Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 04 de xuño de 1998 Páx. 6.122

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de maio de 1998 pola que se anuncian subvencións en materia de tecnificación de empresas e creación de novos productos turísticos.

A mellora da competitividade da empresa turística galega, fundamentalmente nos aspectos de creación de novos productos turísticos que complementen a oferta turística tradicional, dentro do Plan Marco de Competitividade do Turismo Español (Plan Futures 1996-1999), conduce a arbitrar liñas de axudas para incentiva-las actuacións dos axentes que actúan no sector turístico.

En virtude do anexo I do Real decreto 2346/1996, do 8 de novembro, polo que se establece un réxime de axudas que regulamentase o seu sistema de xestión, en aplicación do Plan Marco de Competitividade do Turismo Español 1996-1999 (BOE nº 283 do 23-11-1996), e seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia así como o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

1. Con carácter xeral poderán ser beneficiarios de subvención, consonte o sinalado nesta orde, as pequenas e medianas empresas turísticas de Galicia, así como as de nova creación, as agrupacións delas, así como as persoas físicas e institucións que realizen unha actividade que se encadre nos ámbitos de actuación a que se refire o obxecto da subvención.

Considérase pequena e mediana empresa, consonte a definición da Unión Europea, a que cumpre os requisitos seguintes:

1º. Non supera-los 250 empregados e

* Ou ben contar cun volume de negocio que non supere os 6.240.000.000 pesetas,

* Ou ben que o seu activo en balance non supere os 4.212.000.000 pesetas.

2º. Non estar participada en contía superior ó 25% por outras grandes empresas, coa excepción de corporacións públicas de investimento, sociedades de capital risco ou, no caso de que non se exerza control, investidores institucionais.

2. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas regulamentadas nesta orde as empresas que non reúnan

as características sinaladas no número anterior, se ben a contía máxima de subvención será a prevista no apartado 2 do artigo 4º.

3. En todo caso os destinatarios da subvención teñen que estar inscritos no REAT con anterioridade á data de remate de presentación de solicitudes de subvención ó abeiro desta orde. No caso de agrupación de empresas a inscrición debe de ser de cada unha das entidades que formen a agrupación. Quedan exentos de cumprir este requisito os solicitantes que propoñan un investimento que supoña a creación dunha empresa, así como as institucións de carácter público.

Artigo 2º.-Determinacións orzamentarias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo concederá as ditas subvencións con cargo ás aplicacións orzamentarias 10.05.651A.743.0, 10.05.651A.774.0 e 10.05.651A.781.0 dos seus créditos orzamentarios para 1998. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, e así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual rexerá o que dispón o artigo 36.Dous.B).2.e) da Lei de presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1998, e se é o caso, á de 1999.

Artigo 3º.-Obxecto da axuda.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos que se engloben nalgúns dos seguintes plans e programas do Plan Marco de Competitividade do Turismo Español (Plan Futures 1996-1999):

A.- Plan de tecnificación e innovación. Futures innovación.

Neste programa serán subvencionables os proxectos de tecnificación de empresas que aporten solucións novas dentro das tecnoloxías da información ou da enxeñería e melloras importantes na xestión interna ou externa empresarial.

Consideranse incluídos neste apartado, segundo orde de prioridade, as seguintes actuacións:

1º. Os proxectos de deseño e implantación de innovacións tecnolóxicas na empresa en aspectos tales como:

* Os relativos á seguridade, conservación de recursos productivos, sistemas de loxística e eficiencia nos aprovisionamentos, sistema de comercialización conxunta, sistemas de adaptación ós requirimentos de grupos sociais con disfuncionalidades, etc.

2º. O deseño e implantación de innovacións tecnolóxicas en aspectos ambientais (aforro enerxético, xestión da auga, recuperación ambiental, depuración de residuos, etc.).

3º. O deseño e aplicación de novas tecnoloxías para a configuración de ferramentas de formación turística que contribúan a mellora-la calidade da docencia e o perfeccionamento da cualificación dos profesionais do sector.

4º. Calquera outra actuación que responda á finalidade deste programa.

B.- Plan de novos productos. Futures novos productos.

Neste programa serán subvencionables os proxectos dirixidos ó deseño, posta en marcha, xestión e marketing, de oferta turística singular que supoña, ben eleva-la adecuación de productos turísticos tradicionais ás tendencias da demanda, promovendo a aparición de oferta complementaria, a segmentación da oferta e o desenvolvemento de productos específicos; ben apoiar novos productos turísticos, como o turismo de saúde, deportivo e de aventura, ecoturismo e agroturismo, turismo cultural, de congresos, etc.

Considéranse incluídos neste apartado, segundo orde de prioridade, as siguintes actuacións:

1º. Os proxectos de investimento en melloras, adaptación dos equipamentos existentes e creación de novos establecementos.

2º. A adecuación do contorno e as actuacións de recuperación ambiental.

3º. A recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional.

4º. A cooperación empresarial e o establecemento de órganos de coordinación e xestión.

5º. A elaboración de estratexias de comercialización e promoción e as correspondentes actuacións para a súa posta en marcha.

6º. Calquera outra actuación que responda á finalidade deste programa.

Artigo 4º.-Contía máxima das subvencións.

1. A contía das subvencións someterase ós seguintes límites:

* Non será superior ó 7,5% do investimento, máis 468.000 pesetas por novo posto de traballo creado polo mesmo.

* En todo caso, non se poderá supera-la cantidade de 31.200.000 pesetas.

2. A contía da subvención será dun importe máximo total de 15.200.000 pesetas durante un período de tres anos a partir da concesión da primeira axuda, cando o beneficiario non poida ser considerado pequena ou mediana empresa (consonte coa definición que dela se fai no artigo 1º.1, de acordo co sinalado no artigo 1º.2.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo maila documentación que de seguido se especifica

presentarase, por duplicado exemplar, na Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo- Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo dun mes, desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I e II.

b) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Se fose o caso, e tendo en conta a natureza do investimento, informe urbanístico emitido polo concello sobre as condicións que debe cumpri-la execución do proxecto para que este sexa conforme coa legalidade urbanística vixente.

d) Memoria descritiva da actuación acreditativa dos trazos que a fagan coincidir coas actuacións consideradas típicas da convocatoria e coas prioridades establecidas e onde tamén se fagan constar, seguindo os criterios de valoración sinalados no artigo 6º.1 da presente orde, os obxectivos a conseguir, os destinatarios, a localización do investimento, a protección do medio ambiente, a mellora da oferta, etc. Á dita memoria xuntaráselle o orzamento das actuacións presentadas ó concurso de subvencións.

e) No caso de que o investimento comporte a execución dunha obra e/ou instalación polo solicitante deberase de aportar proxecto técnico do profesional correspondente formado pola memoria, os orzamentos e os planos.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase copia autenticada dos seus estatutos, nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes. Cando o promotor do proxecto sexa unha comunidade de bens, unha sociedade civil ou unha agrupación de empresas ou entidades deberá presentarse o orixinal ou copia autenticada do documento privado de constitución da entidade; o orixinal ou copia autenticada das tarxetas de identificación fiscal de cada un dos seus compoñentes e a designación dun destes compoñentes da entidade como representante desta, tanto para presenta-la solicitude de subvención como para proceder ó hipotético cobro. Esta designación será efectuada por escrito e de común acordo polos membros da entidade mediante declaración en comparecencia persoal ou, no seu defecto, en escritura notarial.

g) No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa vai axustarse a tódalas condicións que se sinalan para os destinatarios.

h) Declaración xurada dos novos postos de traballo que se van crear co investimento proxectado.

i) Declaración xurada das subvencións solicitadas ou percibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

k) Se é o caso, documentación acreditativa de que a empresa cumpre os requisitos para ser considerada pequena ou mediana empresa (artigo 1º.1 da orde).

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

Ás solicitudes achegaráselle informe dos respectivos xefes dos servicios provincias de turismo no que se indicará a valoración, desde un punto de vista turístico, do proxecto presentado, así como se se adapta á normativa turística vixente.

As solicitudes, logo de emitido o anterior informe, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, ou funcionario en quen delegue, que a presidirá actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de turismo, os xefes de servicio de fomento e promoción, de investimentos e supervisión técnico-turística e de ordenación do turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

* O tipo de investimento en función das prioridades establecidas no artigo 3º da presente orde.

* O número de postos de traballo que se creen co investimento proxectado.

* A localización do investimento atendendo á súa demanda turística.

* A mellora que para a oferta turística galega signifique o proxecto presentado.

* A protección que a realización do proxecto poida significar para o ambiente natural.

* O obxectivo de aumenta-la demanda na tempada baixa.

* A promoción e potenciación de turismos alternativos.

* A procura de apertura de novos mercados.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará ó director xeral de Turismo, proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O director xeral de Turismo, vista a proposta elevada pola comisión técnica, dictará as resolucións de concesión, ou se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións poderase interpoñer, ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, recurso ordinario sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que coiden procedente.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, 1999 e 2000, en función das disposicións orzamentarias e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do Rexistro de Entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia da subvención.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas. Se o beneficiario comunicase a aceptación, deberase achegar esta no modelo sinalado no anexo III da presente orde. Se transcorridos os sinalados quince días no se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. No prazo dun mes, contado desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo:

a) Licencia urbanística de obras, se for precisa en función do investimento proxectado, expedida polo

concello, que posibilite a execución do investimento obxecto de subvención.

b) No caso de creación de empresa, a documentación acreditativa desta creación.

Excepcionalmente, e por razóns non imputables ó interesado, poderase apraza-la presentación destes documentos.

c) Programa de realización do investimento que determinará a previsión anual da súa execución en función do determinado na resolución de concesión.

d) No caso de que o investimento comporte a execución dunha obra polo solicitante deberase de aportar acreditación da propiedade do predio onde se han de face-las obras ou instalacións, ou ben a autorización do propietario e copia do contrato de aluguer.

e) Certificación bancaria da conta onde se aboará a subvención.

Se transcorrido o dito prazo non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, salvo que se concedese concedido aprazamento para os casos sinalados nas alíneas a) e b) deste parágrafo, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o director xeral de Turismo, vista a proposta que lle formule pola comisión técnica, poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos da sinalada comisión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1998: 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de novembro de 1999.

Fase de 2000: 30 de xuño de 2000.

Se a subvención se imputou só ó exercicio de 1998, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1998.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, ésta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por exemplar triplicado, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra ou instalación executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial, no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización de obras e/ou instalacións.

Cando o investimento subvencionable non se referise á realización de obras e/ou instalacións deberase achegar, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera caso, nas facturas o interesado deberá especificar a que concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social así como de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

3.4. Licencia urbanística de obras e documentación acreditativa de constitución de empresa, no caso de que non se achegara con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recolla o compromiso que se plasma na declaración xurada, incorporada ó expediente, relativa ós novos postos de traballo que se creen coa execución do investimento subvencionado. Este documento será obrigatorio coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos e nel especificarase que o beneficiario se compromete a crea-los postos de traballo a que se fan referencia na declaración xurada incorporada á solicitude, nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade. Tamén se especificará que se compromete a manter estes postos de traballo durante 3 anos, contados desde a súa creación.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1998 ou, se é o caso, de 1999,

ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 36.Dous.B).2 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición adicional

Primeira.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde, para os efectos de creación de emprego, son:

-Autoemprego.

-Indefinidos, a xornada completa ou a tempo parcial.

-De duración determinada, de carácter formativo.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos.

Sé é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño do 2000. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

4716