Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 04 de xuño de 1998 Páx. 6.119

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 152/1998, do 15 de maio, polo que se establecen as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

O mergullo é unha actividade prioritaria para que Galicia poida manter no futuro a posición que actualmente ten en relación coa explotación dos recursos mariños, pesqueiros ou non, ó seren as tecnoloxías subacuáticas ferramentas esenciais non só para a explotación dos recursos senon para a súa xestión e control, á vez que son ferramentas auxiliares importantes na industria naval, na construcción civil e no rescate e salvamento no mar e augas fluviais.

A transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de mergullo profesional polo Real decreto 1377/1997, do 29 de agosto, establece a referencia para o exercicio das ditas funcións na normativa básica do Estado.

A situación normativa na que se encontran as titulacións de mergullo profesional en España, como consecuencia da Orde do 22 de decembro de 1995 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, (BOE nº 11, do 12-1-1996), que retrotrae a normativa básica de aplicación ó Decreto 2055/1969, do 27 de setembro, sobre actividades subacuáticas e ás normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas establecidas por orde do Ministerio de Fomento do 14 de outubro de 1997 (BOE nº 280, do 22 de novembro), aconsella que a Comunidade Autónoma fixe, dentro dos límites establecidos no dito decreto, as titulacións e as súas

atribucións, adaptándoas á situación do sector e ás necesidades de Galicia, así como crear un marco que permita o desenvolvemento futuro do sector dentro do complexo mar-industria tan importante para a nosa comunidade autónoma.

O presente decreto complementa a regulación contida no Decreto 428/1993, do 17 de decembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, introducindo no marco da normativa estatal novas titulacións de mergullo profesional e actividades subacuáticas non recollidas no seu momento polo citado decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para a práctica de intervencións hiperbáricas e subacuáticas de carácter laboral, profesional ou científico de calquera tipo en augas pertencentes ó ámbito territorial de Galicia, nas que se someta a persoas a un medio hiperbárico, será necesario que estas estean en posesión do título de mergullo profesional adecuado ó seu nivel de exposición hiperbárica.

Artigo 2º

As titulacións profesionais de mergullo e, se é o caso, as especialidades subacuáticas, permitirán desenvolve-las actividades dentro dos límites establecidos neste decreto para o seu exercicio, nas atri

bucións de cada unha delas e nas normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas establecidas por orde do Ministerio de Fomento do 14 de outubro de 1997 (BOE nº 280, do 22 de novembro).

Artigo 3º

As titulacións profesionais para o exercicio do mergullo profesional en Galicia son:

A) Mergullador en apnea.

Esta titulación profesional capacita para efectuar inmersións en apnea ata unha profundidade de 10 metros coa finalidade de realizar unicamente traballos relativos á extracción de recursos mariños sempre que se estea en posesión do correspondente permiso de explotación e dentro dun plan de explotación aprobado.

B) Iniciación ó mergullo profesional.

Esta titulación profesional capacita para a utilización de equipos de mergullo autónomo e de subministración desde superficie con aire, limitada a efectuar inmersións ata unha profundidade de 15 metros sen descompresión.

C) Mergullador profesional de 2ª clase restrinxido.

Esta titulación profesional capacita para a utilización de equipos de mergullo autónomo e de subministración desde superficie con aire, limitada a efectuar inmersións ata unha profundidade de 30 metros.

D) Mergullador profesional de 2ª clase.

Esta titulación profesional capacita para

1. Utilizar equipos de mergullo autónomo, de subministración desde superficie e campás húmidas ou utilizar aire e mesturas binarias de nitróxeno e osíxeno, segundo as limitacións que marca a lexislación, limitada a efectuar inmersións ata unha profundidade de 60 metros.

2. Actuar como axudante do mergullador instructor na instrucción de alumnos de cursos de iniciación ó mergullo profesional.

E) Mergullador profesional de lª clase.

Esta titulación profesional capacita para:

1. Realiza-las funcións do mergullador de 2ª clase.

2. Utilizar torretas, mergullo a saturación, así como equipos especiais de mestura de gases ata a profundidade que permitan estes sen excede-los límites de seguridade marcados pola lexislación vixente.

3. Actuar como axudante do mergullador instructor na instrucción de alumnos de mergullo e especialidades subacuáticas profesionais, respecto das materias nas que estea capacitado.

F) Mergullador instructor profesional.

Esta titulación profesional capacita para:

1. Realiza-las funcións do mergullador de lª clase.

2. Dirixi-la instrucción de cursos e especialidades de mergullo profesional.

G) Operador de cámaras hiperbáricas.

Esta titulación profesional capacita para o manexo de cámaras baixo a supervisión e en presencia do persoal responsable legalmente autorizado que se atopa en posesión da especialidade en instalacións e sistemas de mergullo.

H) Técnico en mergullo a media profundidade.

Esta titulación profesional capacita para:

1. Utilización de equipos autónomos, con subministración desde superficie e campás húmidas.

2. Efectuar intervencións hiperbáricas e subacuáticas ata a profundidade de 60 metros, con aire e nitróxeno.

3. Exerce-las mesmas atribucións que os posuidores das seguintes especialidades subacuáticas profesionais:

Instalacións e sistemas de mergullo.

Reparacións a flotación e salvamento de buques.

Corte e soldadura subacuáticas.

Obras hidráulicas.

Explosivos subacuáticos.

4. Poder actuar como axudante do mergullador instructor en cursos de mergullo profesional (ata mergullador profesional de 2ª clase).

5. Poder optar ó título de mergullador profesional de lª clase, despois dun ano de obte-la tarxeta profesional, e demostrando te-la experiencia no campo profesional requirida regulamentariamente.

Para poder optar á posesión do título profesional de técnico en mergullo a media profundidade cómpre estar en posesión do título académico de técnico de mergullo a media profundidade regulado polos reais decretos 727 e 750/1994, (BOE nº 150, do 24-6-1994, e nº 171, do 19-7-1994, respectivamente).

Artigo 4º

Establécense as seguintes especialidades subacuáticas profesionais:

-Instalacións e sistemas de mergullo.

-Reparacións a flotación e salvamento de buques.

-Corte e soldadura subacuáticas.

-Obras hidráulicas.

-Explosivos subacuáticos.

-Salvamento e rescate subacuáticos.

-Inspección subacuática e ensaios non destructivos.

-Mergullo en ambientes hiperbáricos e subacuáticos especiais e contaminados.

-Mostraxe e inspección biolóxica.

As citadas especialidades capacitan para:

1. A aplicación no campo profesional das actividades comprendidas na especialidade que posúa en relación coa categoría profesional que lle corresponda.

2. Participar na docencia das materias da especialidade e nas condicións que indique o título de mergullo que posúa.

3. Poder optar ós títulos de mergullador de lª clase, cumprindo os demais requisitos esixidos para a obtención do dito título.

Para acceder ás referidas especialidades será necesario posuí-lo título de mergullador profesional de 2ª clase.

Artigo 5º

As titulacións profesionais e as súas atribucións para o exercicio do mergullo profesional utilizando técnicas clásicas son:

A) Escafandrista de pequena profundidade.

Esta titulación profesional capacita para a utilización de equipos de aire de mergullo clásico mediante equipos de casco ríxido, en directa dependencia de medios auxiliares situados na superficie, limitada a efectuar inmersións ata unha profundidade de 25 metros.

B) Escafandrista de grande profundidade.

Esta titulación profesional capacita para:

1. Utilización de equipos de aire de mergullo clásico mediante equipos de casco ríxido, en directa dependencia de medios auxiliares situados na superficie.

2. Utilización de equipos especiais de mergullo clásico con mestura de gases ata a profundidade que permita a lexislación vixente.

3. Actuar como axudante do escafandrista instructor na instrucción de alumnos de mergullo clásico nos que estea capacitado e por proposta previa do centro de ensino.

C) Escafandrista instructor.

Esta titulación profesional capacita para:

1. Utilización dos mesmos equipos de mergullo clásico permitidos ós escafandristas de grande profundidade e nas mesmas condicións.

2. Dirixi-la instrucción de alumnos de mergullo clásico de pequena e de grande profundidade.

Artigo 6º

As condicións e requisitos para poder obte-las titulacións profesionais son:

1. Ter cumpridos dezaoito anos de idade. Os de mergullo en apnea e Iniciación ó mergullo profesional poderán obterse cumpridos os 16 anos con autorización paterna.

2. Supera-lo exame médico de aptitude para a práctica das actividades subacuáticas profesionais.

3. Superar exame psicotécnico de aptitude para a práctica de mergullo profesional.

4. Supera-lo test de compresión e tolerancia ó osíxeno hiperbárico nos límites que se establezan, excepto para o mergullador en apnea.

5. Supera-las probas físicas en terra e en piscina.

6. Supera-lo curso de formación e as probas correspondentes.

7. Acredita-la realización dun curso primeiros auxilios para mergulladores profesionais, no nivel que se determine.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura establecerá os niveis esixibles de cumprimento dos requisitos para acceso ás actividades subacuáticas profesionais.

Artigo 7º

Os mergulladores profesionais deberán estar en posesión da correspondente tarxeta de identidade profesional que será emitida pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por solicitude do interesado, na forma que se determine regulamentariamente.

A tarxeta emitida terá unha validez de 5 anos e será anotada no Rexistro de Titulacións da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Para renovala será preciso cumpri-lo requisito 2 do artigo 6º e, se é o caso, o 7º do citado artigo.

Artigo 8º

Para o exercicio da súa actividade profesional o mergullador deberá estar en posesión do diario de mergullo profesional, expedido pola Xunta de Galicia onde consten, ademais dos datos persoais e fotografía do titular, as súas titulacións de mergullo profesional, recoñecementos médicos periódicos e as eventuais restriccións ó exercicio do mergullo.

No diario de mergullo profesional rexistraranse as autorizacións de mergullo que lle sexan concedidas pola autoridade competente. O titular rexistrará nas follas correspondentes do diario cada unha das intervencións hiperbáricas en que participe, asinadas polo xefe de equipo e referendadas pola empresa.

Artigo 9º

O desenvolvemento das actividades subacuáticas quedará suxeito ás limitacións que poidan establece-las administracións competentes en razón do lugar onde se realice ou da finalidade do mergullo.

Artigo 10º

As normas do presente decreto non son de aplicación ó mergullo militar.

Disposición adicional

Modifícase o número 6 do anexo I do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula

e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, que quedará redactada como segue:

6. Titulacións de mergullo profesional e actividades subacuáticas.

6.1. Titulacións de mergullo profesional.

6.1.1. Mergullador en apnea.

6.1.2. Iniciación ó mergullo profesional.

6.1.3. Mergullador profesional de 20 clase restrinxido.

6.1.4. Mergullador profesional de 20 clase.

6.1.5. Mergullador profesional de l0 clase.

6.1.6. Mergullador instructor profesional.

6.1.7. Escafandrista de pequena profundidade.

6.1.8. Escafandrista de grande profundidade.

6.1.9. Escafandrista instructor.

6.1.10. Operador de cámaras

6.1.11. Técnico en mergullo a media profundidade (F.P. R.D. 727 e 750/94).

6.2 Especialidades subacuáticas profesionais.

6.2.1. Instalacións e sistemas de mergullo.

6.2.2. Reparacións a flotación e salvamento de buques.

6.2.3. Corte e soldadura subacuáticas.

6.2.4. Obras hidráulicas.

6.2.5. Explosivos subacuáticos.

6.2.6. Salvamento e rescate subacuáticos.

6.2.7. Inspección subacuática e ensaios non destructivos.

6.2.8. Mergullo en ambientes hiperbáricos e subacuáticos especiais e contaminados.

6.2.9. Mostraxe e inspección biolóxica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, quince de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

4995