Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 19 de xuño de 1998 Páx. 6.863

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 9 de xuño de 1998 pola que se regula a autorización de establecemento e cambio de base de buques pesqueiros.

O Real decreto 1838/1997, do 5 de decembro, polo que se regula o inicio da actividade pesqueira e os establecementos e cambios de base de buques pesqueiros, establece no seu artigo 4.2º, que o establecemento do porto base dos buques pesqueiros será fixado pola Comunidade Autónoma na que o dito porto estea localizado. Por outra parte, o artigo 5.1º establece que os cambios de base entre portos da mesma Comunidade Autónoma serán autorizados polo órgano competente dela.

Co fin de evita-la saturación nalgúns portos e, por outra parte, un excesivo aumento do esforzo pesqueiro en determinadas zonas, faise necesario dicta-la norma reguladora dos ditos cambios.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde é de aplicación:

a) Ós buques pesqueiros en construcción que soliciten o establecemento do seu porto base nalgún dos portos localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ós buques pesqueiros que teñan o seu porto base nalgún dos portos da Comunidade Autónoma de Galicia, inscritos no censo da Flota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques de Galicia, e soliciten o cambio do seu porto base a outro localizado na Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Establecemento do porto base.

O organismo competente para fixa-lo establecemento do porto base será a correspondente Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 3º.-Procedemento para o establecemento do porto base.

1. Unha vez autorizada a construcción dun buque pesqueiro, o armador solicitará, de acordo co modelo do anexo I, a fixación de establecemento de porto base. Á solicitude unirase a seguinte documentación:

a) Copia compulsada da folla de asento.

b) Informe da confraría á que pertenza o dito porto, no que se asegure que existen posibilidades de comercialización e prestación de servicios.

c) Informe da Capitanía Marítima no que se asegure que as características e particularidades do porto posibilitan o seu establecemento como base.

d) Impreso de autoliquidación de taxas administrativas por tramitación.

2. Unha vez analizada a documentación, e no caso de atoparse algún defecto, requirirase o armador para que no prazo de 10 días proceda a emendalo. Se non se produce esta emenda no prazo indicado, a solicitude arquivarase sen máis trámite.

Se a solicitude e a documentación reúnen os requisitos esixidos ou se producise a emenda dos defectos observados autorizarase o correspondente establecemento do porto base. A dita autorización comunicarase á Dirección General de Recursos Pesqueros da Secretaría General de Pesca Marítima.

3. A autorización só poderá denegarse por resolución motivada.

Artigo 4º.-Autorización de cambio de base.

1. Os cambios de base entre portos de distinta provincia serán autorizados polo director xeral de Recursos Mariños.

2. Os cambios de base entre portos dunha mesma provincia serán autorizados polo correspondente delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 5º.-Requisitos para a autorización de cambios de base.

Para seren autorizados os cambios de base deberán cumprirse os seguintes requisitos.

a) Que as características e particularidades do porto posibiliten o dito cambio.

b) Que existan posibilidades de comercialización e prestación de servicios.

c) Que non se contraveñan, se é o caso, as medidas específicas de contención do esforzo pesqueiro relativas ás augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Procedemento para cambiar de porto base.

1. O armador presentará a solicitude correspondente, de acordo co modelo que figura no anexo II, xunto da seguinte documentación:

a) Informe da confraría do porto entrante no que constará, necesariamente, que existen posibilidades de comercialización e prestación de servicios.

b) Informe da Capitanía Marítima pertencente ó porto saínte, no que se faga constar que a embarcación está ó día nos certificados de:

- Seguridade.

- Balsas.

- Náutico.

- Navegabilidade.

- Radio.

c) Informe da Capitanía Marítima pertencente ó porto que se solicita como base, facendo constar

que as características e particularidades do porto posibilitan o dito cambio.

d) Copia compulsada da folla de asento actualizada.

e) Impreso de autoliquidación de taxas administrativas por tramitación.

2. A Dirección Xeral de Recursos Mariños ou a delegación territorial, se é o caso, analizará a solicitude e a documentación presentada. Se se atopa algún defecto requirirase o armador para que, nun prazo de 10 días, proceda á emenda das anomalías. Se non se produce a emenda no prazo indicado, procederase ó arquivo da solicitude sen máis trámite.

Se a solicitude e a documentación reúnen as condicións esixidas ou se produce a emenda dos defectos observados e se comproba o cumprimento dos requisitos do artigo 5 autorizarase o correspondente cambio de base.

3. Unha vez autorizado, comunicarase o dito acordo á Dirección Xeral de Recursos Pesqueros da Secretaría General de Pesca Marítima.

Artigo 7º.-Infraccións e sancións.

As infraccións ó disposto na presente orde serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 6/1991, do 15 de maio, de infranccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 1998

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

SOLICITUDE DE ESTABLECEMENTO DE PORTO BASE

D/Dªcon DNI

domicilio en, armador/a do pesqueiro

con matrícula e folio

detrb(G-T),

construído en 19..

SOLICITA:

Establece-lo porto base en

,de199.

Armador/a

Asdo:

Delegado/a Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en ...

ANEXO II

SOLICITUDE DE ESTABLECEMENTO DE PORTO BASE

D/Dªcon DNI

domicilio en, armador/a do pesqueiro

con matrícula e folio

detrb(G-T),

construído en 19..

SOLICITA:

Cambia-la súa base dea

,de199.

Armador/a

Asdo:

Director xeral de Recursos Mariños

Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura-Santiago de Compostela

ANEXO III

DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA

1. Informe favorable da confraría saínte.

2. Informe favorable da confraría entrante.

3. Certificado de Capitanía Marítima pertencente ó porto saínte, no que se faga constar que a embarcación está ó día nos certificados de: seguridade, balsas, náutico, navegabilidade, radio.

4. Copia compulsada da folla de asento actualizada.

5. Impreso de autoliquidación de taxas administrativas por tramitación.

5811