Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 28 de maio de 1998 Páx. 5.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de abril de 1998 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para actividades deportivas promovidas polos concellos de Galicia durante 1998.

Correspóndelles ás administracións públicas a promoción das actividades físicas e deportivas entre a poboación. Con tal fin, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia habilitan crédito dirixido a axuda-los concellos de Galicia para cumpriren estes obxectivos.

Tendo en conta as especiais circunstancias do asentamento da poboación galega, na súa maioría en pequenos núcleos de poboación, que dificultan a programación destas actividades e encarecen o seu desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As subvencións que se regulan ó abeiro da presente orde atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 cunha dotación económica de vinteoito millóns de pesetas (28.000.000 de ptas.), destinados á realización dos seguintes programas:

A) Escolas deportivas.

B) Organización de competicións e torneos deportivos.

C) Desenvolvemento de actividades na natureza.

Artigo 2º

Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde os concellos de Galicia que conten cunha poboación de dereito inferior a 15.000 habitantes segundo o último censo dispoñible.

As solicitudes formularanse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se xunta como anexo á presente orde. Achegarase tamén un proxecto detallado da actividade que constará de:

-Obxectivos da actividade que se vaia realizar.

-Datas, lugares e horarios da actividade.

-Profesorado e titulación dos responsables do desenvolvemento da actividade.

-Orzamento detallado de ingresos e gastos.

-Certificación expedida polo secretario do concello na que se faga consta-la poboación de dereito segundo o último censo dispoñible.

As solicitudes presentaranse nos rexistros dos servicios provinciais da Secretaría Xeral para o Deporte, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós quince días hábiles contados a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral para o Deporte concederá axudas polo importe máximo de cincocentas mil pesetas (500.000 ptas.) para as solicitudes ás que fai referencia o artigo 1º. Só se atenderá unha petición por concello.

Artigo 4º

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais: xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte na Coruña. Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Lugo. Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Ourense. Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Pontevedra.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para o Deporte.

O presidente da comisión, á vista da acta da comisión avaliadora, elevaralle proposta ó delegado provincial correspondente da Consellería da Presidencia e Administración Pública para a resolución definitiva das subvencións, logo da fiscalización pertinente.

Artigo 5º

Para a concesión das axudas obxecto da presente orde teranse en conta os seguintes criterios:

A) Obxectivos da actividade que se vai desenvolver.

B) Cualificación técnica dos responsables do programa.

C) Duración e lugar onde se desenvolverán as actividades.

Artigo 6º

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa deberá entenderse desestimada a petición correspondente (Art. 43.2º c, a contrario sensu, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Artigo 7º

Obrigas dos concellos ós que se lles concede a subvención:

A) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mes

mas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

B) Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

C) Admiti-la presencia e supervisión da Secretaría Xeral para o Deporte ou dos organismos provinciais que a representen. Así mesmo, quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

D) Facer constar en toda a publicidade e información, en lugar preferente, que a actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

E) Envia-los informes que poida solicita-la Secretaría Xeral para o Deporte ou os organismos provinciais que a representen.

Artigo 8º

Para a percepción da subvención, unha vez rematada a actividade, no prazo dun mes o beneficiario remitiralle ó correspondente servicio provincial da Secretaría Xeral para o Deporte a seguinte documentación:

A) Certificación expedida polo secretario do concello, co visto e prace do alcalde-presidente, na que se faga constar ter realizada a acción subvencionada e incorrido no gasto correspondente.

B) Memoria da actividade realizada.

Artigo 9º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a correspondente delegación provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá anula-la subvención concedida logo de audiencia do interesado. Neste suposto, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-No que se refire ós prazos de execución, poderán subvencionarse actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro de 1998, sempre que estas actividades se consideren importantes para o desenvolvemento da promoción do deporte e cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde.

Segunda.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

4835