Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 03 de decembro de 1998 Páx. 12.939

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 342/1998, do 27 de novembro, polo que se modifica o Decreto 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servicios de transporte escolar e de obreiros, de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Por Decreto 160/1988, do 9 de xuño, e a súa orde de desenvolvemento do 15 de decembro de 1989, establécense as normas sobre o transporte regular de uso especial na comunidade galega. Os ditos preceptos permitiron dar unha resposta axeitada á realidade do transporte de escolares, que en Galicia presenta peculiaridades tan significativas que impiden a adopción de solucións establecidas para outras comunidades con realidades sociolóxicas moi diversas.

Esta dimensión determina que as problemáticas que xurdan no eido do transporte escolar teñan unha importancia decisiva no ordenamento do sector do transporte de viaxeiros, tanto regular como discrecional e, noutra orde de cousas, que afecten moi sinaladamente á política educativa desde a vertente dos custos e mesmo desde a organizativa.

Neste sentido, a introducción dos cambios do modelo educativo que esixe a implantación da ESO vaise traducir por unha banda, nun importante incremento de custos para a Consellería de Educación e por outra, na desestructuración do delicado equilibrio acadado no sector de transporte desde a publicación do Decreto 160/1988.

Este feito condiciona a entrada en vigor da presente disposición, que debe poder ser aplicada no prazo máis breve posible na contratación do vixente curso escolar, polo que se opta pola entrada en vigor inmediata sen vacatio legis.

Por isto resulta preciso revisa-la regulación dos dereitos de preferencia, co fin de minora-los efectos citados no parágrafo anterior e así mesmo garantir en Galicia a integración dos subsectores do transporte de viaxeiros e a viabilidade do modelo de transporte público de viaxeiros en xeral e do transporte escolar en particular.

Na súa virtude, oído o Consello Galego de Transportes e, de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia, por iniciativa do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión

do día vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

Engádese un novo punto 4 ó artigo 9 do Decreto 160/1988, do 9 de xuño, que terá a seguinte redacción:

«A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá concertar convenios coas asociacións e federacións de transportistas, que representen, polo menos, dúas terceiras partes das empresas e dos vehículos provistos de autorización de transporte público de viaxeiros discrecionais en Galicia.

Nos ditos convenios determinaranse as precisas condicións que xustifiquen, en atención ó interese xeral e polas especiais circunstancias concorrentes, os termos nos que, se é o caso, será de aplicación o dereito de preferencia ó que fai referencia o punto primeiro deste artigo.

De conformidade con tales convenios e na súa execución, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a contratar ulteriormente os servicios de transporte de estudiantes ós que lles sexa de aplicación o convenio».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

10820