Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 14 de maio de 1998 Páx. 5.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de marzo de 1998 pola que se convocan actividades formativas para o curso 1998-1999 destinadas a profesorado de inglés e de francés, e se aproban as súas bases de concesión.

O artigo 55 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que os poderes públicos prestarán unha atención prioritaria ó conxunto de factores que favorecen a calidade e mellora do ensino, citando entre estes factores a cualificación e formación do profesorado.

Pola súa vez, a citada lei, no seu artigo 56, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros e, na súa disposición adicional terceira sinala que as administracións educativas proverán os recursos necesarios para garantir, no proceso de aplicación da lei, a inclusión de plans institucionais de formación permanente do profesorado, de actividades de formación ou outras actividades para asegurar a tódolos profesores, durante a súa vida profesional, a posibilidade de acceder a períodos formativos fóra do centro escolar, polo que un dos obxectivos desta consellería é a actualización metodolóxica do profesorado de linguas estranxeiras, así como a mellora do nivel de competencia comunicativa en contacto coa cultura dos países nos que se falan as ditas linguas, coa intención de que todo iso repercuta positivamente no proceso de aprendizaxe do alumnado.

Na súa virtude, facendo uso das competencias que lle están atribuídas, esta consellería,

DISPÓN:

Convocatoria.

Primeiro.-Convocar actividades de formación para o curso 1998-99, dirixidas a profesorado de inglés e de francés que pertenza ós corpos de mestres, profesorado de ensino secundario ou de escolas oficiais de idiomas, destinado actualmente e durante o próximo curso 1998-99 en centros públicos dependentes desta Comunidade Autónoma. As actividades convocadas son as seguintes:

-Un curso de inglés para profesorado de primaria, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Gran Bretaña, desenvolvido nas seguintes datas:

-Un primeiro grupo de 25 profesores do 19 de outubro ó 13 de novembro de 1998.

-Un segundo grupo de 25 profesores do 16 de novembro ó 11 de decembro de 1998.

-Un terceiro grupo de 25 profesores do 11 de xaneiro ó 5 de febreiro de 1999.

-Un curso de inglés para 30 profesores de inglés de secundaria e de inglés de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Gran Bretaña, desenvolvido do 19 de outubro ó 13 de novembro de 1998.

-Un curso de francés para 20 profesores de primaria, cunha duración de 4 semanas, que se impartirá en Francia, desenvolvido do 16 de novembro ó 11 de decembro de 1998.

-Intercambio posto a posto para 15 profesores de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 3 semanas, con docentes de español en Francia, desenvolvido do 16 de novembro ó 4 de decembro de 1998.

Organización e características dos cursos.

Segundo.-A organización dos cursos e do intercambio correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quien poderá establece-los convenios necesarios para levar a cabo estas actividades.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, co obxecto de asegurar un mellor desenvolvemento, nomeará a unha das persoas seleccionadas para coordinar cada unha destas actividades.

Os cursos e o intercambio estarán orientados á mellora do nivel de competencia lingüística e á actualización metodolóxica no ensino das linguas estranxeiras.

Condicións e requisitos de participación.

Terceiro.-Os candidatos deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Ser profesor especialista na lingua estranxeira para a que solicita a actividade.

2. Estar en situación de servicio activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Terán preferencia os profesores que estean impartindo a lingua estranxeira correspondente durante o curso 1997/98.

3. Ter, como mínimo, tres anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos de primaria, de secundaria ou de escolas oficiais de idiomas.

4. Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a actividade de formación.

5. Non ter desfrutado ou estar desfrutando de licencia por estudios outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. Quedan excluídos desta convocatoria:

-Os funcionarios do corpo de mestres que estean a realizar un curso de especialización convocado por esta consellería.

-O profesorado de linguas estranxeiras que obtivera unha axuda do programa Sócrates, Lingua B, nas dúas últimas convocatorias.

-O profesorado ó que se lle concedera un reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de perfeccionamento do tipo III nas dúas últimas convocatorias.

Solicitudes de participación.

Cuarto.-Os candidatos ás actividades de formación que se convocan deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo I e segundo o procedemento establecido no apartado quinto.

Quinto.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación.

1. Folla de servicios, segundo modelo do anexo II, certificada pola delegación provincial correspondente e pechada na data de publicación desta convocatoria.

2. Certificado, se é o caso, expedido polo director ou directora do centro, no que conste que durante o curso 1997-98 o solicitante imparte a lingua estranxeira correspondente.

3. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente achegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo III desta orde.

4. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III.

5. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ó que se refire a base sexta da presente convocatoria.

Prazo de presentación.

Sexto.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Sétimo.-Unha vez rematada cada unha das actividades, os profesores participantes terán prazo dun mes, contado desde a data de remate, para remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional un informe da actividade realizada.

Durante o mes de febreiro de 1999 os concursantes, seleccionados ou non, poderán retira-la súa documentación do Servicio de Formación do Profesorado (rúa San Lázaro 107. Santiago de Compostela), ben directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdéndose todo dereito sobre ela.

Condicións económicas.

Oitavo.-As condicións económicas de participación son as seguintes:

a) Os gastos de docencia dos cursos en Gran Bretaña, así como os de aloxamento en familias e mantenza, agás o lunch, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Establécese unha axuda compensatoria para gastos de desprazamento en transporte público por importe de 50.000 ptas. por profesor/alumno.

b) Os gastos de docencia do curso para mestres en Francia serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado de francés de primaria que sexa seleccionado recibirá unha axuda compensatoria para os gastos de aloxamento en familias, mantenza e desprazamento en transporte público de 175.000 ptas. por profesor/alumno.

c) O profesorado de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado recibirá unha axuda compensatoria para gastos de aloxamento, mantenza e desprazamento en transporte público de 200.000 ptas. por profesor/alumno.

Estas cantidades faranse efectivas despois de rematadas as actividades e logo da verificación da asistencia a elas e xustificación dos gastos de desprazamento en transporte público coa presentación das correspondentes facturas ou billetes.

O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 por importe de 10.500.000 ptas. no exercicio orzamentario de 1998 e por importe de 1.250.000 ptas. no exercicio orzamentario de 1999.

Noveno.-Durante o tempo de duración das actividades de formación os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, ademais da axuda compensatoria de gastos mencionada no apartado oitavo.

Procedemento para a adxudicación das prazas.

Décimo.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue, que será o presidente.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-Dous membros da Inspección Educativa.

-O xefe de Servicio de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente nomeará un representante, que poderá asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos

apartados 1, 2 e 3 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Décimo primeiro.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo III desta convocatoria.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente ós seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1.1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2.1 do baremo.

c) A continuación, desempatará o número de rexistro persoal máis baixo (cando proceda) e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

2. A relación dos preseleccionados farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos edificios administrativos de San Caetano e San Lázaro e nos das delegacións provinciais, abríndose un prazo de sete días naturais para efectuar reclamacións. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a comisión seleccionadora remitiralle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados.

No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, poderán presentarse renuncias á concesión das actividades de formación perante a mencionada comisión seleccionadora.

Décimo segundo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez comprobado que os candidatos reúnen os requisitos establecidos na presente convocatoria, publicará a resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia.

1. Unha vez resolta a presente convocatoria non se admitirán renuncias ás actividades concedidas, salvo casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de tres meses, desde a data do remate da súa presentación.

Décimo terceiro.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Décimo cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

3881