Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 28 de maio de 1998 Páx. 5.835

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 142/1998, do 15 de maio, polo que se acepta a doazón do oratorio que pertenceu a Marcelo Macías, feita por Socorro Alonso Martínez Risco a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 9 de setembro de 1997, Socorro Alonso Martínez Risco dou ó Museo Arqueolóxico de Ourense, dependente da Comunidade Autónoma de Galicia, o oratorio que pertenceu a Marcelo Macías.

Con data do 28 de novembro de 1997, a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia informou favorablemente a aceptación da antedita doazón.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e Turismo, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos establecidos por Socorro Alonso Martínez-Risco e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la doazón do oratorio de Marcelo Macías, feita por Socorro Alonso Martínez-Risco.

O dito ben moble incorporarase ó Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando adscrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, quince de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4836