Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 03 de xuño de 1998 Páx. 6.045

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de abril de 1998 pola que se clasifica como de interese benéfico social a Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. Gerardo Rodríguez Encinas na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do 7 de abril de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Molíns de Rei, o día 1 de abril de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio de Cataluña, Manuel Ángel Martínez García co número setecentos sete do seu protocolo, por Gerardo Rodríguez Encinas, Hassan Mourinou e Paula Cristina Azevedo Correa, que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo oito dos seus estatutos os fins da fundación son a asistencia socio-sanitaria de todo tipo de anciáns e minusválidos, a asistencia social a mulleres desamparadas, a asistencia e desintoxicación de alcohólicos e drogodependentes e a prestación de axudas ós galegos necesitados que residen fóra do territorio da Comunidade Autónoma, especialmente fóra do territorio español, e a promoción da súa reintegración social e do seu regreso á Comunidade Autónoma.

4. O padroado da fundación estará constituído por Gerardo Rodríguez Encinas como presidente, Hassan Mourinou como secretario e Paula Cristina Azevedo Correa como tesoureira.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico social da Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese benéfico social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de abril de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese benéfico social a Fundación Benéfica Nuestra Señora de Fátima e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5045