Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 09 de decembro de 1998 Páx. 13.178

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 1998, pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de titulado superior en análise instrumental, vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Coa finalidade de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios, este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 en relación co artigo 3 e) da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro), de reforma universitaria, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza de titulado superior en análise instrumental, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza de titulado superior en análise instrumental, incluída no grupo I do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), polo sistema de promoción interna.

1.2. De non cubrirse a praza reservada a promoción interna, ofertarase para a súa provisión polo sistema de acceso xeral libre.

1.3. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.4. O proceso selectivo constará das seguintes fases: oposición e concurso, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.5. A adxudicación da praza ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida, sumadas ámbalas dúas fases.

1.6. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

2. Requisitos de admisión.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzado a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por

sentencia firme. No caso de nacionais dun Estado estranxeiro, non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Pertencer ó cadro de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia.

b) Pertencer a categoría profesional distinta á da praza convocada na presente convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea. Ademais, acreditaranse os méritos alegados da seguinte forma:

3.1.1. Os servicios prestados en calquera das universidades públicas de Galicia acreditaranse mediante certificación da xerencia correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. Os cursos alegados acreditaranse mediante a presentación dos títulos e diplomas correspondentes, copia compulsada ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente unidade de persoal da entidade ou empresa onde prestara servicios.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 9.180 ptas. e ingresaranse na conta corrente nº 2080-0000-74-0040225994, Universidade de Vigo. «Outros ingresos». (Caixavigo, O.P. de Vigo). Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a subs

titución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas así como ós aspirantes pola quenda de acceso xeral libre, no caso de que a praza convocada fose cuberta pola quenda de promoción interna. En ámbolos casos requirirase que na súa instancia cubriran os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 2 destinado a sistema de provisión, os aspirantes que participen polo sistema de promoción interna sinalarán a letra P. Os aspirantes que participen polo sistema xeral de acceso libre sinalarán a letra L.

b) Os aspirantes con minusvalías solicitarán no recadro nº 8, as adaptacións de tempo e medios que, para a realización das probas, consideren necesarias.

c) No recadro nº 25 os aspirantes que participen polo sistema de acceso xeral libre sinalarán o procesador de textos elixido para a realización do primeiro exercicio da segunda parte.

3.6. Os erros de feito que puidesen advertirse, poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeran constar na súa solicitude, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, publicada no rectorado, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio. Contra esta resolución, trala comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992 ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores ó da publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente constituirase o tribunal coa asistencia do presidente e o secretario ou, de se-lo caso, daqueles que os substitúan, e a metade alomenos dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no apartado anterior.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. O rector da Universidade de Vigo, por proposta do tribunal, designará tales asesores e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para realizaren os exercicios có resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal nº 46, teléfono 986 81 36 36.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.11. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaran coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da seguinte convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 24 de marzo de 1998 (DOG do 1 de abril).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrara o anterior, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para o seu inicio.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa celebración e no rectorado a relación de aspirantes

que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superaran, o tribunal fará pública a puntuación obtida na fase de concurso, que en ningún caso poderá sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso.

No caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate, dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación no segundo exercicio da primeira parte da fase de oposición.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non estean ncluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal presentará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados, segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, xunto coa proposta de contratación a prol dos candidatos que superaran o devandito proceso, que se publicará no taboleiro de anuncios do rectorado.

7.4. Os aspirantes seleccionados deberán superar satisfactoriamente un período de proba de seis meses, de conformidade co previsto no artigo 14 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo (BOE do 29 ) polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título de doutor, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

b) Os aspirantes que accedan polo sistema de acceso xeral libre, declaración xurada ou promesa de non ter sido separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio da función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as con

dicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados como persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, de se-lo caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 9 de novembro de 1998.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

EXERCICIOS E VALORACIÓN

A) Fase de oposición.

Primeira parte:

A primeira parte do proceso selectivo desenvolverase en dous exercicios, obrigatorios e eliminatorios.

Primeiro exercicio: consistirá na realización por escrito dun cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da primeira parte do programa (que se relaciona no anexo II).

O tempo máximo de realización deste exercicio será de 180 minutos.

Cualificarase de 0 a 130 puntos. Para superalo será necesario obter 65 puntos e acadar máis do 40% da puntuación asignada ós bloques I e II da primeira parte do programa.

Cada resposta errónea descontará sobre o valor da resposta acertada:

-Un 33% no primeiro 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas

-Un 50% no segundo 10% de respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas

-Un 67% nas restantes respostas erróneas, sobre o total das preguntas formuladas.

Segundo exercicio: consistirá na resolución dunha serie de supostos prácticos baseados no contido da primeira parte do programa.

Cualificarase de 0 a 130 puntos, e será necesario obter 65 puntos para superalo.

Segunda parte:

a) Quenda de promoción interna:

Exercicio único: consistirá na traducción dun texto do castelán ó galego. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

b) Acceso xeral libre:

Primeiro exercicio: consistirá en dar forma e traducir ó inglés un texto en castelán facilitado polo tribunal nas condicións que se determinen mediante un procesador de textos (Word 6.0., Word 7.0. ou Wordperfect 6.x.) a elección do candidato. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

Segundo exercicio: consistirá na traducción ó galego do mesmo texto do exercicio anterior. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá en responder por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido da segunda parte do programa. Cada resposta errónea descontará de acordo coas regras establecidas para o primeiro exercicio da primeira parte. Terá carácter selectivo e non eliminatorio.

Cualificarase ata un máximo de 20 puntos

b) Fase de concurso.

Cualificarase ata un máximo de 80 puntos. A valoración da fase de concurso realizarase do seguinte xeito:

Quenda de promoción interna

1. Antigüidade en postos de categoría distinta ós convocados, en calquera das universidades públicas de Galicia, a razón de 1 punto por mes traballado, ata un máximo de 40 puntos.

2. Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 2 puntos e os de aptitude con 5 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

3. Entrevista. Valorarase ata un máximo de 20 puntos.

Quenda de acceso xeral libre:

1. Experiencia en postos de traballo da mesma categoría ou equivalente. Valorarase a razón de 1 punto por mes traballado ata un máximo de 40 puntos.

2. Cursos de formación e perfeccionamento, impartidos por centros e organismos docentes ou investigadores públicos e que estean directamente relacionados cos temas incluídos na primeira parte do programa. Os certificados de asistencia valoraranse con 2 puntos e os de aptitude con 5 puntos, ata un máximo de 20 puntos

3. Entrevista. Valorarase ata un máximo de 20 puntos.

ANEXO II

PROGRAMA

Primeira parte.

* Bloque I:

I.1. Espectroscopía de absorción atómica.

1. Fundamentos da absorción atómica.

2. Compoñentes do espectrómetro de absorción atómica e as súas funcións: fontes de radiación, atomizadores, sistemas ópticos, detectores, etc.

3. Técnicas de calibración.

4. Interferencias: matriz, químicas, espectrais, corrección do fondo, efecto Zeeman.

5. A técnica da chama: mecanismo de atomización, interferencias.

6. A técnica da cámara de grafito: mecanismo de atomización, interferencias.

7. A técnica do xerador de hidruros: interferencias.

8. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de absorción atómica.

9. Seguridade e protección no traballo.

10. Preparación de mostras.

I.2 Difracción de raios X.

1. Orixe dos raios X.

2. Compoñentes do espectrómetro de difracción de raios X e as súas funcións: fontes dos raios X, monocromadores de raios X, detectores de raios X, etc.

3. Principios fundamentais da difracción.

4. Método de Debye-Sherer.

5. Difractómetros de raios X.

6. Análise cualitativa e cuantitativa de pós cristalinos.

7. Determinación de orientacións preferenciais e texturas.

8. Determinación de tensión.

9. Análise de recubrimentos e películas delgadas.

10. Técnicas de calibración.

11. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de difracción de raios X.

12. Seguridade e protección no traballo.

13. Preparación de mostras.

I.3. Fluorescencia de raios X.

1. Orixe dos raios X.

2. Compoñentes do espectrómetro de difracción de raios X e as súas funcións: fontes dos raios X, monocromadores de raios X, detectores de raios X, etc.

3. O fenómeno da fluorescencia: fluorescencia primaria, secundaria, terciaria.

4. Excitación monocromática.

5. Excitación policromática.

6. Análise cualitativa e cuantitativa (métodos).

7. Técnicas de calibración.

8. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de fluorescencia de raios X.

9. Seguridade e protección no traballo.

10. Preparación de mostras: metais, pós, perlas.

* Bloque II.

II.1. Espectrometría de masas.

1. Fundamentos da espectrometría de masas.

2. Compoñentes do espectrómetro de masas e as súas funcións: sistemas de baleiro, detectores, etc.

3. Sistemas de ionización: impacto electrónico, ionización química, bombardeo con ións ou átomos pesados (FAB), ionización por láser (MALDI).

4. Analizadores: magnéticos, cuadrupolares, tempo de voo, trampa de ións, resonancia ciclotrónica.

5. Calibración, resolución, sensibilidade, medida exacta de masas.

6. Sistemas Ms/Ms.

7. Sistemas híbridos.

8. Fundamentos da cromatografía de gases-espectrometría de masas: técnicas de varrido e de monitorización selectiva de ións.

9. Fundamentos da cromatografía de líquidos-espectrometría de masas: ionización a presión atmosférica (ApCI), electrospray, FAB dinámico.

10. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de espectrometría de masas.

11. Seguridade e protección no traballo.

12. Preparación de mostras.

II.2. Cromatografía de gases e líquidos.

1. Fundamentos de cromatografía.

2. Compoñentes do cromatógrafo de gases e as súas funcións: inxectores, forno, columna cromatográfica, detectores, etc.

3. Sistemas especiais: espacio de cabeza, purga e trampa.

4. Análise cualitativa e cuantitativa.

5. Compoñentes do cromatógrafo de líquidos e as súas funcións: sistemas de inxección, sistemas de bombeo, sistemas de xeración de gradientes, columnas (materiais de recheo e modos de HPLC), detectores.

6. HPLC analítico preparativo.

7. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de cromatografía.

8. Seguridade e protección no traballo.

9. Preparación de mostras.

II.3. Espectroscopía de resonancia magnética nuclear.

1. Fundamentos da resonancia magnética nuclear.

2. RMN de pulsos.

3. Compoñentes do espectrómetro de RMN: imán, sonda shims, etc.

4. Transformada de Fourier: resolución dixital, tempo de adquisición.

5. Métodos experimentais básicos: manexo das mostras, resolución, sensibilidade.

6. Calibración de pulsos.

7. Desprazamento químico, constantes de axuste.

8. Efecto nuclear Oberhauser.

9. RMN monodimensional heteronuclear.

10. Transferencias de polarización.

11. Experimentos bidimensionais: correlación homonuclear, correlación heteronuclear.

12. Gradientes de campo.

13. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de espectroscopía de RMN.

14. Seguridade e protección no traballo.

* Bloque III.

III.1. Espectroscopía FT-IR E UV-VIS.

1. Fundamentos da espectroscopía IR: vibracións moleculares.

2. Compoñentes do espectrómetro de IR e as súas funcións: fontes de radiación, selección de lonxitudes de onda, detectores, etc.

3. Espectroscopía de reflexión interna (ATR).

4. Aplicacións cualitativas e cuantitativas da espectroscopía IR.

5. Espectroscopía de IR por transformada de Fourier: interferómetro de Michelson.

6. Microscopía IR.

7. Fundamentos da espectroscopía UV-VIS.

8. Compoñentes do espectrómetro de UV-VIS e as súas funcións: fontes de radiación, filtros, monocromadores, detectores, etc.

9. Aplicacións cualitativas e cuantitativas da espectroscopía UV-VIS.

10. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de espectroscopía IR e UV-VIS.

11. Seguridade e protección no traballo.

12. Preparación de mostras.

III.2. Análise elemental.

1. Fundamentos da técnica.

2. Compoñentes dun analizador elemental e as súas funcións.

3. Determinacións de CHN e CHNS.

4. Determinación de O.

5. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos de análise elemental.

6. Seguridade e protección no traballo.

7. Preparación de mostras.

III.3. Técnicas radioquímicas.

1. Fundamentos da medida de radioactividade beta e gamma.

2. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento dos equipos.

3. Seguridade e protección no traballo.

Segunda parte.

1. Réxime xurídico da Universidade de Vigo: Lei de reforma universitaria e Estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e órganos da Universidade de Vigo.

2. Réxime xurídico do persoal laboral ó servicio da Universidade de Vigo: o III convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia

ANEXO III

TRIBUNAL

Titular:

Presidente: Julio Taboada Pérez, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

Ángel Rodríguez de Lera, catedrático da Universidade de Vigo.

Carlos Bendicho Hernández, profesor titular da Universidade de Vigo.

Cándido Pérez Betanzos, en representación do comité de empresa.

Carlos Román Lago, en representación do comité de empresa.

Secretaria: Mercedes Cendón Falque, xefa da sección de Títulos e Planos de Estudio, que actuará con voz e sen voto.

Suplente:

Presidente: Antonio Ángel Vidal Andión, xefe do Servicio Xurídico da Universidade de Vigo.

Vocais:

Ricardo Mosquera Castro, profesor titular da Universidade de Vigo.

Jorge Bravo Bernárdez, profesor titular da Universidade de Vigo.

Luis Pérez Gómez, en representación do comité de empresa.

Pablo Cabral Pedreira, en representación do comité de empresa.

Secretaria: Mª Teresa Amoedo Quicler, xefa do Negociado de Terceiro Ciclo, que actuará con voz e sen voto.

10722