Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 02 de novembro de 1998 Páx. 11.801

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de outubro de 1998 de regulación dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos como desenvolvemento dos dispositivos de apoio comunitario.

A rehabilitación psiquiátrica constitúe un proceso onde a meta é axuda-las persoas con discapacidade psíquica para logra-la súa integración na comunidade e mellora-lo seu funcionamento psicosocial de modo que lles permita manter no seu contorno social e familiar unhas condicións o máis normalizadas e independentes que sexan posibles.

Asegurar que estas persoas poidan recuperar e/ou adquirir aquelas habilidades psíquicas, emocionais, sociais e intelectuais que cada unha necesita para vivir, aprender, traballar e relacionarse na comunidade co maior grao posible de autonomía e independencia, debe ser polo tanto o fin último da rehabilitación.

A avaliación funcional das habilidades do discapacitado, a planificación sistemática e estructurada de todo o proceso de rehabilitación que se leva con cada usuario, a implicación e participación de grupos de apoio, especialmente da familia, no entrenamento específico e estructurado das habilidades que o suxeito necesita para manexarse nos diferentes ambientes concretos do contorno e o seguimento, monitorización e avaliación dos resultados é o obxecto dun traballo enfocado desde unha perspectiva multidisciplinar e realizada en equipo, constituíndo uns elementos básicos que integran un programa que ten que ser individualizado.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, promove a canalización destes programas cara ó ámbito comunitario, coa potenciación dos recursos asistenciais a nivel ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, reducindo a necesidade de hospitalización á que se debe acudir soamente cando se aprecie a súa necesidade.

Tanto o Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, como o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servicios sociais de atención primaria, establecen como criterio para a atención ó usuario a rehabilitación, a integración e o axuste persoal mediante programas específicos do discapacitado, sendo moi amplo o colectivo que pode verse beneficiado destas actuacións.

Os centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos constitúen centros e establecementos de carácter sanitario englobados dentro do ámbito do artigo 2.f) do Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto desta orde a regulación dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, públicos e privados, entendidos como tales, aqueles que prestan unha atención diúrna, globalizadora e multidisciplinar, dirixida ós enfermos mentais crónicos estables e ós seus familiares, coa finalidade da rehabilitación e integración social e laboral dos usuarios.

2. O centro de rehabilitación constitúe un dispositivo de apoio social comunitario co fin do acercamento da atención ó usuario.

Artigo 2º.-Funcións.

As funcións xerais destes centros de rehabilitación psicosocial e laboral son:

a) O mantemento no contorno comunitario das persoas con enfermidades mentais crónicas, promovendo e apoiando a súa integración psicosocial e laboral.

b) Mellora-lo funcionamento psicosocial do enfermo, posibilitando a maior autonomía e independencia posible.

c) O apoio ás familias dos enfermos mentais crónicos, favorecendo as súas capacidades e recursos de adaptación á enfermidade, e promovendo unha melloría na súa calidade de vida.

d) A prestación de servicios de rehabilitación psíquica, social e laboral, podendo estar conectados con outros recursos que os realicen.

Artigo 3º.-Actuación do centro.

1. O marco de actuación do centro encádrase dentro dun modelo de atención comunitaria dos enfermos mentais crónicos que ademais teñan unha dificultade nas súas habilidades psíquicas e no funcionamento psicosocial e na integración social e laboral.

2. A organización e funcionamento basearase nos principios de igualdade, normalización, rehabilitación, integración e participación do usuario.

3. Estes centros deberán desenvolve-las seguintes actividades:

-Adestramento en habilidades sociais.

-Adestramento en actividades da vida diaria.

-Actividades do tempo de lecer.

-Psicoeducación do usuario.

-Prevención das recaídas.

-Actividade prelaboral.

-Terapia ocupacional.

-Apoio ás familias.

Artigo 4º.-Elementos materiais do centro.

1. O Centro de Rehabilitación Psicosocial e laboral deberá estar situado no ámbito comunitario, en área urbana ou próximo a ela, ben comunicado e cunha estructura diferenciada de calquera outro dispositivo ou centro sanitario.

2. O centro deberá ter capacidade suficiente para a atención dos usuarios.

3. Preferiblemente será de planta baixa, ou planta baixa e primeiro andar, debendo dispoñer, como mínimo, das seguintes áreas diferenciadas:

-Un área de dirección/administración.

-Unha sala polivalente con 2,5 m por cada usuario que se prevexa que acuda regularmente ó centro ou ben varias salas que lles poidan ofertar este espacio ós usuarios que a ocupen nun momento dado.

-Un aseo por cada 20 usuarios ou fracción.

-Un espacio dedicado a taller con capacidade mínima para 15 persoas (37,5 m).

4. O centro deberá contar cunha boa iluminación e ventilación axeitada.

5. O centro deberá reuni-los requisitos e condicións que sobre accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia establece a Lei 8/1997, do 20 de agosto.

6. Naqueles centros nos que se presten servicios de manutención, deberán dispoñer do espacio axeitado e diferenciado do resto do centro para dar esta prestación.

7. É recomendable, ademais, que dispoña de espacio ó aire libre.

Artigo 5º.-Elementos personais.

1. Os centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos deberán contar co seguinte persoal:

a) Un director responsable da planificación e seguimento da atención ó usuario, que será titulado superior na área das ciencias da saúde ou ciencias sociais e con formación específica en rehabilitación psicosocial e laboral do enfermo mental crónico.

b) Un terapeuta ocupacional ou, no seu defecto, un profesor de taller ou un profesional cualificado, responsable da planificación das actividades laborais, artesanais ou ocupacionais do centro.

2. A ratio de persoal de atención directa en réxime continuado será de 1 por cada 10 usuarios, cun mínimo de dous traballadores.

Artigo 6º.-Autorización sanitaria de posta en funcionamento.

A solicitude para obte-la autorización sanitaria de posta en funcionamento será presentada na correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, subscrita polo propietario do centro ou polo representante legal da asociación ou sociedade responsable da actividade que se vaia realizar nel ou organismo do que dependa, e axustarase ó modelo que figure no anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI) e, se é o caso, da representación que ostente.

b) Tratándose de asociacións, fotocopia compulsada dos estatutos e da súa acta constitutiva.

No caso de sociedades, fotocopia da escritura de constitución e certificación da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Memoria da actividade que hai que realizar.

d) Planos que permitan coñece-la localización, identificación e tamaño das dependencias.

e) Cadro de persoal, con xustificación da súa titulación e formación específica, se é o caso, identificando o responsable do centro.

f) Relación de equipamento co que contará o centro.

g) Horario de funcionamento.

h) Xustificante de ter aboada a taxa correspondente prevista no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no artigo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Recibida a solicitude, e tralo exame dela polos servicios correspondentes da delegación provincial, daráselle traslado dela á Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria.

Neste sentido, unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos, mediante a oportuna acta de inspección e elaborado o informe pertinente, o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolverá conceder ou denega-la autorización solicitada.

2. As resolucións do secretario xeral autorizando ou non a posta en funcionamento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos non poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpor recurso ordinario no prazo dun mes ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, conforme o disposto no artigo 114, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 8º.-Inscrición.

A autorización de apertura e posta en funcionamento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos comporta a súa inscrición no rexistro de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios.

Artigo 9º.-Funcionamento do centro.

O centro é de atención diurna, e deberá estar aberto un mínimo de 30 horas á semana para a atención directa ó usuario; serán establecidos pola dirección do centro os horarios de funcionamento en función dos programas que se van realizar e das necesidades dos usuarios.

Artigo 10º.-Os usuarios.

1. O centro de rehabilitación psicosocial e laboral deberá orienta-los seus recursos e actividades ás persoas adultas que teñan unha enfermidade mental crónica en situación de estabilidade clínica, que non requiran dunha atención máis especializada para o control dos síntomas e tratamento farmacolóxico que deba prestarse nun centro sanitario, ben nun hospital de día, ben nunha unidade de internamento. Ademais, o usuario deberá residir no

seu fogar ou en calquera outro dos dispositivos de apoio comunitario.

2. O acceso e atención dos usuarios ós centros de rehabilitación psicosocial e laboral estará condicionado ó informe dun médico psiquiatra relativo ó grao de estabilidade do enfermo mental crónico e á súa dificultade no funcionamento psicosocial e na integración laboral.

Artigo 11º.-A coordinación do centro.

O centro, considerado como un dispositivo de apoio comunitario, actuará en coordinación cos servicios de saúde mental da área xeográfica na que estea situado, de acordo coa seguinte orde de preferencia: unidades de saúde mental, unidade hospitalaria de rehabilitación psiquiátrica, hospital de día psiquiátrico, unidade de hospitalización de curta estancia.

Artigo 12º.-Planificación e subvencións.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, establecerá anualmente un orzamento para subvencionar gastos de funcionamento dos centros que dispoñan dun mínimo de 15 prazas, tendo en conta as necesidades de planificación e os obxectivos da atención ás enfermidades mentais crónicas establecidas pola propia consellería.

Artigo 13º.-Sistema de información.

É obriga do responsable do centro a remisión á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria de:

a) Unha memoria anual onde consten as actividades realizadas.

b) As altas e baixas cando estas se produzan no centro, de acordo co modelo de rexistro elaborado pola consellería.

c) De maneira trimestral as actividades realizadas polo usuarios. Estas deben ser remitidas obrigatoriamente en soporte informático ou outro de acordo co programa elaborado para tal fin.

Disposición transitoria

No caso dos centros xa existentes con apertura anterior á publicación desta orde, disporán do prazo dun ano para se adaptaren ós requisitos e condicións fixadas nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ós 20 días seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1998.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9684