No uso das atribucións establecidas no artigo 3º da Lei 19/1996, do 5 de novembro (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 20 de novembro) e no artigo 11º.G dos estatutos da fundación (Decreto 229/1997, do 25 de agosto; Diario Oficial de Galicia nº 165, do 28 de agosto), o padroado da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira acordou a aprobación do cadro de persoal do seu centro, así como a convocatoria das correspondentes probas de selección de persoal, con respecto ós principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, segundo determina o artigo 2º da citada lei.
De acordo con esta, a dirección da fundación fai pública a convocatoria de selección dos seguintes postos de traballo: psicólogo (Ref. PSC), psiquiatra (Ref. PSQ), traumatólogo (Ref. TRAU), oftalmólogo (Ref. OFT), e responsable de Recursos Humanos
(Ref. RRHH) todo isto de conformidade coas seguintes bases:
Titulacións:
-Psicólogo: a correspondente.
-Psiquiatra, traumatólogo e oftalmólogo: as correspondentes vía MIR ou equivalente.
-Responsable de Recursos Humanos: graduado social ou similar con titulación de técnico superior en prevención de riscos laborais.
Experiencia:
Psicólogo: imprescindible experiencia contrastada (5 anos ou máis), en actividade clínica dentro do ámbito de centros asistenciais da rede pública ou a correspondente á obtida vía PIR.
Psiquiatra: experiencia contrastada (2 anos ou máis), na área da asistencia psiquiátrica; valorarase especialmente a experiencia en atención a toxicómanos e a coordinación de equipos no ámbito da asistencia psiquiátrica comunitaria.
Traumatólogo e oftalmólogo: experiencia contrastada dentro do ámbito de centros asistenciais da rede pública.
Responsable de Recursos Humanos: experiencia contrastada (3 anos ou máis) en áreas de xestión e administración de persoal, prevención de riscos laborais e relacións sindicais dentro do ámbito hospitalario da rede pública.
Tipo de contrato: a contratación do persoal que resulte seleccionado someterase ó disposto na Lei 63/1997 en materia de fomento da contratación indefinida e tamén ó disposto no artigo 15.1º do Estatuto dos traballadores.
Procedemento de selección: artellarase, para os postos de psicólogo e psiquiatra a través de dúas fases:
1ª Fase: presentación e defensa dun proxecto asistencial para a área de influencia do Hospital Virxe da Xunqueira no ámbito da saúde mental e atención a drogodependentes. Esta primeira fase terá carácter eliminatorio.
O proxecto arriba enunciado presentarase o día da proba por duplicado exemplar.
-2ª Fase: valoración de méritos relativos á formación e experiencia.
Para os postos de traumatólogo, oftalmólogo e responsable de Recursos Humanos, o procedemento de selección artellarase a través dunha proba eliminatoria sobre a especialidade profesional correspondente e posterior valoración de méritos relativos a formación e experiencia.
-A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.
Puntuación final e aspirantes seleccionados: coa suma das puntuacións outorgadas confeccionarase a lista final por orde de puntuación alcanzada por
cada aspirante e resultará seleccionado o aspirante de máxima puntuación.
Se se considerase que os candidatos nalgunha das prazas non reunisen os requisitos mínimos, declararase deserta a convocatoria.
Igualmente, se se modificase a necesidade de cobertura das citadas prazas, a dirección da fundación poderá incrementa-lo número de prazas que haxa que seleccionar dentro de cada unha das categorías convocadas.
Inicio das probas: as probas non serán realizadas antes dun mes contado desde a data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Solicitude de participación: os aspirantes deberán remiti-lo seu currículum vitae detallado, con acreditación documental dos méritos alegados, á Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, domiciliada en Lg./ Recheo, s.n.. Paseo Marítimo. 15270 Cée - A Coruña, no prazo non prorrogable de 20 días naturais, contados desde o mesmo día da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, indicando no sobre a referencia correspondente, logo do pagamento da cantidade de 2.000 ptas., do que achegará xustificante de pagamento, en concepto de dereitos de exame, que se ingresarán na conta do Banco Bilbao Vizcaya, número 0182-5947-11-001011112/4.
Teléfono de información: 981 70 60 10.
Incorporación: a formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo o criterio da dirección e segundo as necesidades de posta en funcionamento dos correspondentes servicios do hospital.
Cee, 10 de novembro de 1998.
José Rey Aneiros
Director da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira
10640

