En cumprimento do establecido na Lei de Galicia 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e de conformidade co acordo adoptado polo Consello de Administración da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, na reunión do día 9 de outubro de 1998, convócanse probas de selección para cubrir, baixo a modalidade de contratación indefinida, unha praza de técnico en proxectos europeos de desenvolvemento local.
As condicións específicas do contrato de traballo, así como as funcións que se van realizar, estarán á disposición dos interesados na sede da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, en diante SDC, sita na estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia (Santiago de Compostela). Teléfono 981 54 58 54.
I. Requisitos xerais:
-Ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea.
-Ser maior de 18 anos.
-Grao de licenciado en dereito ou en ciencias económicas e empresariais.
II. Coñecementos que se requiren:
-As regulacións e normativas legais que afectan ó modelo galego de desenvolvemento comarcal.
-Marco legal sobre fundacións de interese galego e de institucións sen finalidade de lucro.
-Xestión de programas e de iniciativas comunitarias.
-Organismos e institucións da Unión Europea.
-Centros de información e documentación europea.
-Iniciativas e programas comunitarios financiados pola Unión Europea.
-Formas de intervención da Unión Europea para o desenvolvemento rexional.
-Teoría e práctica do desenvolvemento local e comarcal.
III. Documentación que hai que presentar:
-Fotocopia DNI.
-Fotocipia compulsada que acredite a titulación requirida.
-Escrito de solicitude dirixido ó conselleiro delegado da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, conforme se recolle no anexo I.
IV. Lugar e prazo de presentación:
-As solicitudes presentaranse nas dependencias da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, dirixidas ó conselleiro delegado desta sociedade, sita na estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela. Teléfono 981 54 58 54.
-O prazo de presentación será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.
V. Comisión de selección:
A comisión de selección estará formada polos seguintes membros:
Presidente: Andrés Precedo Ledo. Conselleiro delegado da SDC.
Secretario: Abelardo Blanco Serrano. Subdirector xeral xefe do Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa da Xunta de Galicia.
Vocais: José Mª Soriano Villalba. Xefe de Asuntos Económicos da SDC.
José Figueroa Dávila. Xefe de Acción Comarcal da SDC.
Antonio Doval Adán. Xefe de Planificación e Estudios da SDC.
VII. Proceso de selección:
1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección publicará as listas previas
de admitidos e excluídos, coa motivación da exclusión, se é o caso; establecendo un prazo de dez días hábiles para que, por petición do interesado, se poida reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo, publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos e fixarase o lugar e a data de celebración das probas de selección. Os candidatos deberán asistir provistos do DNI. Estas listas publicaranse no taboleiro de anuncios da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.
2. Probas de selección: os aspirantes deberán realizar dúas probas:
a) Proba test de coñecementos sobre os contidos que se recollen no punto II. A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 10 puntos. Os candidatos que non acaden a puntuación de 5 puntos nesta proba quedarán automaticamente eliminados.
b) Proba práctica sobre xestión dun programa ou dunha iniciativa comunitaria. Os candidatos que superen a proba tipo test de coñecementos serán convocados á realización da proba práctica, na que se poderá acadar unha puntuación máxima de 10 puntos, sendo necesario, en todo caso, acadar unha puntuación mínima de 5 puntos para supera-la dita proba práctica.
Unha vez valoradas as probas, a comisión de selección publicará os resultados definitivos no taboleiro de anuncios da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, indicando expresamente o nome do candidato seleccionado.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1998.
Andrés Precedo Ledo
Conselleiro delegado da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia
ANEXO I
Don/Dona..., con DNI..., en virtude da convocatoria da praza de técnico en proxectos europeos convocada pola Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia,
SOLICITA
participar no proceso selectivo para cubrir unha praza de técnico en proxectos europeos convocada mediante anuncio público desa sociedade no DOG nº... con data... Para tal fin xúntase documentación conforme o recollido nas bases da citada convocatoria.
En Santiago de Compostela... de... de 1998.
Asdo.:...
Conselleiro delegado da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia

