Por Lei 12/1996, do 27 de decembro (DOG do 20 de xaneiro), constituíuse o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.
O devandito colexio, reunido en asemblea constituínte procede á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais ou profesionais e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de abril de mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
Artigo único.- Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.
Disposición adicional
Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.
Disposición derradeira
O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dous de abril de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia
TÍTULO I
Disposicións Xerais
Artigo 1º.-Denominación e natureza.
O Colexio de Podólogos de Galicia é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións.
Artigo 2º.-Principios esenciais.
Son principios esenciais da súa estructura interna e funcionamento a igualdade dos seus membros, a elección democrática dos seus órganos de goberno, a adopción dos acordos por maioría e a súa libre actividade dentro do respecto ás leis.
Artigo 3º.-Ámbito territorial.
O ámbito territorial do colexio é o correspondente á totalidade da Comunidade Autónoma galega.
Artigo 4º.-Domicilio, sede e delegacións.
Domicilio: rúa Venezuela, nº 29 Vigo, Pontevedra D.P. nº 36.203
Delegacións: existirán delegacións do colexio nas catro provincias galegas.
Artigo 5º.-Régimen jurídico.
O colexio réxese polos presentes estatutos, pola Lei de 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978 do 26 de decembro e pola lexislación básica do Estado.
Artigo 6º.-Relación do colexio co Goberno Autónomo de Galicia.
O colexio, en tódalas cuestións relativas a aspectos corporativos e institucionais, relacionarase coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. En todo o que respecta ós contidos da súa profesión, relacionarase co departamento do Goberno Autónomo de Galicia que teña atribuídas competencias en materia de sanidade.
Artigo 7º.-Relación do colexio con outros organismos profesionais e públicos.
1. O Colexio de Podólogos de Galicia relacionarase co consello xeral da profesión a nivel estatal de acordo co que a lexislación xeral do Estado determine, no suposto da súa creación.
2. Sen prexuízo do que dispón o apartado anterior, o Colexio de Podólogos de Galicia poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios e asociacións de dentro e fóra do ámbito territorial de Galicia.
3. O Colexio de Podólogos de Galicia poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros e internacionais as relacións que, dentro do marco da lexislación vixente, teña por conveniente.
Artigo 8º.-Asunción de funcións.
De acordo coa lexislación estatal en materia de colexios profesionais, o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, asume as funcións de Consello de Colexios de Galicia.
TÍTULO II
Finalidades e funcións do colexio
Artigo 9º.-Finalidades.
O Colexio de Podólogos de Galicia tén como finalidades esenciais:
a) Ordenar dentro do marco que establecen as leis, e vixia-lo exercicio da profesión.
b) Colaborar cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.
c) Representa-los intereses xerais da profesión na Comunidade Autónoma de Galicia especialmente nas súas relacións coas administracións públicas de calquera ámbito.
d) Defende-los intereses profesionais dos colexiados.
e) Fomenta-las relacións profesionais entre os colexiados e coas demais profesións.
f) Velar para que a actividade profesional se adecúe ás necesidades e intereses dos colexiados.
Artigo 10º.-Funcións.
Correspóndenlle ó Colexio Oficial de Podólogos de Galicia no seu ámbito territorial as funcións seguintes:
a) Velar pola ética profesional e polo respecto ós dereitos dos cidadáns, e exerce-la xurisdicción disciplinaria en materias profesionais e colexiais.
b) Participar nos órganos consultivos da Administración cando esta o requira, en materias de competencia da profesión.
c) Desempeña-la representación e defensa da profesión ante a Administración pública, institucións, tribunais e tódalas demais persoas públicas e privadas con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten ós intereses profesionais.
d) Impedir e, de ser preciso, perseguir, ata chegar ós tribunais de xustiza, tódolos casos de intrusismo profesional que afecten ós podólogos e o exercicio da súa profesión, no suposto de que esta se exerza ou se pretenda exercer.
e) Organizar actividades e servicios comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de prevención e análogos, que sexan de interese para os colexiados.
f) Organizar conferencias, congresos, xornadas; publicar revistas, folletos, circulares e, en xeral, poñer en práctica os medios necesarios para estimula-lo perfeccionamento técnico, científico e humanístico da profesión.
g) Redacta-los regulamentos de orde interna que se xulguen convenientes para a boa marcha do Goberno que en ningún caso contradigan o establecido nestes estatutos.
h) Intervir, como mediador e con procedementos de arbitraxe, nos conflictos que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados.
i) Dictar normas sobre honorarios profesionais cando estes non se acrediten na forma de aranceis, tarifas ou taxas.
j) Emitir informes e dictames en procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan cuestións relativas a honorarios profesionais.
k) Encargarse do cobro das percepcións, remuneracións e honorarios profesionais con carácter xeral ou a petición dos colexiados.
l) Cumprir e facer cumprir ós colexiados as leis xerais e especiais, os estatutos e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiados en materia da súa competencia.
m) Recoller e elabora-las normas deontolóxicas comúns á profesión.
n) Informar de tódalas normas que prepare o Goberno de Galicia sobre as condicións xerais do exercicio profesional e sobre as funcións, os ámbitos e os honorarios cando se fixen por tarifa ou arancel.
o) Tódalas demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que se encamiñen ó cumprimento dos obxectivos colexiais, así como as que lle sexan atribuídas de acordo coa lexislación vixente.
TÍTULO III
Da colexiación
Capítulo I
Dos colexiados e as súas clases. Adquisición, denegación e perda da condición de colexiado
Artigo 11º.-Incorporación.
Tén dereito a incorporarse ó colexio quen teña o diploma universitario de podoloxía, de conformidade co Real decreto 649/1988 e as súas normas de desenvolvemento, e aqueles que, en virtude do recoñecemento de dereitos profesionais efectuado por esta normativa, teñan o diploma de podólogo regulado polo Decreto 727/1962.
Os estranxeiros poderán incorporarse ó colexio cando cumpran os requisitos para poder exerce-la profesión no Estado español.
Artigo 12º.-Obrigatoriedade da colexiación.
Para exercer legalmente a profesión será requisito indispensable estar incorporado ó colexio e cumpri-los requisitos legais e estatutarios esixidos.
Artigo 13º.-Habilitacións.
Non obstante o disposto no artigo anterior, os profesionais inscritos en calquera colexio de podólogos do territorio español, poderán exerce-la profesión no ámbito deste colexio logo da correspondente habilitación.
Artigo 14º.-Requisitos para a concesión de habilitacións.
Os profesionais que pertenzan a outro colexio profesional dentro do territorio español e pretendan exerce-la profesión no ámbito deste colexio, deberán, a través do seu colexio respectivo, facer consta-los seguintes extemos:
a) Nome, apelidos e enderezo profesional no ámbito territorial no que estea colexiado.
b) Enderezo no ámbito territorial do Colexio de Podólogos de Galicia.
c) As actuacións que vaian realizar no ámbito territorial do Colexio de Podólogos de Galicia a fin de quedar suxeitos, coas condicións económicas que en cada suposto poidan establecerse, ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.
d) Acompañar certificación acreditativa de estar colexiado, como podólogo exercente, noutro Colexio de Podólogos de España, e de non estar suspendido ou inhabilitado para o exercicio da profesión, por resolución firme.
Artigo 15º.-Dereitos e obrigas dos profesionais habilitados.
1. Os podólogos habilitados quedarán suxeitos ás normas deontolóxicas e de disciplina aplicables ós podólogos do Colexio de Galicia.
2. Os podólogos habilitados só poderán exercer dereitos políticos no colexio de orixe.
Artigo 16º.-Cargas para os profesionais habilitados.
Ós podólogos habilitados non se lles esixirá cota de ingreso, pero si deberán contribuír ás cargas do colexio nos mesmos termos que os podólogos incorporados ó mesmo como exercentes e mentras dure o período de efectividade da habilitación, de acordo coas normas que se aproben pola Xunta de Goberno.
Artigo 17º.-Membros do colexio.
As persoas que constitúen o Colexio de Podólogos de Galicia poden ser membros exercentes, membros non exercentes e membros de honra.
1. Son membros exercentes as persoas naturais que, reunindo tódalas condicións esixidas, obtivesen a incorporación ó colexio e exerzan a profesión de podólogo.
2. Son membros non exercentes as persoas naturais que obtivesen a incorporación ó colexio e non exerzan actualmente a profesión.
3. Serán membros de honra aquelas persoas naturais ou xurídicas que reciban este nomeamento que, a xuízo da asemblea xeral de colexiados por proposta da Xunta de Goberno, merezan tal designación en atención a méritos ou servicios relevantes prestados a favor da profesión.
Artigo 18º.-Solicitude de colexiación.
1. As condicións requeridas para a colexiación, ademais da posesión do TÍTULO profesional, son as seguintes:
a) Ser español ou ter legalmente acreditada esta nacionalidade. Os estranxeiros poderán incorporarse ó colexio cando cumpran os requisitos para poder exerce-la profesión no Estado español.
b) Solicitude escrita á Xunta de Goberno.
c) Aboamento da cota de incorporación.
d) Presentación da documentación acreditativa do TÍTULO.
e) Non estar incurso en sentencia xudicial firme de inhabilitación.
2. A Xunta de Goberno resolverá sobre a solicitude dentro dun prazo máximo de dous meses posteriores á súa presentación, debendo comunicar por escrito ó solicitante a resolución que adopte.
Artigo 19º.- Denegación da colexiación.
1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:
a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou existan dúbidas sobre a súa lexitimidade, ou cando o solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.
b) Á persoa afectada de sentencia xudicial firme de inhabilitación para o exercicio da profesión.
c) Polo feito de atoparse cumprindo unha sanción imposta en expediente disciplinario que comportase a expulsión temporal ou definitiva do colexio.
2. Contra o acordo denegatorio de colexiación, que deberá comunicarse debidamente razoado ó interesado, tén cabida, no prazo dun mes, o recurso de reposición á Xunta de Goberno. Contra o acordo denegatorio definitivo desta, o interesado poderá recurrir á xurisdicción contencioso-administrativa.
Artigo 20º.- Perda da condición de colexiado.
1. A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:
a) Defunción.
b) Incapacidade legal.
c) Separación ou expulsión como consecuencia do cumprimento de sanción disciplinaria que comporte esta, despois do estatutario expediente disciplinario.
d) Baixa voluntaria comunicada por escrito.
e) Baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas, cota de incorporación e sucesivas de colexiación establecidas.
2. Para que a baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas sexa efectiva, será necesaria a instrucción dun expediente sumario que comportará un requirimento escrito ó afectado, para que dentro do prazo de tres meses se poña ó día dos descubertos. Pasado este prazo sen cumprimento, tomarase o acordo de baixa, que deberá notificarselle de forma expresa ó interesado.
3. A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigas económicas vencidas. Estas obrigas poderánselles esixir ós interesados ou ós seus herdeiros.
Capítulo II
Dereitos e deberes dos colexiados
Artigo 21º.-Dereitos dos colexiados.
Tódolos colexiados terán dereito a desfrutar de tódolos servicios, facultades e prerrogativas que resulten dos presentes estatutos, e ademais:
a) Elixir e seren elixidos para ocupar postos de representación e cargos directivos.
b) Ser informados das actuacións e vida da entidade, e das cuestións que fagan referencia ó exercicio da profesión.
c) Exerce-la representación en cada caso que se lles encargue.
d) Intervir, de acordo coas normas legais ou estatutarias, na xestión económica administrativa do colexio e expresar libremente as súas opinións en materia de asuntos de interese profesional.
e) Exerce-las accións e recursos que sexan precisos na defensa dos seus intereses como colexiados.
f) Estar amparados polo colexio no exercicio de profesional na defensa dos lexítimos intereses.
g) Estar representados polo colexio cando así o acorde a Xunta de Goberno, a fin de facilitar accións, excepcións e defensas relacionadas co exercicio profesional ante tribunais, autoridades, organismos, entidades públicas e privadas.
h) Asistir con voz e voto ás asembleas xerais do colexio.
i) Presentar queixas ante a Xunta de Goberno do colexio contra a actuación profesional ou colexial de calquera dos seus membros.
j) Remover ós titulares dos órganos de goberno mediante votos de censura, segundo o procedemento que establece o artigo 28.1º dos estatutos.
Artigo 22º.-Deberes dos colexiados.
Son deberes dos colexiados:
a) Cumpri-las prescricións contidas nos presentes estatutos, nos regulamentos que os desenvolvan e nos acordos que o colexio poida adoptar.
b) Pagar nos prazos establecidos as cotas e dereitos tanto ordinarios como extraordinarios que foran aprobados polo colexio para o seu sostemento.
c) Observar co colexio, respecto ós seus órganos de xestión, a disciplina axeitada, e entre os colexiados, os deberes de harmonía profesional.
d) Darlle a coñecer ó colexio tódolos feitos que poidan afectar á profesión, tanto particular como colectivamente, a importancia dos cales poida determina-la intervención corporativa con carácter oficial.
e) Denunciar ó colexio: os que exerzan actos propios da profesión sen estaren posesión do TÍTULO que os faculte; os que, aínda téndoo, non estean
colexiados, e os que sendo colexiados falten ás obrigas que, como tales, contraeron.
f) O colexiado comunicará obrigatoriamente ó Colexio o seu domicilio para notificacións a tódolos efectos colexiais. Así mesmo, calquera cambio de domicilio, para que produza estes efectos, deberá ser comunicado expresamente.
g) A publicidade está permitida, pero atendento ás seguintes restriccións:
-Calquera manifestación publicitaria débese facer atendendo á dignidade da profesión.
-A publicidade debe ser veraz e responder a uns coñecementos, experiencia e reputación demostrados.
-Está prohibida a comparación con outros profesionais.
TÍTULO IV
Dos órganos de goberno
Capítulo I
A asemblea xeral
Artigo 23º.-Da asemblea xeral.
A asemblea xeral é o órgano soberano do colexio e como tal obriga cos seus acordos a tódolos colexiados, incluso ós ausentes, os disidentes e os que se absteñan.
Nas asembleas xerais poden participar tódolos colexiados que estén en plenitude dos seus dereitos.
Artigo 24º.-Tipos de asembleas xerais.
As asembleas poderán ser ordinarias e extraordinarias.
A asemblea xeral reunirase on carácter ordinario dúas veces ó ano: o primeiro e segundo semestre. A asemblea ordinaria do segundo semestre incluirá na orde do día a lectura do plan de actividades, do orzamento para o exercicio anual próximo e aprobación.
A asemblea ordinaria do primeiro semestre incluirá a lectura e aprobación da liquidación do orzamento do ano anterior e a presentación da memoria.
A asemblea xeral con carácter extraordinario reunirase cando así o acorde a Xunta de Goberno. Deberá adoptarse o mencionado acordo de convocatoria, cando o soliciten un 20% dos colexiados cunha orde do día concreta. Só poderán adoptarse acordos válidos sobre aqueles puntos que figuren na orde do día.
Artigo 25º.-Convocatorias.
As reunións das asembleas xerais serán comunicadas por escrito e coa notificación individual con 15 días de antelación como mínimo, especificando día, hora, lugar e orde do día.
Artigo 26º.-Normativa das reunións da asemblea.
1. As asembleas xerais serán presididas polo presidente do colexio, actuando de secretario o que o sexa del
2. Os colexiados só poderán facerse representar na asemblea xeral por medio doutro colexiado, necesariamente en escrito dirixido á Xunta de Goberno, no que se especificará claramente o nome do colexiado en quen se delega a representación e para o que é esta. O documento estará debidamente asinado por ámbolos dous colexiados e só terá validez para a asemblea xeral que se especifique nel.
3. Cada colexiado poderá desempeñar, como máximo, catro representacións.
4. A constitución da asemblea xeral será válida se concorre a maioría absoluta dos colexiados, presentes ou representados, na primeira convocatoria. En segunda convocatoria celebrada media hora máis tarde, será válida calquera que sexa o número de colexiados, presentes ou representados.
5. Só se poderán tomar acordos sobre aqueles asuntos que foran fixados na orde do día.
6. As votacións poderán ser de dúas clases: nominais e secretas. As votacións serán secretas cando así o acorde o presidente ou o soliciten un 20% dos asistentes á asemblea.
7. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos entre os asistentes e os seus representados, agás para aqueles asuntos para os que estes estatutos dispoñan outra cousa.
Artigo 27º.-Libro de actas.
Das reunións da asemblea xeral levantarase acta, que quedará rexistrada nun libro de actas para este efecto, asinada polo presidente e o secretario. A acta da asemblea será aprobada pola mesma asemblea e terá forza executiva.
Artigo 28º.-Competencias da asemblea xeral.
Son funcións e competencias da asemblea xeral:
a) Aprobar, se procede, a memoria anual de actividades presentadas pola Xunta de Goberno.
b) Aprobar, se procede, o balance e conta de resultados do exercicio.
c) Aproba-los orzamentos.
d) Controla-la xestión da Xunta de Goberno.
e) Aproba-los regulamentos de rxime interior.
f) Aproba-lo regulamento deontolóxico.
g) Aproba-las modificacións dos estatutos.
h) A fixación de cotas non periódicas e quiñóns.
i) Decidir sobre as cuestións que a Xunta de Goberno someta á súa competencia.
j) Aproba-las propostas de fusión, absorción, segregación, cambio de denominación e disolución do colexio, que se farán de acordo co artigo 7 do Regulamento de colexios profesionais, sendo nece
saria a maioría da metade máis un dos asistentes á asemblea.
k) Censura da xestión da Xunta de Goberno ou dos seus membros. Para a efectividade desta requirirase maioría dos dous tercios dos asistentes á asemblea.
l) Remove-los titulares dos órganos de goberno mediante o voto de censura dos dous tercios da asemblea.
Capítulo II
A Xunta de Goberno
Artigo 29º.-Composición.
A Xunta de Goberno estará integrada polo presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro, e dous vocais.
Dentro da Xunta de Goberno, obrigatoriamente, haberá un representante por cada unha das catro provincias da Comunidade Autónoma.
Artigo 30º.-Funcións da Xunta de Goberno.
Corresponden á Xunta de Goberno a dirección e administración do colexio e a execución dos acordos adoptados pola asemblea xeral.
Son competencias da Xunta de Goberno as seguintes:
a) Cumprir e facer cumpri-los acordos da asemblea xeral, os estatutos e a lexislación vixente que afecte ó colexio.
b) Decidir sobre as solicitudes de colexiación.
c) Fixa-la contía das cotas de percepción periódica.
d) Administra-los bens do colexio, así como recada-las cotas de todo tipo que teñan que facer efectivas os colexiados.
e) Adopta-las medidas convenientes para a defensa dos intereses do colexio.
f) Impoñer, logo de instrucción do expediente oportuno, sancións disciplinarias.
g) Crear ou reestructura-las comisións e grupos de traballo necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais e proceder á súa disolución se hai argumentos que o aconsellen.
h) Velar polo cumprimento das funcións e competencias profesionais dos colexiados.
i) Fixa-la data de celebración de asembleas ordinarias e extraordinarias.
j) E cantas funcións non indicadas se deriven destes estatutos.
k) Designar delegados provinciais do colexio, sendo a súa función velar polo prestixio da profesión na provincia onde resida e actuar en todo momento por delegación do colexio en cantas funcións lles foran encomendadas por este.
Artigo 31º.-Duración dos cargos.
A duración dos cargos será de catro anos, podendo ser reelixidos. Se algúns dos compoñentes da Xunta de Goberno cesa por calquera causa, a mesma xunta designará o substituto con carácter de interinidade ata que se verifique a primeira elección regulamentaria.
Se se producise a vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, convocaranse eleccións no prazo dun mes.
Artigo 32º.-Reunións.
A Xunta de Goberno reunirase de forma ordinaria unha vez cada tres meses, convocada polo presidente. Con carácter extrarodinario reunirase cantas veces sexa necesario, convocada polo presidente ou por petición de tres membros de xunta.
As citacións serán individuais e enviaranse con oito días de antelación. En caso de urxencia poderase citar verbalmente e confirmarase coa notificación escrita.
Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente.
É obrigatoria a asistencia de tódolos membros. A falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas ou a seis non consecutivas nun ano, considerarase como renuncia ó cargo. A xustificación da falta de asistencia deberá facerse por escrito nun prazo de oito días, dende a celebración da xunta.
O quórum imprescindible de asistentes para poder tomar acordos será a metade máis un dos compoñentes da xunta.
Artigo 33º.-Das atribucións do presidente da Xunta de Goberno.
Son competencias do presidente:
a) A representación do colexio en tódalas relacións deste cos poderes públicos, entidades, corporacións de calquera tipo, persoas físicas e xurídicas.
b) Leva-la dirección do colexio e decidir en casos urxentes que non sexan competencia da asemblea, e coa obriga de informar das súas decisións á Xunta de Goberno na primeira reunión que se celebre.
c) Visa-las certificacións que expida o secretario.
d) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos en relación co apartado a) do presente artigo.
e) Conferir apoderamentos para cuestións xudiciais, cando para esto sexa autorizado pola Xunta de Goberno.
f) Convoca-las reunións da Xunta de Goberno e as asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias.
g) A apertura de contas correntes do colexio, tanto en entidades bancarias como caixas de aforros, e a mobilización dos fondos, conxuntamente co tesoureiro.
h) Autoriza-lo movemento de fondos de acordo coas propostas que presente o tesoureiro. Constituír e cancelar todo tipo de depósitos e fianzas, conxuntamente co tesoureiro.
i) Coordina-lo labor de tódolos membros da Xunta de Goberno.
Artigo 34º.-Das atribucións do vicepresidente.
O vicepresidente exercerá todas aquelas funcións que lle dé o presidente, e asumirá as deste en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.
Artigo 35º.-Das atribucións do secretario.
Son competencias do secretario:
a) Leva-los libros necesarios para acada-lo mellor e máis ordenado funcionamento dos servicios do colexio. Será obrigatoria a existencia de libros de actas da asemblea xeral e da Xunta de Goberno; o de Rexistro de Entrada e Saída de Documentos.
c) Redactar e asina-los libros de actas co visto e prace do presidente e expedir certificacións.
f) Redacta-la memoria anual.
d) Coidar do funcionamento das oficinas do colexio e da actuación do persoal.
e) Controla-la tramitación dos expedientes dos colexiados e ter permanentemente actualizada a lista de colexiados.
f) Redactar e envia-los oficios de citación para tódolos actos do colexio.
g) Dar cumprimento ós acordos adoptados pola Xunta de Goberno.
Artigo 36º.-Das atribucións do tesoureiro.
Son competencias do tesoureiro:
a) Recadar, vixiar e administra-los fondos do colexio e leva-la contabilidade.
b) Efectua-los pagamentos ordenados pola Xunta de Goberno e asina-los documentos para o movemento dos fondos do colexio, conxuntamente co presidente.
c) Face-lo balance e conta de resultados do exercicio e formula-lo orzamento de ingresos e gastos, todo isto para sometelo á aprobación da asemblea xeral.
d) Levar ou supervisa-los libros de contabilidade que sexan necesarios.
e) Realiza-lo balance de situación tantas veces como o requira o presidente ou a Xunta de Goberno.
f) Ter informada á Xunta de Goberno do estado financeiro do colexio.
Capítulo III
Eleccións da Xunta de Goberno
Artigo 37º.-Condicións para ser elector e elixible.
Terán dereito a ser elixidos tódolos colexiados que estean ó día nas súas obrigas colexiais, sexan exer
centes ou non, agás que estean afectados por unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación destes dereitos e que teñan como mínimo un ano de colexiación.
Terán dereito a votar tódolos colexiados que estea en uso de tódolos dereitos colexiais.
Artigo 38º.-Candidaturas.
Só poderán concorrer ás eleccións as candidaturas completas nas que estean tódolos membros da Xunta de Goberno que se vaian elixir.
As candidaturas deberán formarse indicando o cargo ó que opta cada candidato.
Ningún colexiado poderá presentarse a candidato a máis dun cargo e candidatura.
Artigo 39º.-Procedemento electivo.
a) A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno, a cal anunciará trinta días antes, como mínimo, da data de celebración, e fará pública ó mesmo tempo a lista definitiva de colexiados con dereito a voto, fixándoa no taboleiro de anuncios da secretaría do colexio.
Os colexiados que desexen formular algunha reclamación contra as listas de electores deberán formalizala no prazo de cinco días de seren expostas.
Estas reclamacións deberá resolvelas a Xunta de Goberno dentro dos tres días seguintes ó de expiración do prazo para formulalas, e a resolución deberá ser notificada a cada reclamante dentro dos dez días seguintes.
b) As candidaturas deberán presentarse na secretaría do colexio dentro dos oito días naturais seguintes ó que se faga pública a convocatoria, e unha vez transcorridos estes oito días a Xunta de Goberno deberá facer pública a relación de candidaturas presentadas no, prazo dos tres días hábiles seguintes. No caso de presentación dunha única candidatura ás eleccións, esta quedará automaticamente elixida.
c) O día fixado e hora de convocatoria para as eleccións constituiranse nos locais designados para o efecto pola Xunta de Goberno, a mesa electoral, que estará formada por un presidente, dous vocais e un secretario, sendo e presidente da mesa o podólogo de máis idade e o secretario o de menor idade. Cada candidatura poderá designar entre os colexiados un interventor que a represente nas operacións electorais.
d) Na mesa electoral atoparanse as urnas, que se cerrarán deixando tan só unha fenda para a introducción dos votos.
Constituída a mesa electoral, o presidente indicará o inicio da votación, e á hora prevista para finalizala cerraranse as portas da sala e só poderán vota-los colexiados que se atopen dentro.
A continuación, e logo da oportuna comprobación, introduciranse dentro das urnas os votos que chegasen naquel momento por correo certificado cos
requisitos establecidos. A Xunta de Goberno determinará o horario da elección, que terá unha duración mínima de oito horas.
e) Os colexiados votarán utilizando exclusivamente unha papeleta. Logo da identificación do colexiado, entregaráselle a papeleta ó presidente, que a depositará na urna, en presencia do votante. O secretario da mesa sinalará na lista de colexiados os que vaian depositando o seu voto.
Quen non vote persoalmente, poderao facer por correo certificado, enviando a papeleta nun sobre pechado ó presidente da mesa. Este sobre irá dentro doutro que conterá unha fotocopia do DNI. O segundo sobre irá pechado e nel constará claramente o remitente, coa sinatura. Os votos por correo certificado enviaranse á secretaría da Xunta de Goberno, dirixidos ó presidente da mesa, con tres días de antelación á data das eleccións e serán recollidos por este antes da hora fixada para concluí-la votación.
f) Rematada a votación, procederase ó escrutinio. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan expresións alleas ó estricto contido da votación ou borranchos que imposibiliten a perfecta identificación da vontade do elector e aquelas que nomeen máis dunha candidatura ou candidaturas incompletas.
Finalizando o escrutinio, a presidencia anunciará o resultado e acto seguido proclamarase electa a candidatura que obtivese o maior número de votos.
g) Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio levantarase acta acto seguido, que será asinada por tódolos membros da mesa. Unha copia desta acta será inserida no taboleiro de anuncios do colexio.
h) Os membros elixidos da Xunta de Goberno tomarán posesión dos cargos nun prazo máximo de 15 días desde a data da elección.
i) Os nomeamentos serán comunicados no prazo de 10 días desde que se produzan, ó departamento correspondente do Goberno autónoma de Galicia.
TÍTULO V
Do réxime económico
Artigo 40º
O colexio tén plena capacidade patrimonial para a xestión e administración dos seus bens en cumprimento das súas finalidades. A actividade económica realizarase de acordo co procedemento orzamentario.
Artigo 41º.-Dos recursos económicos do colexio.
1. Os fondos do colexio estarán constituídos por recursos ordinarios e extraordinarios.
2. Serán recursos ordinarios:
a) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio colexial.
b) Os dereitos que se establezan para a elaboración remunerada de informes, dictames, estudios e outros servicios.
c) Os dereitos de incorporación, cotas ordinarias e extraordinarias, incluídos os quiñóns.
d) A entrega de certificacións fidedignas.
d) Os dereitos de intervención profesional.
f) Calquera outro que fora legalmente posible de similares características.
3. Serán recursos extraordinarios:
a) As subvencións ou donativos de calquera tipo de procedencia pública ou privada.
b) Os bens que a TÍTULO hereditario ou por calquera outra causa se incorporen ó patrimonio do colexio.
c) As cotas especiais para o levantamento de cargas corporativas.
d) Calquera outra que fose legalmente posible e que non constituísen recurso ordinario.
Artigo 42º
O orzamento e a súa liquidación elaboraranse con carácter anual e incluirán a totalidade dos gastos e ingresos colexiais.
Artigo 43º
A Xunta de Goberno presentará anualmente para a súa aprobación á asemblea xeral:
a) Liquidación do orzamento do exercicio anterior.
b) Orzamento para o próximo exercicio.
Artigo 44º.-Liquidación de bens.
En caso de disolución ou reestructuración que afecte ó patrimonio do colexio, este destinarase en primeiro lugar a cubri-lo pasivo. O activo restante repartirase entre tódolos colexiados que teñan, como mínimo un ano de antigüidade e proporcionalmente ós anos de colexiación efectiva de cada un deles sempre que figuren como altas. Pese a isto, a asemblea xeral extraordinaria poderá facer outro tipo de liquidación do activo restante despois de cubri-lo pasivo.
TÍTULO VI
Do réxime disciplinario
Artigo 45º.-Xurisdicción disciplinaria.
O colexio ten xurisdicción para sanciona-las faltas cometidas polos profesionais, colexiados ou habilitados, no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.
Artigo 46º.-Cualificacións das faltas.
As faltas calificaranse de leves, graves e moi graves.
1. Son faltas leves: a neglixencia no cumprimento de preceptos estatutarios, regulamentarios ou de
acordos das xuntas de goberno, a desconsideración de escasa trascendencia ós compañeiros; os actos relacionados no apartado 2º cando non teñan entidade suficiente para ser considerados como graves.
2. Son faltas graves: a reiteración de faltas leves; a neglixencia no cumprimento dos acordos das asembleas xerais; os actos de desconsideración ofensiva a compañeiros; o encubrimento de intrusismo profesional; a realización de traballos profesionais que pola súa índole, forma ou fondo atenten contra o prestixio profesional, o incumprimento inxustificado das obrigas económicas co colexio; a inobservancia das normas colexiais en materia de honorarios e na súa tramitación.
3. Son faltas moi graves: a reiteración de faltas graves, feitos constitutivos de delicto que afecten ó prestixio profesional; actos de desconsideración ofensiva ós compoñentes de órganos rectores.
Artigo 47º.-Procedemento sancionador.
A imposición de calquera sanción disciplinaria esixe a formación e tramitación previa do expediente correspondente.
1. Competencia: a aplicación de sancións correspóndelle á Xunta de Goberno e poderán ser obxecto de recurso de reposición ante a mesma Xunta de Goberno.
2. Formas do expediente: o expediente sancionador débese axustar ás normas seguintes:
a) O procedemento iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, xa sexa por iniciativa propia ou como consecuencia de denuncia formulada por calquera colexiado, persoa ou entidade pública ou privada.
A Xunta de Goberno cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha suposta infracción, poderá acorda-la instrucción de información reservada antes de decidi-la incoación do expediente ou se procede que se arquiven as actuacións sen ningún recurso ulterior.
Tódalas actuacións relativas á tramitación do expediente irán a cargo do instructor, que será nomeado pola Xunta de Goberno entre os colexiados. A incoación do expediente, así como o nomeamento do instructor notificaranse ó colexiado suxeto a expediente.
b) Correspóndelle ó instructor practicar tódalas probas e actuacións que conduzan ó esclarecemento dos feitos e a determina-las responsabilidades susceptibles de sanción. Á vista das actuacións practicadas formularase un prego de cargo no que se exporán os feitos imputados, ou ben a proposta de sobresemento e arquivo do expediente.
c) O prego de cargos notificaráselle ó interesado e concederáselle un prazo de quince días hábiles para poder contestalo. No trámite de descargo o colexiado interesado presentará e, se procede, proporá tódalas probas de que intente valerse.
d) Contestado o prego de cargos -ou transcorrido o prazo de facelo- e practicada a proba correspondente, o instructor formulará proposta de resolución, que se lle notificará ó interesado para que no prazo de quince días hábiles poida alegar todo aquilo que considere conveniente para a súa defensa. Durante este mesmo prazo notificaránselle as actuacións practicadas.
e) A proposta de resolución, con toda a actuación, elevarase á Xunta de Goberno e esta dictará a resolución apropiada.
f) As resolucións sancionadoras conterán a relación dos feitos probados, a determinación das faltas constatadas e a cualificación da súa gravidade. A relación dos feitos deberá ser congruente co prego de cargos formulado no expediente.
Artigo 48º.-Sancións.
As sancións que poden impoñerse son:
1. Por faltas leves:
a) Amoestación verbal.
b) Represión privada.
c) Amoestación escrita.
2. Por faltas graves:
a)Amoestación por escrito con advertencia de suspensión.
b) Suspensión da condición de colexiado e do exercicio por un prazo non superior a tres meses.
c) Suspensión para o desempeño de cargos colexiais na Xunta de Goberno por un prazo non superior a cinco anos.
3. Por faltas moi graves:
a) Suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional por un prazo superior a tres meses e non superior a un ano.
b) Inhabilitación permanente para o desempeño de cargos colexiais directivos.
c) Expulsión do colexio con privación da condición de colexiado.
Artigo 49º.-Prescrición.
1. As faltas previstas nestes estatutos están sometidas ó seguinte período de prescrición despois de que fosen cometidas:
a) As faltas leves ós seis meses.
b) As faltas graves ós dous anos.
c) As faltas moi graves ós catro anos.
2. As prescricións interromperanse polo inicio do procedemento disciplinario. A paralización do procedemento por un prazo superior a seis meses non imputable ó expedientado fará correr de novo o prazo interrompido.
Artigo 50º.-Cancelación.
O sancionado poderá pedir á Xunta de Goberno a súa rehabilitación, coa conseguinte cancelación da nota no seu expediente. Os prazos para as cancelacións serán, contados a partir do cumprimento da sanción, se a falta é leve, seis meses; grave, dous anos; moi grave, catro anos.
TÍTULO VII
Do réxime xurídico
Artigo 51º.-Notificación de acordos.
Os acordos da asemblea xeral e da Xunta de Goberno do colexio, e as decisións do presidente e demais membros da Xunta de Goberno, que deban ser notificados ós colexiados, referidos a calquera materia, incluso a disciplinaria, poderán selo no domicilio profesional que teñan comunicado ó colexio. Se non puidera efectuarse a notificación nos termos previstos nos apartados 1º, 2º e 33º do artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, a notificación entenderase efectuada ós quince días da súa exposición no taboleiro de anuncios destinado para os ditos efectos no colexio, sen prexuizo do previsto no artigo 61º da dita norma legal.
Artigo 52º.-Recursos.
1. Os acordos ou decisións do presidente e dos demais membros da Xunta de Goberno, poderán se recorridos ante esta no prazo de quince días desde a súa notificación, e se non se repuxese de oficio, deberá resolverse o recurso sen máis trámites na primeira sesión que celebre a xunta.
2. Os acordos emanados da Xunta de Goberno e da asemblea xeral, e os resolutorios dos recursos corporativos interpostos contra eles, poderán ser obxecto de recurso ante o Consello Xeral de Colexios de Podólogos, dentro do prazo dun mes contado dende a súa publicación ou notificación ós colexiados ou persoas a que afecte. Ata tanto non se cree o citado Consello Xeral, os actos que emanen da Xunta de Goberno e da asemblea xeral de colexiados poñerán fin á vía administrativa, sendo directamente recorribles ante a xurisdicción contencioso-administrativa.
O recurso ordinario será presentado ante a Xunta de Goberno que deberá elevalo cos seus antecedentes e informe que proceda, ó Consello Xeral de Colexios de Podólogos, dentro dos dez días seguintes á data de presentación, salvo que de oficio o órgano que dictou o acordo o repoña en dito prazo.
Aqueles acordos que afecten a situacións persoais deberán ser notificados ós interesados.
A Xunta de Goberno poderá acordar por motivo e por solicitude do recorrente, a suspensión da execución do acto recorrido.
O Consello Xeral de Colexios de Podólogos, logo dos informes que considere pertinentes, deberá dictar resolución expresa dentro dos tres meses seguin
tes á interposición do recurso. A dita resolución poñerá fin á via administrativa.
Artigo 53º.-Nulidade e anulabilidade.
1. Son nulos de pleno dereito os actos e acordos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos previstos no artigo 62 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. Son anulables os actos e acordos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos do artigo 63º da citada norma leal.
3. A Xunta de Goberno deberá en todo caso suspender e formular recurso sobre os actos nulos de pleno dereito.
Artigo 54º
O disposto nos apartados anteriores enténdese sen prexuízo da competencia da Administración autonómica para coñece-los recursos que se interpoñan contra actos administrativos dictados polos órganos colexiais en uso de competencias ou facultades delegadas nos mesmos pola Administración.
3533

