Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 16 de xuño de 1998 Páx. 6.662

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 1 de xuño de 1998 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico, a innovación empresarial, a calidade e a mellora da competitividade dentro da Comunidade Autónoma galega para 1998.

A progresiva caída das barreiras comerciais entre países, o desenvolvemento das telecomunicacións, a mundialización dos mercados financeiros e, en consecuencia, a creación dun mercado cada vez máis aberto e internacionalizado, obriga a que as empresas industriais acaden un grao de desenvolvemento axeitado que lles permita competir nos mercados internacionais.

Por este motivo, resulta imprescindible que as empresas galegas aborden cambios e modificacións orientadas a consegui-la adaptación competitiva, converténdose as innovacións, realización de actuacións horizontais e aplicación de técnicas de xestión nunha práctica continua, de tal forma que lle permitan á empresa o mantemento no tempo da necesaria capacidade competitiva.

Coa finalidade de amortece-lo esforzo investidor que para as empresas e entidades leva consigo este proceso innovador, a presente orde proporcionará axudas económicas para o desenvolvemento e incorporación de tecnoloxías, actuacións horizontais e accións en materia de desenvolvemento tecnolóxico, así como medidas que contribúan á consolidación dunha cultura de calidade na empresa galega.

Dentro deste proceso de cambio técnico, e dadas as peculiares circunstancias que debe afronta-lo sector téxtil e da confección, a Unión Europea puxo en marcha a Iniciativa RETEX, orientada á adaptación competitiva internacional e á diversificación de zonas con implantación deste tipo de industria, polo que, a través da presente orde, se regulan as axudas destinadas á mellora competitiva do sector téxtil e da confección.

Por outra parte, esta orde ten tamén por obxecto desenvolver, en determinados ámbitos, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde de convocatoria desenvolve-lo marco regulamentario de axudas para o exercicio de 1998, co obxectivo do auspicio e incentivación de actuacións, así como a prestación de servicios, conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Convócanse axudas para a investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico, a innovación empresarial e a calidade, así como para a mellora competitiva do sector téxtil e da confección, con cargo ás partidas orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, 08.03.432-A.772.0 I+D Industrial. Plan galego de IDT, 08.03.661-C.773.0 Fomento da calidade industrial, 08.03.661-C.780.0 Fomento de servicios ás asociacións, 08.03.713-A.770.0 Axudas á industria agroalimentaria, 08.03.722-A.770.0 Axudas ás industrias pertencentes ó complexo mar-industria, 08.03.732-A.770.0 Axudas ás industrias do complexo da madeira, 08.03.741-A.770.0 Axudas á industria do complexo automoción, 08.03.742-A.770.0 Axudas á industria do complexo téxtil-confección (RETEX), 08.03.744-A.770.0 Axudas á industria do complexo das telecomunicacións e audiovisual, 08.03.754-A.771.0 Fomento dos servicios ás empresas e 08.03.754-B.770.0 Fomento das actividades industriais.

Artigo 3º.-Beneficiarios das axudas e ámbito de aplicación.

a) Poderán ser beneficiarios das axudas relativas á investigación e desenvolvemento tecnolóxico, á innovación empresarial e á calidade, recollidas nos capítulos I, II e III desta orde respectivamente, as empresas públicas ou privadas, asociacións, agrupacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que non pertenzan ó sector téxtil e da confección.

b) Poderán ser beneficiarios das axudas relativas á mellora competitiva, recollidas no capítulo IV desta orde, as empresas públicas ou privadas, asociacións, agrupacións empresariais ou entidades sen ánimo de lucro que pertenzan ó sector téxtil e da confección e teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo nunha zona elixible, da Comunidad Autónoma de Galicia, segundo a normativa reguladora do RETEX. Para estes efectos, serán zonas elixibles as seguintes:

Provincia da Coruña.

Provincia de Ourense.

Na provincia de Pontevedra os seguintes concellos: Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, A Estrada, Agolada, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Portas, Poio, Pontecesures, Pon

tesampaio, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Vilaboa.

En todo caso, para as aplicacións orzamentarias vinculadas a complexos específicos sinalados no artigo anterior, o beneficiario deberá realiza-la súa actividade en consonancia co dito complexo.

Artigo 4º.-Preferencia das axudas.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas teranse en conta a localización e tipoloxía do investimento, a súa incidencia no mantemento ou creación de emprego, a súa contribución ó PIB e ó desenvolvemento local, o seu efecto multiplicador e o peche de ciclos productivos a partir de materias primas ou productos autóctonos, o seu encadramento na política de conglomerados industriais ou acios de empresas promovidos pola Xunta de Galicia e, en xeral, o recollido no artigo 5 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

TÍTULO II

Axudas

Artigo 5º.-Actuacións subvencionables.

a) As actuacións subvencionables para investigación e desenvolvemento tecnolóxico, innovación empresarial, calidade e mellora competitiva recóllense nos catro capítulos seguintes.

b) Ademais das actuacións subvencionables referidas nos ditos capítulos, poderán ser incentivables os custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos destinados á promoción de actividades de fomento de industrias e de servicios ás empresas, á identificación e desenvolvemento de actuacións pertencentes a conglomerados industriais e a asociacións, así como os investimentos, de carácter non habitual, necesarios para o cumprimento dos seus cometidos. Neste caso, as subvencións outorgaranse mediante resolución do conselleiro de Industria e Comercio ou a través de convenios de colaboración ou contratos programa no que se fixen explicitamente, en función do obxecto, tipoloxía e alcance da actuación ou actuacións, a intensidade de axuda e mecanismo de xustificación, observándose o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Capítulo I

Axudas á investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico

Artigo 6º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento de proxectos de investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico, realizados na Comunidade Autónoma galega, que se leven a cabo como parte dunha actividade continuada e sistemática, orientada ó desenvolvemento de novos procesos ou productos, ou á mellora dos existentes. Nestes proxectos serán subvencionables os seguintes conceptos:

Os gastos derivados da definición do proceso de fabricación ata a elaboración do prototipo.

O instrumental de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

Nos casos en que os resultados da investigación incorporada á empresa se obtiveran, ben en parte ou na súa totalidade, a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación, centros tecnolóxicos ou laboratorios, poderá ser subvencionable o importe da participación da empresa no dito convenio. Así mesmo, cando as características propias do proxecto requiran ou expliciten a participación dos entes descritos ou outros entes, públicos ou privados, poderá ser incentivable o custo vinculado á fórmula contractual de cooperación.

Artigo 7º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 45% do investimento subvencionable.

Capítulo II

Axudas á innovación empresarial

Artigo 8º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou algunhas das accións que se indican a continuación:

a) Proxectos que teñan como finalidade a incorporación, así como a súa operatividade, de bens de equipo ou equipamento de concepción tecnolóxica avanzada, ou que representen mellora no aproveitamento e utilización de materias primas ou na eficiencia productiva, referida tanto a procesos como a productos.

b) A realización de diagnósticos tecnolóxicos, por empresas ou entidades externas de recoñecida experiencia, que dean lugar á definición dun plan tecnolóxico para a empresa.

Artigo 9º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable. Ademais, para actuacións contidas no apartado b), as axudas limítanse a un máximo de 500.000 pesetas por empresa, sempre que esta cantidade non supere o 50% do investimento subvencionable.

Capítulo III

Axudas á calidade

Artigo 10º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou algunhas das accións que se indican a continuación:

a) Obtención da certificación correspondente á implantación dun sistema de xestión da calidade. Neste apartado terán a consideración de investimento subvencionable os custos de certificación do organismo acreditado correspondente derivados das auditorías, así como da concesión, tramitación, rexistro ou emisión do certificado. Para acceder a esta axuda será necesario

que a data de concesión do certificado estea comprendida entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 1998. Non serán subvencionables os custos correspondentes a renovacións de certificados.

b) Accións encamiñadas ó desenvolvemento de plans de calibración de equipos con obxecto do aseguramento da trazabilidade e uniformidade dos resultados de medida. Neste apartado terán a consideración de investimento subvencionable a adquisición de patróns de medida necesarios para o desenvolvemento do plan de calibración, así como os custos externos da calibración dos equipos, realizada por unha entidade independente. Para a determinación da preferencia destas axudas priorizaranse os planos de calibración correspondentes a conglomerados industriais ou clusters de empresas (coa adhesión mínima de tres).

c) Proxectos ou estudios de identificación e valoración de custos de non calidade incorridos, tanto de prevención como de avaliación, fallo interno e fallo externo. Neste apartado terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización, por parte de entidades con recoñecida experiencia nesta materia, dos citados proxectos ou estudios.

d) Accións encamiñadas, dentro dun proceso sistemático, á aplicación de ferramentas avanzadas encamiñadas a un proceso de xestión da calidade total.

Artigo 11º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable. Ademais, deberá verificarse adicionalmente:

Para as actuacións contidas no apartado a) a axuda poderá acadar un máximo de 500.000 pesetas, no caso de PEME de menos de 25 traballadores, e de 350.000 pesetas, no caso de PEME de entre 25 e 100 traballadores.

Para as actuacións comprendidas nos puntos b) e c), as axudas poderán ser como máximo de 500.000 pesetas por empresa.

Capítulo IV

Axudas á mellora da competitividade do sector téxtil e da confección

Artigo 12º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento de aqueles proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento de algunha ou algunhas das accións que se indican a continuación:

a) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a mellora dos coñecementos técnicos. A título orientativo, este asesoramento poderá referirse a:

Diagnóstico e implantación de técnicas de xestión empresarial encamiñadas á mellora da eficacia nos procesos xa implantados, dentro das distintas áreas funcionais da empresa.

Implantación de sistemas de estratexia empresarial ou para o fortalecemento da estructura de talleres (me

llora dos sistemas de distribución, aumento da flexibilidade e eficacia empresarial, consecución de mellores niveis de calidade e servicio, etc.).

Realización de auditorías tecnolóxicas e estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial.

Realización de diagnósticos e auditorías de deseño, así como proxectos encamiñados á incorporación, desenvolvemento e integración das tecnoloxías de deseño nas actividades empresariais vinculadas á creación dunha imaxe corporativa da empresa.

Estudios de coñecemento e análise prospectivo de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking).

Actuacións vinculadas á difusión empresarial, co obxecto de captar novos mercados ou de consolidar aqueles xa captados, mediante a aplicación e utilización das novas tecnoloxías de difusión.

Actuacións vinculadas á mellora dos sistemas de xestión da calidade ou dos seus procedementos, dentro de procesos sistemáticos de mellora continua, así como de procesos de certificación de empresas.

b) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a realización de proxectos concertados desenvolvidos por empresas (coa adhesión mínima de tres) ou para a realización de actuacións desenvolvidas por asociacións empresariais. A título orientativo, este asesoramento poderá referirse a:

A mellora dos coñecementos técnicos relativos ós epígrafes citados na letra a).

A difusión acelerada de métodos de producción innovadores e novas formas de organización.

O fortalecemento dos vínculos entre as empresas e os seus subministradores e clientes, con obxecto de responder ás novas esixencias de flexibilidade e calidade.

A mellora da información sobre as tendencias do mercado en relación coas medidas de apoio ó deseño, á calidade e á comercialización.

A creación, exclusivamente por asociacións empresariais, de redes de contacto con outros lugares do Estado e coa Comunidade Europea en relación coas medidas antes citadas.

Accións de formación profesional mediante a execución de programas globais.

Análise e implantación de estratexias orientadas á exportación.

Análise de mercados para a estructuración de coleccións.

Diagnósticos e implantación de melloras da competitividade e custos.

Análise e implantación de estratexias de aprovisionamento competitivo.

Todos estes proxectos ou actuacións deberán caracterizarse pola súa posibilidade de desenvolvemento e implantación nas distintas empresas participantes neles.

c) Custo de adquisición de hardware e software para o seu emprego específico en deseño asistido por ordenador (CAD).

Artigo 13º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable.

TÍTULO III

Tramitación administrativa

Artigo 14º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para actuacións acollidas ó apartado b) do artigo 5, o prazo de presentación será o do exercicio de 1998 con suxeición á existencia de crédito.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

Memoria explicativa do proxecto. Así mesmo, dentro das axudas á calidade para os plans de calibración, deberá presentarse a relación de equipos que se van calibrar coas súas datas de calibración.

Orzamento desagregado do investimento.

Prazo de execución do investimento, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto.

Para os proxectos concertados, declaracións de compromiso de participación de cada unha das empresas que interveñen no proxecto, indicando a porcentaxe de participación no investimento deste.

Certificado expedido pola Delegación Provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no Rexistro Industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

Copia cotexada da licencia fiscal ou NIF/CIF e do imposto de actividades económicas (IAE).

Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera

outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

Declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e declaración de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Así mesmo, e co fin de poder leva-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberán cubrirse debidamente os anexos II, III, IV ou V da presente orde, segundo o tipo ou tipos de actuación que se van desenvolver, e presentaranse os ditos anexos por triplicado exemplar xunto á solicitude.

Artigo 15º.-Requirimentos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 16º.-Subvención.

Examinada a documentación, logo do informe técnico correspondente, o conselleiro de Industria y Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 17º.-Actuacións plurianuais.

No caso de investimentos plurianuais, que superen o exercicio de 1998, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, observándose o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro y presupostario de Galicia.

No caso de que estes prazos sufriran calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

En todo caso, as actuacións englobadas dentro do capítulo IV Axudas á mellora da competitividade do sector téxtil e da confección só poderán abran gue-las anualidades de 1998 e 1999, período no que estará vixente a Iniciativa RETEX.

Artigo 18º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá ter realizadas, o 31 de outubro de 1998, as actuacións que fosen obxecto de subvención, agás as acollidas ó apartado b) do artigo 5º, que se xustificarán polo que especificamente se determine na correspondente resolución, convenio ou contrato-programa, debendo presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa desta realización, composta por tres exemplares dos seguintes documentos:

Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

Xustificantes de gasto e de pagamento.

Para todas aquelas actuacións intanxibles deberá presentarse, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, plans, etc. que se realizaran ou desenvolveran, así como unha copia dos certificados que se obtiveran.

Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía.

Certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo pagamento, expedida pola propia entidade bancaria.

Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 19º.-Pagamento da subvención

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria y Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda poderá reducirse proporcionalmente.

Artigo 20º.-Modificación do proxecto subvencionado.

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do proxecto ou a súa conexión con outros procesos ou procedementos implantados ou que se van implantar, se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o bene

ficiario deberá comunica-los correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio. Para tal efecto, facúltase a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para a súa aceptación expresa se as ditas modificacións non alteran significativamente o obxectivo inicial do proxecto.

Artigo 21º.-Concorrencia de axudas.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 22º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, convenio ou contrato-programa, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 23º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 24º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de octubre, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1998

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

4168