Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 09 de decembro de 1998 Páx. 13.165

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de novembro de 1998 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, mediante o nomeamento de persoal interino, un posto de traballo de programador (grupo C), vacante nos servicios dependentes da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Estando vacante un posto de traballo de programador (grupo C) nos servicios dependentes da Consellería da Presidencia e Administración Pública,

e sendo urxente a súa cobertura por razón das necesidades do servicio, apreciada pola comisión de persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o 13 de novembro de 1998, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7.1º da Lei 4/1988, de 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A finalidade desta convocatoria de probas selectivas é a cobertura dun posto de programador vacante nos servicios centrais dependentes da Consellería da Presidencia e Administración Pública en Santiago de Compostela, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que cesará no seu posto cando a súa praza sexa cuberta por funcionario de carreira.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para ser admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título, ou acreditar fidedignamente ser:

-Bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Probas.

A selección constará das seguintes probas:

Primeiro exercicio: escrito. Contestar un cuestionario de corenta preguntas sobre o temario descrito no anexo I. Cada pregunta constará de catro respostas posibles.

Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e terá unha duración máxima de 40 minutos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 10 puntos. Corresponderalle ó tribunal deter

mina-lo número de respostas correctas esixidas para alcanza-la puntuación mínima, tendo en conta que por cada tres respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Segundo exercicio: escrito. Responder por escrito a dous temas formulados polo tribunal de entre os once que comprende o temario. Este exercicio terá unha duración máxima de 1 hora e 30 minutos e cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 10 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para alcanza-la puntuación mínima.

Terceiro exercicio: escrito. Resolución dun determinado suposto mediante a elaboración do organigrama, pseudo-código e a súa correspondente codificación nalgunha das linguaxes seguintes: Visual BASIC ou CLIPPER. A linguaxe de desenvolvemento será determinada polo tribunal. Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e terá unha duración máxima de 3 horas e 30 minutos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 15 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

Cuarto exercicio: escrito. Traducción dun texto técnico sobre informática do idioma inglés para o galego. Este exercicio cualificarase de 0 a 5 puntos e terá unha duración máxima de 15 minutos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 2,5 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-la puntuación mínima.

A puntuación final das probas virá dada pola suma das puntuacións obtidas polo aspirante nos distintos exercicios. De producirse empate de puntuación entre varios aspirantes resolverase a favor do aspirante que obtivera a maior puntuación no segundo e sucesivos exercicios. De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as pruebas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

Para a realización do segundo e seguintes exercicios, os aspirantes serán convocados polo tribunal, cunha antelación mínima de 48 horas á data de celebración deles, mediante un anuncio que se exporá no mesmo sitio de celebración do exercicio anterior e por aqueles outros medios que o tribunal considere oportunos.

Á realización dos exercicios os aspirantes deberán ir provistos do DNI.

Cuarta.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar instancia segundo o modelo que figura como anexo II á presente orde, no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá xuntarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 7.515 ptas. E, de se-lo caso, os gastos de transferencia correspondentes utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo III.

Quinta.-Admisión de solicitantes.

A Dirección Xeral da Función Pública elaborará unha relación de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e na Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en Vigo e se poderá formular contra ela reclamación no prazo de cinco días a partir do seguinte ó da publicación; transcurrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio de anuncio serán convocados os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase o día, hora e lugar de celebración.

Sexta.-Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado pola Consellería da Presidencia e Administración Pública un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma proposto polas organizacións sindicais presentes na mesa sectorial de funcionarios. A súa composición farase pública por medio do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría terceira.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas, que deberá comunicar á Dirección Xeral da Función Pública.

Sétima.-Resolución.

No prazo máximo dun mes a partir da finalización das probas o tribunal cualificador elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta do aspirante que superara as probas, que será publicada no DOG e, a partir da dita publicación, o aspirante seleccionado disporá do prazo de 10 días naturais para presentar na Dirección Xeral da Función Pública os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia cotexada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, de se-lo caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Oitava.-Nomeamento.

Entregada e comprobada a documentación, o aspirante seleccionado será nomeado interino do grupo C, escala técnica auxiliar de informática, sección programador por orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que será publicada no DOG.

O aspirante que no prazo establecido na base anterior non presente a documentación ou o faga de maneira incompleta, perderá tódolos seus dereitos, salvo nos casos de forza maior.

Novena.-Toma de posesión.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da orde do nomeamento do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

ANEXO I

TEMARIO PROGRAMADOR

1. Álxebra computacional. Matrices e algoritmos. Sistemas de numeración. Conversión entre sistemas numéricos. Álxebra de Boole. Mapas de Karnaugh. Álxebra de proposicións.

2. Estructura física dunha computadora. Unidade central. Unidade de control. Unidade aritmético-lóxica. A memoria, concepto. Tecnoloxías de memoria: memoria estática e dinámica. Memoria caché. Memoria de só lectura. Unidades periféricas. Canles.

3. Sistemas operativos. Natureza, obxectivos e funcións.

4. Transmisión de datos. Sistemas de transmisión. Concepto de medio, receptor, perturbación, distorsión e ruído. Técnicas de transmisión: modulación e multiplexación. Técnicas de conmutación de circuítos, paquetes e mensaxes.

5. Ficheiros: concepto e deseño. Clasificación funcional, organización e procesos sobre os ficheiros. Estructura de datos. Rexistros. Punteiros. Cadeas e matrices. Estructuras de datos estáticos e dinámicos. Pilas. Colas. Listas. Árbores.

6. Bases de datos. Concepto e características. Arquitectura. Bases de datos relacionados e documentais.

7. Bases de datos relacionados. Modelo de datos. Deseño de bases de datos relacionados. Dependencias funcionais. Integridade referencial. Normalización. Linguaxes de definición, manipulación e control de datos. Transaccións e accesos concorrentes. Sistemas xestores de bases de datos.

8. Aplicación e programación: concepto de aplicación. Documentación. Diagramas de fluxo de datos. Pseudo-código. Linguaxes de desenvolvemento. SQL.

9. Redes locais: concepto. Topoloxías. Técnicas de transmisión. Cableado. Protocolos. Arquitectura. Modelo OSI. Redes de área estendida.

10. Ofimática.

11. O tratamento automatizado dos datos de carácter persoal. Lei orgánica de 5/1992, de regulación do tratamento automatizado de datos de carácter persoal. Principios da protección de datos de carácter persoal. A Axencia de Protección de Datos. O Rexistro Xeral de Protección de Datos.

10980