Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 22 de abril de 1998 Páx. 4.136

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de marzo de 1998 pola que se establecen as condicións para a habilitación das federacións náutico deportivas para expediren a autorización federativa para o goberno de embarcacións de lecer.

A orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, pola que se establecen as condicións para o goberno de embarcacións de lecer, autoriza no seu artigo 10 as federacións náutico deportivas que fosen habilitadas polo órgano administrativo competente, para expediren a autorización federativa para o manexo de embarcacións de lecer.

No ámbito da Comunidade Autónoma galega correspóndelle esta competencia á Xunta de Galicia a través da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, polo que procede establece-las condicións nas que se desenvolverá esta habilitación, dentro das directrices establecidas na citada orde e resolucións concordantes de facilita-la habilitación ás federacións náutico-deportivas daquelas actividades nas que a navegación en embarcación é o obxecto principal da actividade.

Polo exposto,

DISPOÑO:

I. Da habilitación das federacións galegas náutico-deportivas.

Artigo 1º

As federacións galegas náutico-deportivas, que sexan habilitadas pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, consonte a presente orde poderán emiti-las correspondentes autorizacións federativas para o goberno de embarcacións de lecer ó abeiro do establecido no artigo 10 da orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997.

Artigo 2º

Poderán solicita-la habilitación as federacións náutico-deportivas daquelas actividades nas que a navegación en embarcación é o obxecto principal dela.

A habilitación será outorgada pola Consellería de Pesca, marisqueo e Acuicultura logo de solicitude da federación, acompañada da correspondente documentación acreditativa dos requisitos que se esixen.

Artigo 3º

As condicións mínimas para a habilitación son:

1. Contar cun cadro de profesorado, propio ou colaborador ocasional, que teña a titulación profesional adecuada para imparti-la formación teórica e as practicas.

2. Contar con persoal, propio ou colaborador permanente, coa titulación profesional adecuada para formar parte dos tribunais de exame.

3. Contar cos equipos e medios materiais necesarios para a realización do exame práctico ou para a realización das prácticas, segundo as condicións establecidas no artigo 4º e o anexo II.

4. Contar cun seguro que ampare a realización dos cursos e as prácticas, que cubra a responsabilidade civil de 50.000.000 de ptas. e cubra os accidentes que poidan sufri-los alumnos na realización do curso, as prácticas e os exames.

5. Contar cun centro de formación permanente, que actúe como centro de referencia para os cursos que poidan impartirse noutras instalacións do litoral.

II. Da realización das probas de aptitude.

Artigo 4º

As federacións galegas náutico-deportivas habilitadas poderán realiza-lo exame correspondente para a obtención da autorización federativa de motor ou de vela, segundo proceda, que constará dunha proba teórica e unha proba práctica de seguridade e navegación.

A proba teórica consistirá na formulación dun cuestionario de vinte preguntas sobre materias do programa do anexo I, conforme o establecido no anexo II.1 desta orde.

A proba práctica poderá ser realizada diante do tribunal ou acredita-la realización das prácticas básicas de seguridade e navegación segundo o establecido no anexo II.2 desta orde.

Artigo 5º

As federacións habilitadas remitiranlle cun mínimo de dez (10) días de antelación, á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a súa aprobación, a convocatoria de exame na que figurará:

1. Lugar e data de exame.

2. Relación dos membros do tribunal de exame, indicando a súa titulación profesional e experiencia.

3. Se se realizará a proba practica ou se acolle ó réxime de prácticas básicas.

4. Nº de aspirantes inscritos.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación determinará a supervisión ou o control destes exames e prácticas.

Artigo 6º

Nas convocatorias das probas que realicen as federación habilitadas deberá consta-las condicións de inscrición dos aspirantes, o importe das taxas que debe aboar, e os dereitos e obrigas a que dá lugar a inscrición, así como as datas e horas das probas teóricas e prácticas.

Artigo 7º

As federacións náutico-deportivas habilitadas establecerán un modelo de solicitude normalizada que deberán utiliza-los solicitantes da autorización federativa, con indicación dos documentos que deben incorporarse a ela. O dito modelo deberá remitirse á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para o seu coñecemento. A dita solicitude pode ser única para a inscrición ás probas de aptitude e para a emisión da tarxeta, no caso de ser apto no exame.

Artigo 8º

Unha vez realizadas e corrixidas as probas, as federacións habilitadas remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a relación dos inscritos así como das puntuacións obtidas, indicando os aptos nas citadas probas.

III. Da expedición das tarxetas acreditativas das autorizacións federativas.

Artigo 9º

Para a obtención da autorización federativa os interesados deberán ter cumpridos dezaoito anos de idade. Os menores de idade que teñan cumprido dezaseis anos poderán, non obstante, obtela, sempre que teñan consentimento dos seus pais ou titores. As federacións habilitadas establecerán o procedemento para que quede constancia desta autorización, notificando isto á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 10º

As federacións habilitadas remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a documentación que se determina na orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se establecen as tarxetas acreditativas das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer e se regulamenta a súa tramitación.

Artigo 11º

A tarxeta normalizada que acredite a validez da autorización federativa adaptarase ó tipo de impresión establecido no anexo II da orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se establecen as tarxetas acreditativas das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer e se regulamenta a súa tramitación.

Artigo 12º

As federacións náutico-deportivas poderán percibir pola realización das probas e a emisión das tarxetas os dereitos de exame e taxas que establezan as súas xuntas directivas, que serán sometidas á aprobación da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Disposicións transitorias

Primeira.-As autorizacións federativas expedidas pola Orde do 6 de marzo de 1969 de ata 8 HP

fiscais e as expedidas pola Orde do 31 de xaneiro de 1990 de ata 45 CV serán intercambiables directamente pola autorización establecida na Orde do 17 de xuño de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Federación Galega de Vela e a Federación Galega de Motonáutica quedan habilitadas para a expedición das autorizacións a que se refire o artigo 10 da orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, debendo no prazo de 12 meses adaptarse á normativa establecida na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Facultase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Programa para a obtención da autorización federativa para o goberno de embarcacións de lecer

Programa de contidos teóricos.

Materias comúns.

1. Nomenclatura náutica.

1.1. Dimensións. Concepto de: eslora, manga, calado e asento.

1.2. Partes da embarcación: proa, popa, babor, estribor, casco, liña de flotación, obra viva, obra morta, costados, amuras, aletas, cuberta e sentinas.

1.3. Estructura, accesorios e elementos auxiliares: quilla, pasamáns, temón, hélice, imbornais, cornamusas e bitas.

1.4. Elementos de amarre e fondeo: cabo, chicote, seo, gaza, firme e volta. Bitón, mortos, boias, defensas, bicheiro. Concepto de áncora, rizón, fondear, levar e garrear.

2. Seguridade.

2.1. Precaucións para non perde-la flotabilidade: billas e tapóns de fondo. Bocina. Desaugadoiros e imbornais. Medios de achique para embarcacións manexadas con autorización federativa.

2.2. Precaucións para conserva-la estabilidade: concepto de escora, balance e cabezadas. Distribución de tripulantes a bordo. Evitar atravesarse ó mar.

2.3. Comunicacións. Canle 16 de V.H.F.

2.4. Emerxencias: home á auga. Manobra para libra-lo náufrago das hélices. Manobra de recollida. Manobra de dar ou tomar remolque. Riscos ó repoñer

combustible. Derrames. Gases explosivos en espacios cerrados. Gobernar con mal tempo.

3. Navegación.

3.1. Concepto dos perigos para a navegación: baixos, pedras que velan. Concepto de milla náutica e nó.

3.2. Referencias de terra, enfilacións.

3.3. Navegación en augas pouco profundas. Rompentes. Precaucións con bañistas e mergulladores. Precaucións ó entrar en praias non balizadas.

3.4. Planificación dunha saída: autonomía en función do consumo. Previsión meteorolóxica.

3.5. Baixa visibilidade: precaucións que hai que tomar para evita-la derrota de grandes buques.

4. Convenio internacional para preve-las abordaxes:

Regra 3: Definicións.

Regra 5: Vixilancia.

Regra 6: Velocidade de seguridade.

Regra 7: Risco de abordaxe.

Regra 8: Manobra para evita-las abordaxes.

Regra 9: Canles angostas.

Regra 12: Dereito de paso entre embarcacións a vela.

Regra 13: Situación de alcance.

Regra 14: Situación de volta encontrada.

Regra 15: Situación de cruzamento.

Regra 16: Manobra de quen cede o paso.

Regra 17: Manobra de quen segue a rumbo.

Regra 18: Obrigas entre categorías de embarcacións.

Regra 19: Conducta das embarcacións con visibilidade reducida.

Regra 21: Definicións.

Regra 34: Sinais de manobra e advertencia.

Regra 35: Sinais acústicas con visibilidade reducida.

Regra 37: Sinais de perigo.

5. Balizamento:

5.1. Marcas laterais de día, rexión A. Significado e identificación.

5.2. Marca de perigo illado: significado, forma, tope e color.

6. Lexislación.

6.1. Atribucións da autorización federativa.

6.2. Zonas prohibidas ou con limitacións á navegación. Praias (sinalización), acantilados. Limitacións á navegación establecidas nos regulamentos de policía de portos.

Materias específicas.

1. Para a autorización a motor.

Características dos motores fóra borda, dentro fóra borda, interior e propulsión a turbina en canto á súa instalación.

Instrumentos de control de manobra do motor.

2. Para a autorización a vela.

Tecnoloxía vélica:

Aparello: concepto de aparello, arboradura, paos, tangón, botavara.

Xarcia: concepto de xarcia, obenques, estais, drizas, escotas, amantillos, contras.

Velas: concepto de velas, puños, sable, vela maior, foque, xénova, espinaker.

Propulsión a vela: amurado a estribor e a babor. Navegar de través, a un largo, en popa ou empopada. Gañar barlovento. Bordada. Flamear. Caer. Rizos. Enroladores. Tomar rizos. Virar. Virada por avante e virada por redondo. Trasluchar.

Seguridade: envorcadura. Home á auga. Desarbaramento. Rotura de temón.

Programa de prácticas.

O programa mínimo para a parte práctica abranguerá:

1. Forma de utiliza-lo material de seguridade (chaleco salvavidas, extintores, sinais pirotécnicas, espello de sinais, etc.).

2. Manexo de cabos.

3. Preparativos antes da saída: comprobacións e precaucións antes e despois da arrincada do motor neste tipo de embarcacións.

4. Aplicación das regras do Regulamento para previ-las abordaxes no mar e identificación do balizamento.

5. Manobras con este tipo de embarcacións: avante, atrás, ciaboga, atraque, fondeo etc.

6. Manobra de home á auga.

ANEXO II

Contido das probas teórica e práctica

II.1. Contido do exame teórico.

Tempo mínimo: corenta e cinco minutos.

Test de vinte preguntas, das que hai que responder correctamente o 70 por 100 globalmente a excepción das cinco preguntas do Regulamento de abordaxes das que non se poden fallar máis de dúas.

O test repartírase nos seguintes grupos.

Tres preguntas sobre nomenclatura náutica.

Tres preguntas sobre seguridade.

Catro preguntas sobre navegación.

Tres preguntas sobre propulsión a motor ou vela (dependendo da opción escollida).

Cinco preguntas sobre o regulamento de abordaxes.

Unha pregunta sobre balizamento.

Unha pregunta sobre lexislación.

II.2. Contido do exame práctico.

O exame práctico consistirá na realización polo aspirante de dúas operacións indicadas polo tribunal sobre algunha das materias do programa de prácticas.

As prácticas, cunha duración mínima de tres (3) horas, consistirán na realización dun conxunto de operacións que comprenda tódalas materias indicadas no programa de prácticas.

3106