A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 31 de outubro de 1997, aprobou o proxecto de 181 P.O.L. 97, Cospeito, E.P. de Feira do Monte a Castro e, na sesión celebrada o día 27 de outubro de 1997, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 14 de xaneiro de 1998, baixo o número 381.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 25 de febreiro de 1998, nº 2497.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económico local e os terreos se precisan para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
Artigo único.
De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de 181 P.O.L. 97, Cospeito, E.P. de Feira do Monte a Castro.
Santiago de Compostela, vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

