Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 10 de decembro de 1998 Páx. 13.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 351/1998, do 27 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 220 kV, Castrelo de Miño-Pazos de Borbén (tramo I), nos concellos de Castrelo de Miño e Ribadavia, provincia de Ourense. (Expediente 94/1997).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 220 kV de 2.454 m de lonxitude, sobre torres metálicas de celosía con circuíto trifásico simple en cable Cóndor, entre a subestación de Castrelo de Miño e o apoio 6, afectando no seu percorrido os termos municipais de Castrelo de Miño e Ribadavia (Ourense) (Expte:94/1997).

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública por resolución da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio do 9-2-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 8 de marzo, no BOP de Ourense do 13 de marzo, no BOP de Pontevedra do 1 de marzo e no BOE do 6 de marzo. Con data do 15 de xullo de 1998 aprobouse o seu proxecto de execución.

As solicitudes de urxente ocupación dos predios afectados polo trazado da liña e polo acceso ó apoio nº 6 fixéronse de acordo co disposto no artigo 31

do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da diposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Os anuncios de información pública aberta en función destas peticións, coas relacións de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse nos DOG do 21-7-1997 e 29-7-1998, nos BOP de Ourense do 19-6-1997 e 20-8-1998, no xornal La Región do 17-6-1997 e 18-7-1998, no BOE do 15-7-1997 e nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Castrelo de Miño e Ribadavia e no da delegación provincial; ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ós propietarios dos predios nº 1/1, 2 e 3 de Castrelo de Miño e 11, 13, 15 e 16 de Ribadavia, que por seren descoñecidos se lle deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal, segundo o establecido no artigo nº 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante os períodos en que se someteron a trámite de información pública, non se formularon alegacións.

Unha vez practicada a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo consta en certificado expedido pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Polo que antecede, estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que, como consecuencia do desenvolvemento do Plan Eólico de Galicia se fai necesario acomete-la conexión a 220 kV entre a subestación da central hidroeléctrica de Castrelo de Miño e a subestación de Cartelle que pertence a Red Eléctrica de España, S.A, aumentando deste xeito a seguridade e calidade na rede de transporte de enerxía eléctrica, e con isto a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día

vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea entre a subestación de Castrelo de Miño e a subestación de Pazos de Borbén (tramo I).

Os bens e dereitos a que afecta esta diposición sitúanse nos termos municipais de Castrelo de Miño e Ribadavia (Ourense) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

11099