Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 06 de maio de 1998 Páx. 4.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de abril de 1998 pola que se regula a concesión de axudas a Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento (ONGD) para actividades formativas de sensibilización e educación ó desenvolvemento.

As relacións entre a Xunta de Galicia e as ONGD, iniciadas en 1994, puxeron de manifesto a vontade de ámbalas partes en comprometérense coa solidariedade e a cooperación para o desenvolvemento dos países empobrecidos. Desta vontade xorde a necesidade de implicármonos na concienciación da nosa sociedade, un proceso que pasa pola realización de actividades de carácter educativo, de reflexión e debate, de capacitación e participación nos ámbitos relacionados coa cooperación ó desenvolvemento.

Como queira que nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para este exercicio orzamentario, o mesmo

que nos anteriores, se fixa unha partida específica destinada a facer fronte ás axudas económicas que puidesen solicita-las ONGD para a execución dos seus proxectos; entendemos que debe preverse, a posibilidade de colaborar economicamente para a execución de proxectos formativos de sensibilización e educación. Precísase dárlle-la necesaria cobertura legal e ó mesmo tempo racionalizar, simplificándoos e normalizándoos, os procesos económico-administrativos que para adxudicación e fiscalización das axudas se requira seguir,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

A presente orde ten por obxecto regula-las axudas que, para o exercicio económico de 1998, conceda a Comunidade Autónoma de Galicia ás ONGD inscritas no rexistro de ONGD (creado por orde desta consellería do 4 de abril de 1994, DOG do 6 de abril), para realización das actividades que se concretan nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Obxecto das axudas.

Serán susceptibles das axudas previstas no artigo anterior aquelas actuacións que teñan por obxecto a realización de actividades formativas para a sensibilización ou a educación para o desenvolvemento, dirixidas a estamentos sociais relacionados ou interesados no proceso de cooperación para o desenvolvemento, no ámbito propio de actuacións das ONGD.

Quedan excluídas de toda axuda as actuacións formativas dirixidas exclusivamente a membros da propia organización.

Artigo 3º.-Requisitos para a concesión de axudas.

Os proxectos formativos para os que se soliciten as axudas reguladas nesta orde deberán de cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que se executen dentro do territorio desta Comunidade Autónoma.

b) Que a súa dirección, coordinación e control sexan exercidos directamente pola entidade solicitante.

c) Que vaia dirixida á formación técnica de equipos multidisciplinares.

d) Que a oferta de formación se dirixa a calquera sector relacionado coas técnicas aplicables á execución dos proxectos de cooperación que se configuran como obxecto da acción das ONGD.

e) Tamén serán susceptibles de acollerse á presente orde as campañas de sensibilización da opinión pública realizadas a través dos medios de difusión ou campañas de educación de sensibilización ó desenvolvemento orientadas ós escolares.

Artigo 4º.-Criterios para a concesión das axudas.

A concesión de subvencións a proxectos formativos realizarase en función de concorrencia dos seguintes criterios selectivos:

a) Tecnicidade da formación e do equipo formador.

b) Carácter interdisciplinar dos coñecementos que se impartirán.

c) Carácter teórico-práctico da formación que se impartirá.

d) Número de persoas ás que se dirixe a actividade.

e) Pagamento de matrícula ou dereitos de formación.

f) Terán carácter preferente para acceder ás subvencións recollidas nesta orde aqueles proxectos presentados por dúas ou máis ONGD co compromiso solidario de poñelo en marcha no caso de recibi-los fondos solicitados.

Artigo 5º.-Cobertura das axudas.

O importe da axuda susceptible de ser outorgada non excederá do 75% dos seguintes gastos que resulten necesarios para a impartición da formación para a que se solicite auxilio económico:

a) Gastos de locais para a impartición de formación, incluídos os de subministración de auga, gas e electricidade, e os de limpeza.

b) Axudas de custo e viaxes do profesorado.

c) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade.

d) Gastos de material de oficina xerados pola convocatoria e desenvolvemento da actividade.

Quedan excluídos de toda axuda os gastos xerados pola organización, dirección, control, e supervisión da actividade formativa, así como calquera outros análogos que puidesen derivarse dela, que sexan presentados pola ONGD solicitante.

Artigo 6º.-Solicitudes e a súa formalización.

A solicitude de axudas regulamentadas na presente orde formularase a través de escrito formalizado segundo o modelo recollido no anexo desta orde.

Toda solicitude deberá ir acompañada de copia fidedigna do proxecto formativo que, alomenos, deberá estar composto polos seguintes documentos:

a) Programa formativo.

b) Relación de profesionais encargados de imparti-la disciplina ou as disciplinas que configuren o proxecto de formación, así como titulación deles.

c) Número de perceptores da formación.

d) Importe da matrícula ou dos dereitos de formación que se vai satisfacer, se os houbese.

e) Data prevista para a iniciación da actividade programada.

f) Calendario para a impartición do programa, con indicación de: número de días lectivos, horario diario de formación, total de duración horaria da actividade formativa con desagregación do dedicado ás distintas disciplinas ou técnicas que se van impartir, distribución horaria da actividade maxistral e a teórico-práctica.

g) Orzamento de gastos desagregado por partidas en función da natureza dos gastos que se van realizar para a execución da actividade.

h) Compromiso de achega, directa ou por medio de financiamento de terceiros, da diferencia entre o custo total da actividade para a que se solicita o auxilio económico e a contía da axuda concedida.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, presentaranse directamente en calquera dos rexistros de entrada da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Poderán tamén presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Resolución de solicitudes.

As solicitudes serán resoltas pola comisión de avaliación de actividades de desenvolvemento prevista no parágrafo primeiro do artigo 10 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de xuño de 1995, e logo da fiscalización, dentro do prazo de tres meses contados dende o día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 10.-Aboamento da subvención.

No caso de que a subvención concedida non acadase a cubri-la porcentaxe de gastos establecida no artigo 5º desta orde, con carácter previo ó seu aboamento, a ONGD beneficiaria deberá proceder a formalizar declaración complementaria da regulada na letra h) do parágrafo segundo do artigo 6º desta orde, referida á diferencia entre aquela porcentaxe e a axuda concedida.

Artigo 11º.-Información sobre a execución.

As ONGD beneficiarias de axuda regulada por esta orde deberán, se é o caso, poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Relacións Institucionais, antes do inicio da actividade:

a) Calquera modificación do proxecto formativo, para a súa autorización, se procede.

b) Calquera incidencia que implique alteración do calendario establecido.

En todo momento, o persoal designado pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais poderá proceder a inspecciona-lo desenvolvemento da actividade subvencionada; igualmente os órganos específicos da Administración autonómica poderán efectuar inspeccións de carácter económico.

Artigo 12º.-Xustificación das subvencións.

Levada a cabo a actividade formativa, dentro dos 15 días seguintes ó da súa finalización, e en todo caso tendo como prazo máximo o día 31 de outubro de 1998, a ONGD beneficiaria da axuda remitirá á Dirección Xeral de Relacións Institucionais unha memoria comprensiva dos seguintes extremos:

a) Cadro numérico de participantes na actividade formativa desagregado por profesións, titulacións ou oficios.

b) Cadro de incidencias.

c) Valoración dos resultados formativos.

d) Relación de gastos efectuados para a execución da actividade, acompañada dos orixinais das facturas satisfeitas.

A anterior memoria irá xunto coas facturas orixinais, gastos efectuados e comprobantes dos ingresos obtidos

para a execución da actuación formativa. Tal documentación será conformada polo director xeral de Relacións Institucionais.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

As ONGD beneficiarias están obrigadas á devolución das axudas concedidas, incrementadas cos correspondentes xuros de demora, nos seguintes casos:

a) Non execución da actividade subvencionada. Entenderase non executada a actividade cando, transcorridos dous meses desde a data sinalada no parágrafo segundo letra e) do artigo 6º desta orde, aquela non fose iniciada.

b) Incumprimento do disposto no derradeiro parágrafo do artigo anterior.

c) Modificación substancial do proxecto formativo sen a correspondente autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Institucionais. Para estes efectos presúmese substancial a eliminación do programa de calquera das disciplinas que se vaian impartir ou a súa substitución por outras non programadas, modificación do cadro de profesorado e a reducción horaria.

Artigo 14º.-Dotación orzamentaria.

A contía global asignada ás axudas reguladas por esta orde fíxase en seis millóns (6.000.000) de pesetas, con cargo á partida orzamentaria 04-13-121.A-490.0.

Disposicións adicionais

Primeira.-No non previsto nesta orde, deberase ter en conta o que preceptúan os artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o que dispoña ó respecto a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Segunda.-Unha vez recibida a xustificación das actividades formativas realizadas, de acordo co disposto no artigo 12º, procederase ó libramento da cantidade subvencionada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Institucionais para dicta-las resolucións precisas no desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

3992