Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 23 de xullo de 1998 Páx. 8.347

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de xullo de 1998 pola que se aproban as bases do concurso público para a adxudicación de axudas de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas nas universidades de Deusto, Central de Barcelona, Trier, Heidelberg, La Sapienza en Roma, Birmingham, A Habana e na Universidade do Estado do Río de Janeiro.

A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no «ensino da lingua da Comunidade Autónoma» (artigo 148.17º), e que «a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección» (artigo 3.3º).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva da «promoción e o ensino da lingua galega» (artigo 27.20º).

A Lei 3/1983, de normalización lingüística, do 15 de xuño, dispón no seu artigo 21.1º:

O Goberno galego fará uso dos recursos que lle confiren a Constitución española e o Estatuto de autonomía para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

Dado que as actuacións tendentes á potenciación do estudio da lingua e literatura galegas contribúen ó enriquecemento da ciencia e da cultura dos pobos de España, para atende-lo interese crecente que hai polos estudios da lingua e literatura galegas nos centros universitarios de Deusto, Central de Barcelona, Trier, Heidelberg, La Sapienza en Roma, Birming

ham, La Habana e a Universidade do Estado do Río de Janeiro e tendo en conta, así mesmo, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten subscritos convenios de colaboración coas anteriores universidades, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Convocar concurso público de méritos para a concesión de axudas de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas en cada unha das universidades seguintes: Deusto, Central de Barcelona, Trier, Heidelberg, La Sapienza en Roma, Birmingham, La Habana no ano académico 1998/1999, e a Universidade do Estado do Río de Janeiro para empezar en marzo do ano 1999.

Artigo 2º.

Aproba-las bases que rexerán este concurso e os modelos de solicitude para a posterior concesión destas axudas para as prazas sinaladas tal e como se detallan nos anexos I e II desta orde.

Artigo 3º.

1. Poderán concorrer a estas prazas as persoas que, tendo nacionalidade española, reúnan os seguintes requisitos:

-Licenciados ou licenciadas en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués) ou en filoloxía galega.

-Membros en activo do corpo de profesores de lingua e literatura galegas do ensino secundario.

2. Non se lles poderán conceder estas axudas a aquelas persoas que estiveron ocupando praza de profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas continuadamente durante os últimos cinco anos académicos (incluíndo o actual 1997/1998).

Artigo 4º.

1. O nomeamento como profesor/a bolseiro/a efectuarase para o ano académico 1998/1999, podendo ser renovado, ano por ano, ó longo doutros catro como máximo, sempre que esta circunstancia non contraveña o que dispón a normativa de cada unha das universidades receptoras en canto ás estadías de profesores bolseiros.

2. Para cada unha das renovacións anuais ás que alude no punto anterior deberase contar cos informes favorables tanto da universidade receptora coma da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Se o profesor ou profesores bolseiros seleccionados desempeñaron anteriormente a mesma praza na mesma ou noutra universidade, no cómputo do período máximo ó que se alude no número 1 deste artigo deberase incluí-lo número de anos académicos transcorridos na anterior situación.

4. No caso de que algunha das persoas seleccionadas sexa funcionario da Comunidade Autónoma

de Galicia, o nomeamento irá acompañado da correspondente comisión de servicios.

Artigo 5º.

As actividades obxecto destas bolsas comprenderán o ensino da lingua e da literatura galegas e a súa inserción na realidade de Galicia. Ademais, a persoa seleccionada terá que participar nos actos de difusión da lingua e da cultura galegas para os que sexa requirido polo departamento correspondente e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para a promoción e a difusión da realidade galega. En todo caso, a súa dedicación académica axustarase á normativa da universidade receptora.

Artigo 6º.

Para proceder á prórroga do nomeamento, o profesor/a bolseiro/a terá que presentar no mes de xuño, na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha memoria-resumo que deberá leva-lo visto e prace do departamento da universidade receptora e un informe positivo do encargado do Centro de Estudios Galegos da universidade respectiva.

O incumprimento das actividades, a non presentación da memoria, ou a non consecución do visto e prace nela, levará consigo logo de todo isto a revogación da axuda e a imposibilidade dunha prórroga, logo da audiencia do interesado perante os responsables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da universidade correspondente.

Artigo 7º.

O pagamento das axudas ós profesores e profesoras bolseiros farase a través de cada universidade receptora, excepto o da Universidade La Sapienza en Roma que se fará a través da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, retraendo o importe ó consignado á universidade mencionada. Os pagamentos realizaranse do seguinte xeito:

1. Profesor/a bolseiro/a non funcionario/a 2.000.000 de ptas (dous millóns de pesetas) por ano para os destinos en universidades españolas e 2.300.000 ptas. (dous millóns trescentas mil pesetas) por ano para os destinos en universidades estranxeiras.

2. Profesor/a bolseiro/a funcionario/a: recibirá o seu soldo como funcionario da Comunidade Autónoma galega e aboaráselle ademais unha cantidade suplementaria de 700.000 ptas. (setecentas mil pesetas) por ano para aqueles destinos que sexan nas universidades españolas e 1.000.000 de ptas. (un millón de pesetas) por ano para os destinos nas universidades do estranxeiro.

Estes pagamentos mencionados faranse con cargo ás partidas orzamentarias que figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e que se apliquen para cada universidade, e inclúe tódolos

conceptos (viaxes, desprazamentos, residencia, etc.).

Artigo 8º.

Facúltase ó director xeral de Política Lingüística para dicta-las resolucións necesarias e para toma-las medidas oportunas para a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 1998.

P.D. (Orde do 21-6-1996)

Máximo García Serrano

Secretario xeral da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Bases que rexerán a convocatoria.

Primeira.-Para solicita-la axuda sinalada nesta orde os candidatos/as deberán cumpri-las condicións especificadas no artigo 3º desta orde na data de remate do prazo de solicitude.

Segunda.-Os interesados deberán presenta-la súa solicitude, de acordo co modelo do anexo II desta convocatoria, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro de 1992).

Cando a solicitude presentarase a seguinte documentación (orixinal ou fotocopias compulsadas).

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia do título de licenciado (ou acreditación de telo solicitado).

-Certificado de estudios.

-Currículum vitae e xustificantes dos méritos alegados.

-Escrito redactado polo interesado (5 folios como máximo) sobre os motivos da solicitude e que conteña un posible proxecto de traballo.

Terceira.-O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou omisións. Transcorrido ese prazo, se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Cuarta.-A selección das persoas adxudicatarias destas axudas e do desenvolvemento das prazas será feita por unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora de Promocióin e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Un membro da universidade receptora (ou persoa na que delegue) do profesor/a bolseiro/a de lingua e literatura galegas.

-Un funcionario da Direccióin Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz pero sen voto.

Esta comisión proporalle os candidatos ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Quinta.-Para a selección do candidato valorarase entre outros:

-Currículum académico e méritos alegados.

-Título de doutor (será mérito relevante na praza da Universidade Central de Barcelona).

-Experiencia no ensino e na organización de actividades relativas á lingua e á literatura galegas.

-Interese no proxecto presentado.

-Coñecemento, se é o caso, do idioma oficial da universidade receptora.

Sexta.-Antes de presentarlle a proposta de nomeamento ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a comisión poderá entrevista-los candidatos preseleccionados.

Sétima.-Se no prazo máximo de tres meses non recae resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

6560