Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 06 de maio de 1998 Páx. 4.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de abril de 1998 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para a construcción ou reforma de instalacións deportivas náuticas, así como para a adquisición de equipamento deportivo náutico.

A Secretaría Xeral para o Deporte, tendo en conta a constante melloría que se vén producindo en Galicia na área dos deportes náuticos con modalidades incluídas no calendario olímpico e a importancia que este sector deportivo representa pola súa implantación na nosa comunidade; tendo en conta, así mesmo, o custo que representa dispoñer tanto dunhas instalacións axeitadas como do equipamento deportivo específico, en constante avance técnico coa implantación de novos materiais; co fin de evita-lo estancamento neste eido, preténdese o apoio ás entidades deportivas sendo por iso polo que se convocan, ó abeiro da presente orde, axudas económicas para a construcción ou reforma de instalacións deportivas e para adquisición de equipamento deportivo náutico.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto.

Serán obxecto de subvención as seguintes accións:

a) A construcción de instalacións deportivas náuticas ou a realización de obras de reforma de instalacións deportivas xa existentes que teñan un orzamento que non exceda de dez millóns de pesetas.

b) A adquisición de equipamento deportivo de competición ou de adestramento.

Artigo 2º.- Solicitantes.

Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde, as federacións deportivas galegas con modalidades náuticas incluídas no calendario olímpico e as entidades deportivas inscritas no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia e adscritas a unha federación deportiva galega dunha das modalidades náuticas olímpicas (piragüismo, remo, vela). En ámbolos casos os solicitantes deberán ter participado en competicións de carácter oficial nas dúas últimas tempadas.

Artigo 3º.- Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se achega como anexo I á presente orde.

Achegarase tamén:

Para os solicitantes da alínea a) do artigo 1º:

-Documento acreditativo da propiedade dos terreos ou, no seu defecto, do dereito de utilización durante

dez anos e o permiso do propietario para a realización das obras.

-Anteproxecto ou memoria valorada da obra que se pretende realizar.

Para os solicitantes da alínea b) do artigo 1º:

-Orzamento e relación do equipamento que se pretende adquirir.

En ambos casos enviarase unha memoria da entidade solicitante na que se incluirán entre outros: antigüidade, adestradores, número de deportistas nas dúas últimas tempadas, principais logros deportivos acadados, así como unha breve xustificación do interese deportivo das accións pretendidas.

Artigo 4º.- Lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral para o Deporte (Estadio Multiusos de San Lázaro, s/n, 15890 Santiago de Compostela), nos servicios provinciais da Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.- Subvención máxima.

O importe máximo das axudas ás que fai referencia a alínea a) do artigo 1º, será de catro millóns de pesetas; de dous millóns cincocentas mil pesetas para as solicitudes ás que fai referencia a alínea b) do artigo 1º, cursadas por clubs deportivos e de catro millóns cando teñan por beneficiarias as federacións deportivas galegas.

Artigo 6º.- Comisión avaliadora.

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de axudas ó abeiro da presente orde, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora, que estará formada por:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais:

-Subdirector xeral de Infraestructura Deportiva.

-Xefe do Servicio de Contratación e Xestión Económica.

-Xefe do Servicio de Coordinación Deportiva.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para o Deporte.

O presidente da comisión, á vista da acta, elevará a proposta ó órgano competente para a resolución definitiva das subvencións.

Artigo 7º.- Outorgamento.

Para a concesión das axudas obxecto da presente orde teranse en conta os seguintes criterios:

-Importancia e nivel da actividade deportiva federada desenvolvida pola entidade.

-Número de licencias deportivas nas dúas últimas tempadas.

-Interese deportivo do proxecto.

-Antigüidade da entidade solicitante.

-Para as solicitudes da alínea a) valorarase que o solicitante sexa propietario dos terreos ou instalacións onde se pretenda a realización das obras ou reformas, ou no seu defecto, a duración do dereito da súa utilización.

Artigo 8º.- Notificación e aceptación.

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º.c a contrario sensu, da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Os promotores dos expedientes aprobados estarán obrigados a presentar, no prazo de trinta días naturais, unha declaración na que aceptan a axuda, así como os condicionamentos ós que quedan sometidos pola presente orde.

O proxecto poderá ser modificado porcentualmente co visto e prace do secretario xeral para o Deporte sempre e cando se cumpra a finalidade ou función para a que foi promovida.

Naqueles casos nos que o dito prazo improrrogable non se produza contestación, entenderase que se renuncia á subvención. A comisión avaliadora reunirase de novo para proceder a propoñer nova concesión de subvencións, con cargo ás renuncias que se produzan.

Artigo 9º.- Prazo de execución e xustificación.

Os beneficiarios das axudas correspondentes á alínea a) do artigo 1º quedan na obriga de presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte as autorizacións administrativas necesarias para a realización do programa subvencionado. Así mesmo, tanto os beneficiarios da alínea a) como os da b) do artigo 1º deberán acredita-lo remate das obras ou a recepción das subministracións adquiridas con anterioridade ó día 30 de outubro de 1998.

O incumprimento do prazo de xustificación da subvención á que se refire o parágrafo anterior dará lugar á perda do dereito ó cobramento da axuda outorgada e posibilitará a reasignación de tales créditos nos termos previstos no último parágrafo do artigo 8º.

O importe das axudas concedidas será aboado contra a presentación de factura ou facturas acreditativas de ter realizadas as obras ou adquirida a subministración do equipamento deportivo, sen que se efectúe ningún anticipo antes da oportuna xustificación global e completa da actuación. Unha vez rematadas as obras ou adquirido o equipamento deportivo, procederase á súa recepción, acto ó que deberá asistir un representante da Secretaría Xeral para o Deporte e do que deixará constancia por medio da oportuna acta.

Artigo 10º.- Obrigas comprementarias.

Os promotores que resulten subvencionados quedan obrigados a:

-Asumir ó seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obras resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben por revisión dos prezos, adicionais, prórrogas e outros supostos.

-Utiliza-lo logotipo de deporte galego en tódolos investimentos que resulten subvencionados ó abeiro da presente orde.

-Someterse ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ó Consello de Contas.

Artigo 11º

Para as accións subvencionables ó abeiro da presente orde existe crédito por importe de trinta e cinco millóns de pesetas (35.000.000 de ptas.) na aplicación orzamentaria 04.04.355A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Artigo 12º

Nos aspectos non contidos na presente orde haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

3924