión, de modo temporal, outra persoa que resida co titular da vivenda subvencionada, ou con carácter definitivo, nos casos de morte, xubilación ou incapacidade do sinalado beneficiario. En todo caso, calquera destas alteracións precisará autorización previa da Administración turística.

4.2. Se a titularidade do establecemento de turismo rural que se subvencione corresponde a unha persoa xurídica, nos clasificados como hospedería, deberá residir no inmoble alomenos unha persoa física con poder dabondo para representala e xestiona-lo establecemento. Este apoderamento, que deberá figurar inscrito no Rexistro Mercantil, presentarase verificado en canto é suficiencia pola Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, no momento de solicitude de reapertura do establecemento. No caso de que o establecemento estea clasificado como residencia, o titular do establecemento comprométese a todo o sinalado neste parágrafo, agás ó deber de residencia na vivenda.

5. Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada incorporada á solicitude, nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola Administración turística. Tamén se compromete a manter estes postos de traballo durante 3 anos, contados desde a súa creación.

No caso de non cumprirse en tempo e forma, estas compromisos e, consonte o sinalado no artigo 78.5º c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

e) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido, serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo das delegacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

f) Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda de ata o 35% do orzamento do investimento sub

vencionable cando este se refira á execución dun dos investimentos previstos no artigo 6º.1.e).1º, desta orde ou de ata o 25% cando o investimento sexa un dos previstos no artigo 6º.1.e).2º desta orde máis, en ámbolos casos, 500.000 ptas. por posto de traballo creado segundo declaración xurada que se incorpora ó expediente; a porcentaxe de subvención concedida, con respecto ó investimento subvencionable, incrementarase en 5 puntos porcentuais se o proxecto supón a creación de comedor para o establecemento. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo e a documentación que a seguir se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Servicio Provincial de Turismo-correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo dun mes, contado desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) 1º Proxecto básico asinado por técnico facultativo competente, no que se faga consta-lo seu número de colexiado, cando o investimento se refira á realización de obras. Así mesmo, será preceptivo remiti-lo dito proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vinculadas coa seguridade desta ou da dos seus usuarios.

2º Memoria explicativa, asinada, así mesmo, por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento telefónico, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións, sempre e cando estes investimentos non se atopen vinculados coa seguridade do establecemento ou da dos seus usuarios. Á dita memoria achegaránselle-los correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En calquera de ámbolos casos, é dicir, tanto co proxecto como coa memoria explicativa, farase constar no expediente, obrigatoriamente, o seguinte:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado cando a edifi

cación para a que se solicita a subvención non a percibira con anterioridade da Dirección Xeral de Turismo.

-Fotografías actuais do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do investimento e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, segundo corresponda, e especificándose o importe detallado de cada un deles, os elementos ou os capítulos que conforman o investimento; así como, se é o caso, o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Planos do estado actual e do proxectado, a escala mínima 1:50, cando o investimento afecte a distribución ou uso das instalación existentes.

-Resumo dos materiais e acabados propostos.

-Características técnicas do investimento.

-Prazo previsto para a execución.

f) Documento actualizado de estar de alta no Imposto de Actividades Económicas, no epígrafe correspondente á explotación de establecementos de aloxamento turístico.

g) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita a subvención.

h) Documentos acreditativos, se é o caso, de asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou de persoal ó servicio do establecemento. Neste caso deberá achegarse o TC1 correspondente.

i) Declaración xurada, se é o caso, na que se determine que, logo do remate das obras que se subvencionen ó abeiro desta orde, solicitará o interesado o cambio da clasificación do establecemento da modalidade de residencia á de hospedería.

j) Declaración xurada, se é o caso, dos postos de traballo que se vaian crear coa execución do investimento proxectado.

2. Os interesados emendarán, a requirimento da Dirección Xeral de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido

no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño), e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indica-las faltas de adaptación do establecemento para o que se solicita subvención á orde de ordenación, a súa data de autorización, así como un informe de valoración da prestación do servicio de oferta de turismo rural conforme a normativa vixente do establecemento para o que se solicita subvención.

As ditas solicitudes serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, ou funcionario en quen delegue, que a presidirá, actuando como vocais ós xefes dos servicios provinciais de Turismo, ós xefes dos servicios de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo, o xefe da área de Turismo Rural de Turgalicia e un representante de cada unha das delegacións provinciais da consellería.

Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedite xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Reconversión do establecemento da modalidade de residencia á de hospedería.

-A zona onde está o establecemento, en función da súa oferta, servicios, recursos e calidade medioambiental.

-Postos de traballo que se crearán coa execución do investimento proxectado.

-As características do investimento, en función das necesidades do establecemento, para o que se solicita subvención.

O informe do xefe do Servício Provincial de Turismo a que se fai referencia no parágrafo primeiro do artigo 7º desta orde.

-O informe do xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico Turística sobre o investimento proxectado.

-O estado actual das instalacións e oferta de servicios.

-As sancións firmes impostas ó establecemento por un funcionamento defectuoso na calidade dos servicios ofertados.

-A ocupación dos últimos 2 anos ou, se é o caso, desde a súa apertura.

-A asistencia a cursos de formación en materia de servicios turísticos do titular ou de persoal ó servicio do establecemento.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará, cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará ó director xeral de Turismo proposta de concesión ou denegación de subvención. Todo o acordado pola Comisión de Valoración e Selección se recollerá na correspondente acta.

3. O director xeral de Turismo, vista a proposta elevada pola Comisión de Valoración e Selección, dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, 1999 e, se é o caso, do 2000.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 8º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas. Se o beneficiario comunicase a aceptación, deberase achegar esta no modelo sinalado no anexo III da presente orde. Se transcurridos os sinalados quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. No prazo de dous meses, contados desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo:

-Certificación bancaria actualizada da conta onde se aboará a subvención.

-Licencia urbanística de obras, expedida polo concello, que posibilite a execución do investimento obxecto de subvención. Excepcionalmente, e por razóns non imputables ó interesado, poderase aplaza-la presentación deste documento. De non precisarse a dita licencia, será preciso que o concello así o certifique.

Así mesmo, cando o investimento fose un dos determinados no artigo 6.1.e) 1º desta orde, o beneficiario, á parte do sinalado, entregarao por duplicado exemplar:

Proxecto definitivo da acción subvencionada, visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento.

Os ditos proxectos e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberán ser informados favorablemente e de maneira conxunta polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

Se, transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o director xeral de Túrismo, vista a proposta que lle formule a comisión de selección de proxectos, poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos das correspondentes comisións de valoración.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o seu importe se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1998: 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de novembro de 1999.

Fase de 2000: 30 de xuño de 2000.

Se a subvención se imputou só ó exercicio de 1998, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1998.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán a Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións previstas no artigo 6º.1.e).1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións previstas no artigo 6º.1.e).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberá o interesado, especificar a que concepto do investimento que servía de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social.

3.4. Documento acreditativo de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

3.5. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegara con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.6. Certificación de residencia do titular, emitida polo concello, da localización do investimento subvencionado, se o solicitante é persca física; e certificación, expedida polo Rexistro Mercantil do domicilio social da empresa no municipio de localización do investimento subvencionado, se o beneficiario é persoa xurídica. Esta certificación, en calquera de ámbolos casos, será obrigatorio presentala coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos.

3.7. Acta de manifestacións do propietario do inmoble, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 4º.d) da presente orde. Esta certificación será obrigatorio presentala coa primeira solicitude de pagamento.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1998 ou, se for o caso, de 1999, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 36.Dous.B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigo 78 é 79

da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ós establecementos que reciban subvención ó abeiro desta orde e que estean sometidos á obriga de adecua-las súas instalacións e servicios no prazo sinalado na disposición transitoria primeira da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996, determínaselles que o dito prazo será o que teñan sinalado como data límite de xustificación da subvención concedida. No caso de solicitala e non recibila por mor de limitacións orzamentarias sinalarase na resolución comunicatoria deste feito o prazo de adecuación das súas instalacións e servicios, que en ningún caso poderá supera-lo 30-6-1999.

Segunda.-Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto realizados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que ó se dicta-lo acordo de compromisos de gasto subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento no que foron producidos aqueles actos.

Disposicións adicionais

Primeira.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos, a xornada completa ou a tempo parcial.

-De duración determinada, de carácter formativo (en prácticas ou de aprendizaxe) ou de lanzamento de nova actividade.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Se for o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Segunda.-Excepcionalmente admitiranse nos proxectos obras ex novo que sirvan para dar cumprimento ós requisitos establecidos nos artigos 10º e 11º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecementos

de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996, sempre e cando o titular do establecemento asuma a xestión deste na modalidade de hospedería. En calquera caso, esta excepción non exime de que o establecemento cumpra tódalas demais condicións particulares establecidas no artigo 3º da presente orde.

Terceira.-No caso de que a propiedade do inmoble dedicado a turismo rural lle corresponda a unha persoa física pero a xestión do establecemento a realice unha persoa distinta do propietario e a dita circunstancia estea autorizada expresamente pola administración turística, os documentos ó que se fai referencia nos artigos 6º.1.f) e 9º.3.4 desta orde teñen que ser da persoa autorizada para a xestión. No caso dos documentos ós que se fai referencia nos artigos 9º.3.3 e 9º.3.6 teñen que ser tanto os do propietario como os da persoa encargada da xestión.

Cuarta.-A devolución do aval ou avais que o interesado se remitiu para garanti-los anticipos de pagamento da subvención concedida seranlle devoltos no momento en que se demostre fidedignamente a creación dos postos de traballo a que se comprometou.

Quinta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 8º.2 desta orde así como os prazos establecidos no artigo 9º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2000. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 8º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-En todo o non previsto na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Terceira.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo