Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 10 de decembro de 1998 Páx. 13.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de novembro de 1998 pola que se regula o procedemento e o prazo para solicita-lo certificado de habilitación profesional como protésicos dentais e hixienistas dentais.

O Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo, pola que se desenvolve a Lei 10/1986, do 17 de marzo, que regula as profesións de odontólogo, protésico e hixienista dental, prevé, na súa disposición transitoria primeira, un sistema especial para certifica-la habilitación profesional dos que viñan exercendo como protésicos ou como hixienistas dentais antes da entrada en vigor da dita lei, ou dos que exerceron as ditas profesións durante un mínimo de cinco anos antes da entrada en vigor de dito real decreto, establecendo, a tales efectos, dous sistemas distintos de acceso á dita certificación, un directo a favor dos que acrediten a dita experiencia profesional, e outro mediante a superación dunhas probas que serán realizadas polos que non acrediten o cumprimento de calquera deses requisitos, outorgándolle ás comunidades autónomas a competencia para a expedición das certificacións de habilitación profesional.

A orde do Ministerio de Sanidade e Consumo, do 14 de maio de 1997, pola que se desenvolve a disposición transitoria primeira do real decreto antes

citado, creou as comisións de análise encargadas de establece-los criterios que aplicarán as comunidades autónomas para a emisión directa do certificado e para a realización das probas.

Igualmente a dita orde habilitou un prazo dun mes para que os interesados que cumprisen os requisitos para o acceso directo presentaran a súa solicitude ante a Subsecretaría de Sanidade e Consumo, sinalando que, unha vez estudiadas polas comisións de análise constituídas para o efecto e fixados por estas os criterios que se van aplicar, serían remitidos ás comunidades autónomas para a súa tramitación e resolución.

Unha vez remitidas ás comunidades autónomas as instancias e publicados os criterios aprobados polas comisións de análise (BOE nº 178, do 27 de xullo de 1998), correspóndelle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais establece-lo procedemento que se seguirá para a habilitación profesional dos protésicos dentais e hixienistas dentais nesta Comunidade Autónoma.

Por outro lado, e á vista do establecido no artigo 6 f) da Orde do 14 de maio de 1997 antes citada, que sinala que os interesados que non presenten a súa solicitude polo procedemento previsto nela non perderán o seu dereito a solita-lo certificado de habilitación profesional á correspondente Comunidade Autónoma, nos prazos e na forma que, en cada caso, se establezan, procede abrir un prazo para quen, cumprindo os requisitos para o acceso directo, non solicitasen a expedición do certificado de habilitación profesional no prazo establecido nesta orde.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1981, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-As persoas que reúnan os requisitos establecidos na orde do Ministerio de Sanidade e Consumo do 14 de maio de 1997, pola que se desenvolve a disposición adicional primeira do Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo , en relación coas profesións de protésico dental e hixienista dental (BOE nº 119, do 19 de maio de 1997), e na resolución da Subsecretaría de Sanidade e Consumo do 12 de xuño de 1998, pola que se acorda a publicación dos criterios aprobados pola comisión de análise para a habilitación profesional de protésicos e hixienistas dentais (BOE nº 178, do 27 de xullo de 1998), poderán solicita-la expedición da certificación de habilitación profesional correspondente, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberán dirixirse á División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde e poderán presentarse no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e no das delegacións

provinciais e por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ás devanditas solicitudes xuntaranse os boletíns de cotización á Seguridade Social ou de certificación das ditas cotizacións expedidas pola correspondente entidade xestora, así como de calquera outra documentación debidamente compulsada que acredite o tempo de exercicio profesional e data do seu inicio.

Disposicións adicionais

Primeira.-Facúltase o director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para a tramitación dos expedientes.

O prazo máximo para a resolución dos expedientes será de seis meses contados desde o seguinte ó remate do prazo establecido no artigo único.

Segunda.-Facúltase o director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para efectuar e resolve-la convocatoria das probas que deberán realizarse, en todo caso, dentro do primeiro semestre dos anos 1999, 2000, 2001.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

10185