Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 08 de xuño de 1998 Páx. 6.298

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de maio de 1998 pola que se clasifica como benéfico docente a Fundación María Seoane Colmeiro.

Visto o expediente de clasificación da Fundación María Seoane Colmeiro, con domicilio en Silleda.

Supostos de feito.

1. Julio Insua Villamayor, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito de 2 de xaneiro de 1998 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Silleda, o día 13 de xaneiro de 1964, ante o notario Juan Antonio Martínez Cabello, co número corenta e seis do seu protocolo; esta escritura foi complementada por outra posterior de adaptación de estatutos outorgada en Silleda o día 17 de decembro de 1997 ante a notaria Fátima Vázquez Espiérrez co número oitocentos corenta e sete.

3. Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a prestación de servicios educativos e de promoción socio-cultural no marco das necesidades desta orde existentes no Concello de Silleda en particular e Galicia en xeral, en todo caso sen ánimo de lucro.

4. O padroado da fundación estará constituído por Julio Insua Villamayor como presidente, José Ramón Castro Frade como secretario, Luis Galego García, Juan José Salgueiro Montouto, María de Lemus Cortes, María del Carmen Rey Fernández e Manuel Mosquera Fernández como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico docente da Fundación María Seoane Colmeiro dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 18 de maio de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico docente a Fundación María Seoane Colmeiro e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5067