Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 10 de decembro de 1998 Páx. 13.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 3 de decembro de 1998 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 17.500 millóns de pesetas.

Con base no artigo 25.1º da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 124/1998, do 23 de abril, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Obtida a autorización, establecida no artigo 14 punto 3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiación das comunidades autónomas, mediante acordo do Consello de Ministros con data do 19 de xuño de 1998, disponse a emisión de débeda pública interior por un importe de 17.500 millóns de pesetas.

Artigo 2º

Esta emisión constitúe para tódolos efectos un segundo tramo da emitida ó 20 de xullo deste ano 1998, código valor ES0001352147, polo importe de

13.000 millóns de pesetas, cun cupón do 5,40% e vencemento do 20 de xullo do 2018.

Artigo 3º

Este tramo emítese baixo a forma de obrigas da Xunta de Galicia representada mediante anotacións en contra, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, coas modificacións establecidas pola Lei 37/1998, do 16 de novembro, de reforma da anterior.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe do tramo: 17.500 millóns de pesetas.

-Data da emisión: 20 de xullo de 1998.

-Data de desembolso: 15 de decembro de 1998.

-Prezo ex-cupón: 104,845717.

-Prezo efectivo: prezo ex-cupón incrementado co cupón corrido ata a data do desembolso.

-Subscrición: será realizada directamente as entidades aseguradoras, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 14 de decembro de 1998.

-Cupón: os cupóns anuais vencerán o 20 de xullo de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non-residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e do Tesouro desta consellería, con data do 22-10-1993 (DOG do 8-11-1993).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública á Central de Anotacións de Débeda Pública do Banco de España na forma prevista na Lei do mercado de valores e os demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións cá débeda pública do Estado.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós vinte (20) anos desde a data da emisión.

-Tipo de xuro: 5,40 %.

-Liquidez: a entidade aseguradora garante durante a vida da emisión, a liquidez desta emisión.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Consellerio de Economía e Facenda

10831