O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, que é competencia plena desta Comunidade Autónoma o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas
competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.
A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as Administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado e fomentarán a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecendo e estimulando o traballo en equipo dos profesores.
Pola súa parte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establece como modalidade fundamental de formación do profesorado a formación en centros. Esta modalidade responde a tres ideas básicas:
a) Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado identificadas no propio centro e ás que se derivan da implantación do actual sistema educativo.
b) Fomenta-la colaboración entre o profesorado do centro e os asesores ou asesoras técnico-pedagóxicos implicados nas diferentes fases da formación: planificación, desenvolvemento, avaliación.
c) Establecer liñas de traballo para a mellora do funcionamento dos centros, nos seus distintos ámbitos.
Isto supón a participación do profesorado no deseño da súa propia formación, desde unha perspectiva de equipo e en función dun proxecto conxunto. Coa finalidade de facilita-lo desenvolvemento desta formación nos propios centros docentes cómpre proceder a facer pública a oportuna convocatoria que, coa implicación das asesorías técnico-pedagóxicas desde a propia fase planificadora, contribuirá a unha maior rendibilidade do esforzo formativo emprendido polo colectivo do profesorado.
En consecuencia, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro.- Convocar proxectos de formación e de asesoramento nos centros educativos de niveis non universitarios para impulsa-los proxectos pedagóxicos baseados nun traballo común do equipo docente, xa sexan dos equipos de ciclo, de departamento, interdepartamentos ou internivelares.
Segundo.- Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes nos que se impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación especial, educación de adultos, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, idiomas, artes aplicadas e oficios artísticos, públicos ou privados concertados, dependentes da Xunta de Galicia.
Os proxectos poderán solicitarse conxuntamente para varios centros dunha zona educativa naqueles ámbitos de formación que pola súa especificidade impliquen a un número de docentes inferior ó mínimo estipulado no apartado quinto desta orde.
Terceiro.- A duración do proxecto de formación e asesoramento será de 75 horas, como máximo, durante o curso académico 1998-99.
Cuarto.- Os proxectos de formación e asesoramento poderán trata-los seguintes aspectos:
a) Desempeño das funcións das comisións de coordinación pedagóxica.
b) Proxecto educativo de centro.
c) Proxecto curricular de centro.
d) Plan de acción titorial.
e) Selección e secuencia de contidos por ciclo, área, materia ou módulo.
f) Elaboración de adaptacións curriculares e atención á diversidade.
g) Introducción dos temas transversais nos currículos.
h) Renovación científico-didáctica relacionada co proxecto de área e coas programacións de aula.
i) Formación en centros de traballo e programas de garantía social.
Quinto.- As solicitudes e documentación complementaria serán presentadas no Centro de Formación Continuada do Profesorado (Cefocop) correspondente ó centro educativo. O xefe de estudios, como coordinador da formación, deberá presentar:
a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.
b) Relación do profesorado comprometido no proxecto, que será, como mínimo, o 60% do profesorado implicado, e nunca menos de dez persoas, agás no caso dos centros de menos de 12 profesores/as, nos que a comisión de selección poderá reduci-lo número mínimo de participantes considerando a porcentaxe antes citada. Un mesmo docente non poderá participar en dous proxectos dentro desta convocatoria. Na relación farase consta-la súa aceptación (segundo o modelo do anexo II).
Na resolución correspondente poderanse admitir modificacións posteriores en canto a esta relación ata o 9 de outubro de 1998, por mor da mobilidade do profesorado.
Dentro desta relación farase consta-lo nome do coordinador ou coordinadora que, prestándolle apoio ó xefe de estudios na súa tarefa de coordinación da participación do profesorado nas actividades de perfeccionamento, será o encargado de dirixir e desenvolve-los traballos necesarios para a realización do proxecto.
Procurarase que o coordinador ou coordinadora posúa a formación correspondente ó bloque de actividade inicial do itinerario formativo marcado polo Cefocop. No caso de que o centro careza dun coordinador co dito perfil, o proxecto de formación e asesoramento en centros deberá desenvolverse naqueles aspectos xerais dos ámbitos curricular,
pedagóxico e colexiado que impliquen á maioría do equipo de profesores/as.
c) Solicitude na que se desenvolvan os puntos recollidos no anexo III, que será elaborada en colaboración cun asesor ou asesora técnico-pedagóxico do centro de formación continuada do profesorado ó que está adscrito o centro.
d) Certificación na que se recolla que o claustro do centro foi informado de que se vai solicitar esta actividade de formación.
e) Certificación na que se recolla que o consello escolar de cada centro implicado foi informado desta solicitude de formación.
Cando a solicitude implique a varios centros, xuntarase a tódolos datos deste apartado ademais do nome dun coordinador ou coordinadora, o do centro de referencia.
Sexto.- O prazo de solicitude será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Sétimo.- A selección será realizada en cada Cefocop por unha comisión integrada por:
-O director ou directora do Cefocop, que actuará como presidente.
-Catro asesores ou asesoras técnico-pedagóxicos propostos polo director ou directora. Na proposta terase en conta que exista representatividade dos distintos niveis educativos.
-Un funcionario ou funcionaria con destino no Cefocop, con voz e sen voto, que actuará como secretario.
As comisións, se o coidan necesario, poderán recada-lo asesoramento daquelas persoas ou organismos relacionados coa formación permanente do profesorado.
Dos resultados destas seleccións darase traslado ás comisións técnicas provinciais encargadas de elabora-los planos provinciais de formación.
Oitavo.- As comisións establecidas no punto anterior, no prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó de finalización de presentación de solicitudes, estudiarán estas e efectuarán unha proposta de selección de acordo cos aspectos mencionados no apartado cuarto desta orde e tendo en conta os obxectivos e prioridades establecidos nos plans provinciais de formación permanente do profesorado.
Noveno.- Do proceso de selección redactarase a acta correspondente, na que se recollerá:
-Título.
-Nome do coordinador ou coordinadora.
-Nome do centro de referencia.
-Asesor ou asesores responsables.
-Número de horas anuais previstas para a realización do proxecto de formación e asesoramento.
-Orzamento asignado a cada proxecto, desagregado por conceptos.
-Copias dos anexos I e II de cada solicitude, incluídas as denegadas e excluídas.
Esta documentación será enviada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Décimo.- A aprobación definitiva dos proxectos de formación e asesoramento será realizada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e farase pública en cada Cefocop e nas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.
Décimo primeiro.- Os centros de formación continuada do profesorado, sen prexuízo da colaboración que poidan proporcionar por outras institucións ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento. Para tal efecto traballarán conxuntamente no deseño de formación, orientarán o desenvolvemento do traballo, organizarán e/ou impartirán módulos formativos e implicaranse no proceso de avaliación.
A avaliación de cada proxecto de formación e asesoramento levarase a cabo segundo o establecido nas instruccións correspondentes ó plan de formación para o curso 1998-99.
O xefe de estudios e mailo coordinador do proxecto asistirán, cando cumpra, a unha actividade previa ó comezo, que organizará o Cefocop ó que está adscrito o centro.
Décimo segundo.- A xestión económica destes proxectos de formación e asesoramento realizaráa o asesor ou asesora técnico-pedagóxico responsable de cada proxecto en cada Centro de Formación Continuada do Profesorado, con cargo ó orzamento do Plan Provincial de Formación.
O proxecto poderá xera-los seguintes gastos:
-Docencia, no caso de expertos non destinados no Cefocop.
-Material funxible.
-Bibliografía.
-Desprazamentos (cando sexa necesario para o desenvolvemento dalgunha actividade proposta).
Décimo terceiro.- Os centros seleccionados presentarán á comisión de selección unha memoria final ó remate do proceso axustándose ó modelo do anexo IV desta orde, e que será entregada por escrito e en soporte informático (Wordperfect), se no centro se dispón dos medios informáticos correspondentes.
A data límite de entrega das memorias, no Cefocop correspondente, será ata o 11 de xuño de 1999.
Décimo cuarto.- Corresponde ás comisións de selección previstas no punto sétimo, o seguimento dos asesoramentos aprobados.
As ditas comisións reuniranse, polo menos, tres veces durante o curso académico para o desenvolvemento das seguintes funcións:
a) Velar por que se cumpran as condicións establecidas na aprobación definitiva.
b) Recadar dos coordinadores de cada proxecto a memoria final, os materiais elaborados e as actas de traballo co número de horas realizadas.
c) Supervisa-la xustificación de gastos presentada polo asesor ou asesora correspondente.
d) Propoñer á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a suspensión da continuidade daqueles proxectos que durante o seguimento se deduza que non se axustan ó aprobado.
e) Informar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da marcha dos diferentes proxectos mediante: informes de seguimento, se é o caso, informes finais, así como toda aquela información que se considere necesaria ou sexa requirida pola consellería.
f) Adxudica-lo número de horas que hai que certificar, tendo en conta o seguimento, traballo realizado e memorias.
g) Propoñe-la certificación da formación dos participantes unha vez concluído o proxecto, entregada a memoria final e valorada positivamente. Non se lle poderá expedir certificación ó profesorado que non asista ó noventa por cento da duración do proxecto, segundo o disposto no artigo 7.2º da Orde do 13 de decembro de 1994 (Diario Oficial de Galicia do 13 de xaneiro de 1995), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.
Décimo quinto.- O director ou directora do Centro de Formación Continuada do Profesorado correspondente expediralle ó profesorado o certificado acreditativo da súa participación na actividade realizada.
No dito certificado constará o número de horas realizadas, sen exceder en ningún caso, o máximo de setenta e cinco horas, fixado no anexo III.
Décimo sexto.- Autorízase á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.
Décimo sétimo.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1998.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO III
Título do proxecto:
Guión para a elaboración do proxecto.
1. Aspecto e modalidade que se pretende traballar, segundo o punto cuarto da orde de convocatoria.
2. Xustificación.
3. Obxectivos.
4. Programa de contidos, actividades e metodoloxía que se pretende seguir.
5. Modalidades de formación e accións formativas que se consideran prioritarias para o logro dos obxectivos. Organización de recursos humanos e materiais.
-Número de horas de asesoramento presencial do asesor ou asesora técnico-pedagóxico. (En ningún caso poderá ser inferior ó 20% do total de horas estimadas).
-Número de horas de docencia con outros expertos. (En ningún caso poderá ser superior ó 30% do total de horas estimadas).
6. Temporalización. Calendario previsto e horas (non máis de 75) para a realización do proxecto.
7. Necesidades orzamentarias (tendo en conta o establecido no apartado décimo segundo desta orde).
8. Criterios para a avaliación.
ANEXO IV
Guión para a memoria final.
1. Características xerais e particulares do contexto no que se desenvolveu o proxecto de formación e asesoramento.
2. Consecución dos obxectivos:
-Propostos inicialmente.
-Acadados ó finaliza-lo proceso.
3. Participantes:
-Profesorado asistente á formación.
-Profesionais e institucións que impartiron ou coordinaron a formación.
4. Actividades realizadas. Axuste coa temporalización inicial.
5. Número de horas realizadas.
6. Modificacións, se é o caso, na proposta inicial ó longo da súa posta en marcha en canto a:
-Obxectivos.
-Contidos.
-Actividades.
-Metodoloxía.
-Recursos.
7. Síntese do proceso de avaliación empregado.
8. Conclusións: logros e incidencia no centro docente.
9. Materiais elaborados.
10. Actas das reunións de traballo e das actividades de formación para efectos de certificación e rexistro. Nas actas deben aparecer tódolos docentes que participaron así como as incidencias máis relevantes.
3110

