Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 06 de maio de 1998 Páx. 4.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 23 de abril de 1998 pola que se definen as normas para a aplicación do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, que establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado da actividade agraria en 1998.

O Regulamento (CEE) 2079/1992, do consello, do 30 de xuño, establece un réxime comunitario de axudas á xubilación anticipada na agricultura. O Real decreto 1695/1995, do 20 de outubro, regula o dito réxime no Estado español e o Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, fai o mesmo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, dispón que lle corresponde ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en relación co sector lácteo e gandeiro, para o cal poderá adoptar este todo tipo de accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario. Así mesmo, tamén lle encomenda a execución, nesta Comunidade Autónoma, das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agrícola Común (PAC), incluso en relación coas medidas de acompañamento, como é o caso do cesamento anticipado na actividade agraria.

Con base no anterior, nesta orde desenvólvese o precitado decreto definíndose as normas de aplicación do réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria en Galicia e determinando a súa imputación económica en 1998.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente e o Decreto 25/1998, do 22 de marzo,

DISPOÑO:

Artígo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde o establecemento das normas de desenvolvemento, para 1998, do disposto no Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, en relación coa xestión das axudas para o fomento do cesamento anticipado da actividade agraria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

As solicitudes para acceder a estas axudas poderán presentarse, ata o día 30 de xuño de 1998, preferentemente nas axencias de extensión agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou nos servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) e formalizaranse nos impresos oficiais que se inclúen como anexo da presente orde. Así mesmo, poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Xustificación de requisitos do cedente

A xustificación do cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 4 do Real decreto 1695/1995, respecto do cedente, comprenderá a seguinte documentación, que deberá presentarse xunto coa solicitude:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) e indicación do número de identificación fiscal (NIF) do cedente. No caso de inexactitude nos datos reflictidos no DNI, deberá acredita-la veracidade destes mediante os documentos precisos en cada caso, como certificación do Rexistro Civil ou copia compulsada da acta de nacemento se o erro está na data de nacemento e certificado de empadroamento se o erro está no domicilio.

b) Informe de vida laboral e/ou certificación expedidos pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente nos que se faga constar:

b.1. Réxime de afiliación.

b.2. Tipo de traballador.

b.3. Períodos de cotización en cada réxime.

b.4. Situación con respecto das cotizacións.

c) Certificación do Rexistro da Propiedade, catastro, escrituras públicas ou calquera outro documento admisible en dereito, xustificativo da propiedade dos predios que integran a superficie agrícola da explotación. No suposto de que a dita superficie estivese constituída, total ou parcialmente, por terras en arrendamento, parcería ou figuras análogas, poderá acreditarse mediante os contratos ou documentos correspondentes ou, se é o caso, certificación do Rexistro Especial de Arrendamentos Rústicos.

En todo caso, será necesaria a identificación, mediante os datos catastrais ou de concentración parcelaria, se é o caso, dos predios que integran a superficie agrícola útil da explotación, tanto na solicitude como nos documentos xustificativos da transmisión da base territorial ó cesionario.

Sen embargo, naqueles concellos ou parte deles onde se procedese á concentración parcelaria ou á reordenación da propiedade e para os que non se dispoña dun novo catastro, poderanse admiti-las referencias identificativas alfanuméricas contidas nos planos mentres non se dispoña de novos datos de catastro.

d) Fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do último exercicio con relación ó cal teña vencido o prazo para a súa presentación no período voluntario ou, no caso de que a renda agraria fiscalmente declarada ese ano fose anormal, debido a causas non imputables ó cedente, como sinistros, campañas de saneamento gandeiro, etc., deberá achegar copia compulsada das declaracións de tres dos últimos cinco anos, incluíndo a do último. Tamén deberá presentar certificación da Administración correspondente á Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ó corrente no pagamento das obrigas fiscais.

Artigo 4º.-Xustificación de requisitos do cesionario.

A xustificación do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 5 do Real decreto 1695/1995, respecto do cesionario agrario persoa física, comprenderá a seguinte documentación, que deberá presentarse xunto coa solicitude:

a) A capacitación profesional suficiente poderá acreditarse mediante algún dos seguintes modos:

a.1. Mediante fotocopia compulsada da titulación académica de capataz agrícola, formación profesional agraria de primeiro grao ou outra superior na rama agraria.

a.2. Cun certificado de asistencia ós cursos, de duración mínima de 200 horas lectivas, establecidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a través das súas unidades de Extensión ou Capacitación Agraria.

a.3. Mediante certificación de asistencia a cursos, cunha duración mínima de 200 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias e previamente homologados pola Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

a.4. Considerarase tamén acreditada se o agricultor xove se compromete a adquiri-la capacitación profesional suficiente no prazo de dous anos por calquera das vías sinaladas nos tres parágrafos anteriores. Neste caso, no momento da solicitude da axuda deberá presentarse xustificante de ter pedida a súa admisión no centro correspondente.

Posteriormente o xove agricultor deberá presentar, no prazo sinalado, a documentación acreditativa de ter alcanzada a dita capacitación.

b) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) e indicación do número de identificación fiscal (NIF). No caso de inexactitude nos datos reflectidos no DNI deberá acredita-la veracidade deles mediante os documentos precisos en cada caso, como certificación do Rexistro Civil ou copia compulsada do acta de nacemento se o erro está na data de nacemento, e certificado de empadroamento se o erro está no domicilio.

c) Informe de vida laboral e/ou certificación expedidos pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente nos que se faga constar:

c.1. Réxime de afiliación.

c.2. Tipo de traballador.

c.3. Períodos de cotización en cada réxime.

c.4. Situación con respecto das cotizacións.

d) Documentación acreditativa da titularidade da explotación agraria que, con carácter xeral, se poderá demostrar coa última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas e folla de saneamento gandeiro, se é o caso, ou por calquera outro medio admisible en dereito.

Artigo 5º.-Caso de cesionarios, cooperativas ou persoas xurídicas.

No caso de que o cesionario sexa unha cooperativa ou outro tipo de persoa xurídica titular dunha explotación prioritaria recollida nos artigos 5 e 6 da Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, deberase presentar fotocopia compulsada da documentación acreditativa de estar incluída no Catálogo Xeral de Explotacións Prioritarias ou certificación do director do ILGG que acredite que a explotación ten o carácter de prioritaria.

Artigo 6º.-Xustificación de requisitos do traballador ou familiar cesante.

Para xustifica-lo cumprimento dos requisitos do traballador ou familiar cesante establecidos no artigo 6 do Real decreto 1695/1995, deberá achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) e indicación do número de identificación fiscal (NIF). No caso de inexactitude nos datos reflectidos no DNI, deberá acredita-la veracidade deles mediante os documentos precisos en cada caso, como certificación do Rexistro Civil ou copia compulsada do acta de nacemento se o erro esta na data de nacemento, e certificado de empadroamento se o erro está no domicilio.

b) Informe de vida laboral e/ou certificación expedidos pola Tesourería Territorial ou Administración da Seguridade Social correspondente nos que se faga constar:

b.1. Réxime de afiliación.

b.2. Tipo de traballador.

b.3. Períodos de cotización en cada réxime.

b.4. Situación con respecto das cotizacións.

c) Fotocopia compulsada da última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas con relación ó cal teña vencido o prazo para a súa presentación en período voluntario e certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria ou Administración correspondente a ela acreditativa de estar ó corrente no pagamento das obrigas fiscais.

d) Declaración xurada de ter traballado, alomenos, durante tres dos últimos cinco anos na explotación do titular que cese, asinada polo cedente e polo traballador.

Artigo 7º.-Xustificación de requisitos das explotacións.

A xustificación do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 7 do Real decreto 1695/1995, respecto das explotacións de cedente, cesionario e da explotación resultante, comprenderá a seguinte documentación, que deberá presentarse xunto coa solicitude:

a) Declaracións xuradas, acompañadas das correspondentes certificacións catastrais, se é o caso, dos predios que conforman as explotacións, tanto do cedente como do cesionario.

b) No caso de explotacións gandeiras, folla de saneamento gandeiro das dúas últimas campañas de

ámbalas explotacións, ou outro documento xustificativo, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de que a explotación do cedente non diminuíu en máis dun 20% a súa superficie nin a súa dimensión económica nos dous últimos anos.

c) Xustificantes de cotización á Seguridade Social dos traballadores da explotación resultante (a do cesionario ampliada coa do cedente), familiares ou asalariados.

d) Estudio económico da explotación resultante, no que se reflecte xustificadamente a renda de traballo/UTH, e se faga consta-la man de obra, tanto asalariada como familiar, segundo o modelo oficial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria especificado como anexo á presente orde.

Artigo 8º.-Outras condicións de cedentes, cesionarios e explotacións.

8.1. Tralo cesamento da actividade agraria na explotación, en ningún caso poderá o cedente pasar a ser cotitular coa persoa física ou socio da persoa xurídica titular da explotación resultante.

8.2. Así mesmo, os distintos titulares da explotación do cedente tampouco poderán ter percibido axuda ningunha para a incorporación dun xove agricultor a esa explotación nos dez anos anteriores ó cesamento.

8.3. Se o cesionario é un agricultor xove ou un traballador que se instala con motivo do cesamento, deberá presentar, xunto coa solicitude, un plan de mellora da explotación que recibe do cedente, que xustifique un incremento de dimensión económica dela nun mínimo de tres UDEs. Este plan de mellora poderá ser obxecto de axuda no marco das establecidas para a mellora da eficacia das estructuras agrarias.

8.4. Se o cesionario, xove agricultor ou traballador que se instala, vai incrementa-la base territorial da explotación que recibe do cedente, deberá xuntarlle á solicitude un compromiso de arrendo ou compra-venda asinado polo posible arrendador ou vendedor e o propio cesionario, no que conste a identificación catastral das parcelas que se van arrendar ou comprar.

Artigo 9º.-Tramitación.

9.1. A tramitación dos expedientes relativos á axuda que constitúe o obxecto da presente orde corresponderalles ós servicios provinciais do ILGG, para o cal comprobarán a documentación e emitirán un informe, en conforme este os delegados provinciais realizarán a oportuna proposta, que elevarán ó director do ILGG para que dicte a correspondente resolución.

9.2. Non obstante, o anterior, se non se resolvese no prazo de 6 meses a solicitude formulada por algún interesado, esta considerarase desestimada.

Artigo 10º.-Criterios de prioridade.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da presente convocatoria, en caso de que o importe das axudas corespondentes ás solicitudes recibidas superen a dotación orzamentaria dispoñible, as reso

lucións favorables que recaian sobre os expedientes recibidos produciránse atendendo á seguinte orde de preferencia:

1. Expedientes sobre os que non teña recaído resolución expresa ó abeiro da Orde do 4 de marzo de 1997, pola que se aplican na Comunidade Autónoma de Galicia as axudas ó cesamento anticipado na actividade agraria e que, cumprindo tódalas condicións recollidas nela, non foran atendidos. O criterio de selección dentro deste grupo será o que se recolle nos puntos a), b) e c) do seguinte apartado.

2. Expedientes presentados ó abeiro da presente orde:

a) Expedientes nos que o cesionario agrario, no momento da solicitude, xa sexa titular dunha explotación agraria e incorpore a esta a totalidade ou parte da explotación cedente.

Dentro deste apartado ordenaranse os expedientes por orde decrecente do cociente consecuencia de dividi-la superficie agrícola útil da explotación resultante entre a superficie agrícola útil da explotación do cesionario, dándolles preferencia ós de maior valor.

b) Expedientes nos que o cesionario agrario sucede ó cedente na titularidade da mesma explotación.

-Dentro deste apartado ordenaránse os expedientes por orde decrecente do cociente que resulte de dividi-la superficie agrícola útil da explotación resultante, para xustificar documentalmente no momento do cesamento na actividade agraria do cedente, entre a superficie agrícola útil da explotación do cedente, dándolles preferencia ós de maior valor.

-No caso de igualdade dos índices do apartado anterior, terán preferencia os expedientes con maior valor do cociente que resulte de dividi-la dimensión económica, en UDEs, da explotación resultante entre a dimensión económica, en UDEs, da explotación do cedente.

c) Por último, no caso de igualdade en tódolos criterios fixados anteriormente, terán prioridade aqueles expedientes nos que en relación ó cedente reste menos tempo entre a idade de xubilación do cedente e a data de publicación desta orde.

Artigo 11º.-Xustificación da transmisión da explotación.

Se a resolución fose favorable, para poder acceder ás axudas previstas no artigo 10 do Real decreto 1695/1995, o cedente deberá facer efectiva a transmisión da base territorial da súa explotación [con excepción da reserva a que dá dereito o punto 1 do artigo 8 do anterior real decreto no segundo parágrafo do apartado a)], así como de tódolos dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas afectas, a unha ou máis persoas ou entidades que cumpran os requisitos de cesionarios agrarios previstos no artigo 5 do citado real decreto, o que se deberá acreditar da forma seguinte:

a) Transmisión da base territorial:

a.1. No caso de transmitirse a propiedade outorgarase a correspondente escritura pública: se se

optase pola transmisión mediante arrendamento este deberá realizarse por un prazo mínimo de 5 anos e formalizarse mediante escritura pública ou contrato privado inscrito no Rexistro Especial de Arrendamentos Rústicos.

Ademais, deberá acreditarse o pagamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, se é o caso.

Se o cedente non fose propietario de toda ou parte da explotación, deberá xustifica-la resolución de tódolos contratos que afecten á actividade productiva da explotación.

-Para efectos do cálculo do importe da prima anual complementaria a que fai referencia o Real decreto 1695/1995 no seu artigo 10, apartado 1.b), e en relación ó límite de 47.500 pesetas por ha, este límite entenderase referido á superficie da explotación do cedente que se transmite, mediante documento público ó cesionario.

b) Transmisión do gando:

A saída do gando da explotación do cedente xustificarase, excepto nos casos de incorporación de xoves na mesma explotación, mediante a copia compulsada do libro de explotación debidamente dilixenciado no caso de gando vacún e ovino ou cabrún, ou mediante certificación de veterinario oficial, ou factura de venda noutras especies.

c) Transferencia de cantidades de referencia para a producción de leite e outros dereitos de prima:

A transferencia dos dereitos, cotas, cantidades de referencia e concesións administrativas afectas tanto á parte agrícola como gandeira, da explotación do cedente á do cesionario deberá formalizarse en impreso oficial para o efecto facilitado polo ILGG, asinado polo cedente e o cesionario.

d) Cambio de titularidade da explotación:

O cambio de titularidade da explotación do cedente a favor do cesionario realizarase exclusivamente naqueles casos nos que o cedente transmita ó cesionario a totalidade dos medios de producción e, particularmente, nas cesións a xoves ou traballadores que se incorporen na explotación do cedente, o que se xustificará coa fotocopia da solicitude oficial de cambio de titularidade presentada ante o órgano competente do ILGG.

Artigo 12º.-Xustificación do incremento en UDEs e/ou en superficie agrícola.

a) No caso dun agricultor xove ou dun traballador xa instalado con motivo do cesamento, a xustificación do incremento da dimensión económica da explotación do cedente nun mínimo de tres UDEs, previsto no plan de mellora, necesaria para poder acceder a estas axudas, acreditarase coa xustificación da realización dos investimentos e melloras previstos nel, comprobada polo Servicio Provincial do ILGG ou as Axencias de Extensión Agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

b) No caso referido no artigo 8.4, o xove agricultor ou traballador que se instala, deberá achega-los correspondentes contratos de arrendamento ou compra-venda asinados polo arrendador ou vendedor e o propio cesionario, nos que conste a identificación catastral das parcelas arrendadas e/ou compradas.

Artigo 13º.-Documentación complementaria e control.

a) Para comproba-lo cumprimento de calquera dos requisitos e compromisos esixidos no articulado anterior, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia poderá solicita-la contribución polo interesado dos datos e documentos que considere necesarios, así como realiza-las comprobacións e inspeccións que estime oportunas.

b) Para os efectos de instrumenta-lo control do cumprimento dos requisitos da normativa, tanto nacional como comunitaria, estableceranse entre a Administración do Estado e os órganos ou organismos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia os mecanismos apropiados de coordinación do dito control.

Artigo 14º.-Financiamento.

Para o financiamento correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co previsto nos artigos 6 e 7 do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, existe crédito no concepto orzamentario 09.50.614-A.773.0, da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, por un importe de 186.828.918 pesetas.

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 4 de marzo de 1997 pola que se definen, para o dito ano, as normas para a aplicación do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, que establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria, sobre as que non teña recaído resolución expresa, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación en sentido contrario de quen as teña presentado dirixida ó correspondente Servicio Provincial do ILGG. A tramitación dos respectivos expedientes continuará desde o trámite no que se atopen ó remate do exercicio anterior, podendo os interesados achega-la documentación complementaria que consideren oportuna.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do ILGG, para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

3457