Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Luns, 28 de decembro de 1998 Páx. 13.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de decembro de 1998 pola que se regula o proceso de integración no réxime estatutario de determinado persoal do Hospital Militar da Coruña transferido polo Real decreto 1432/1996, do 7 de xuño.

Con base nos principios establecidos na Lei xeral de sanidade, que configuran a existencia dunha sanidade integral, e así mesmo na Lei 1/1989, de creación do Servicio Galego de Saúde, organismo que abrangue a xestión da totalidade dos centros e servicios hospitalarios existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, fóronse producindo as trasferencias dos centros das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia coa súa adscrición ó citado organismo.

O persoal dos centros transferidos caracterízase por unha vinculación xurídica, de carácter funcionarial ou laboral, diferente da que conforma o persoal do Servicio Galego de Saúde, que é de carácter estatutario. Por tal motivo estase a produci-la convivencia desas tres clases distintas que, dada a súa diferente regulamentación, traen como resultado un conxunto de situacións xurídicas diversas, cos conseguintes problemas de xestión e organización do traballo.

As diferencias existentes entre os colectivos fan necesaria a súa homologación e integración funcional na rede sanitaria na procura da concordia imprescindible que garanta unha convivencia pacífica e orde

nada entre o persoal dos centros, debidamente cohonestada coa organización do traballo.

Para tal fin, logo de negociación coas organizacións sindicais lexitimadas, publícase o Decreto 447/1996, do 26 de decembro, (DOG nº 148, do 7 de xaneiro de 1997), no que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ó Servicio Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.

Na disposición derradeira do citado decreto facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución deste, e dicta-las disposicións que formalicen os procesos de homologacións que afecten ós distintos colectivos de persoal, coa secuencia temporal que considere conveniente.

Así as cousas, polo Real decreto 1432/1996, do 7 de xuño, transfírese á Comunidade Autónoma de Galicia o persoal laboral da institución sanitaria Hospital Militar da Coruña dependente da Administración central do Estado, con sede na Coruña, que foron asumidos e adscritos ó Servicio Galego de Saúde polo Decreto 276/1996, do 4 de xullo.

A presente orde, pois, dentro do marco normativo exposto, posibilita, con opción voluntaria, a integración do persoal laboral do Hospital Militar da Coruña transferido polo Real decreto 1432/1996, nos réximes estatutarios, sen afectación nin menoscabo dos dereitos normativamente recoñecidos.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

O persoal laboral fixo do Hospital Militar da Coruña transferido polo Real decreto 1432/1996, poderá homologarse ó réxime estatutario e integrarse no correspondente estatuto de persoal da Seguridade Social, nos termos e condicións que se establezan na presente norma, sempre que reúna os requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente e que á súa entrada en vigor se encontre nalgúns dos supostos seguintes:

a) En situación de activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servicios laboral, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente.

c) En situación de excedencia voluntaria, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia prevista legalmente para cada caso . Neste suposto a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e a posterior situación de activo obterase de conformidade co previsto no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro. A opción de integración poderá formularse no momento de solicita-lo reingreso ou no prazo previsto para o exercicio da opción que se estableza nesta norma.

Artigo 2º

Non poderán exerce-lo dereito de opción o persoal con vínculo temporal transferido polo Real decreto 1432/1996, calquera que sexan as características de tal vínculo.

Artigo 3º

O persoal que exerza o dereito de opción da forma establecida no artigo 8º da presente norma, homologarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda, coa súa integración no estatuto de persoal aplicable segundo as características da praza orixinaria e a estatutaria de referencia.

Para tal efecto, establécese unha táboa de homologacións, como anexo I, na que se relacionan as categorías orixinarias laborais e as correlativas estatutarias.

Non obstante, expedirase, no momento en que se resolva a solicitude de homologación e integración, un nomeamento adicional ó persoal que desempeñe postos de traballo de xefatura adquirido en virtude dun concurso ou libre designación, no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo se o orixinario tiña tal condición ó ser obtido por concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.

Ó persoal que resulte homologado nos réximes estatutarios da Seguridade Social respectaraselle, para tódolos efectos, a antigüidade que teña á entrada en vigor da presente resolución, se ben os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serano de acordo co previsto na disposición 2ª.2 do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento aplicable.

Artigo 4º

O persoal que resulte homologado ó réxime estatutario integrarase no estatuto que resulte de aplicación, segundo o grupo e categoría á que pertenza, dentro dos tres existentes para o persoal estatutario:

Estatuto xurídico de persoal médico, estatuto de persoal sanitario non facultativo e estatuto de persoal non sanitario.

O réxime económico e xurídico do persoal que resulte integrado será o correspondente ó estatuto do persoal que en cada caso sexa de aplicación e a súa prestación de servicios adecuarase á estructura asistencial das institucións sanitarias do Sergas.

Artigo 5º

Ó persoal que, tendo efectuada a opción de integración, percibira retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Sergas, recoñeceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferencia de retribucións. O citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

De conformidade co establecido no artigo 14.1º g) da Lei 11/1996, do 31 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 e na disposición transitoria primeira do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, para o cálculo do complemento persoal transitorio, non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, plus de nocturnidade, plus de perigosidade, penosidade ou toxicidade, e realización de horas

extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que, en concepto de antigüidade, teñan recoñecidas ata a data en que remate o prazo de presentacións de instancias do artigo 8º.

Artigo 6º

Ó persoal que non se integre nos estatutos do persoal da Seguridade Social respectaráselle o réxime económico e xurídico que se derive da súa situación de orixe coa dependencia orgánica e funcional do Sergas, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

Respecto das lagoas que se produzan na regulación do colectivo laboral, aplicarase por analoxía o estatuto de persoal da Seguridade Social relativo ó grupo e categoría de persoal equiparable.

A prestación de servicios deste persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento da institución sanitaria do Sergas, onde está adscrito, coa súa plena imbricación na estructura e organización do traballo. Para tal fin, a dirección do centro adoptará as medidas de xestión e organización adecuadas para acada-la plena adaptación e integración deste persoal nel.

Artigo 7º

O persoal laboral que se integre nos réximes estatutarios da Seguridade Social será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na súa categoría de orixe.

Artigo 8º

Sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 1º, o exercicio da opción de integración deberá realizarse con carácter individual, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da entrada en vigor desta disposición, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II.

Os profesionais que non formulen opción expresa de integración entenderase que optan pola situación prevista no artigo 6º.

As solicitudes debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á División de Recursos Humanos do Sergas, á Dirección Provincial do Sergas de Coruña ou no rexistro do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña, sen menoscabo do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O persoal que realice a opción presentará, xunto coa súa solicitude, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada da titulación académica ou, se é o caso, do libro de escolaridade.

b) O persoal médico presentará, así mesmo, fotocopia compulsada do título de especialista que posúa e que o habilite para exerce-la praza que vén desempeñando.

Artigo 9º

As opcións serán resoltas pola División de Recursos Humanos no prazo máximo de dous meses desde que remate o prazo de presentación de instancias para formula-la opción de integración. O anteriormente

exposto enténdese sen prexuízo do disposto no inciso final do artigo 1º desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986 (BOE do 12 de xaneiro de 1987) e segundo o disposto na disposición adicional 2ª do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, ó persoal que se homologue á categoría de auxiliar de enfermería non lle será esixido o título de formación profesional de primeiro grao rama sanitaria, sempre que á súa entrada en vigor se encontrase prestando servicios en praza desa categoría que resulten debidamente acreditados.

Para tal fin, o centro hospitalario expedirá certificación dos servicios prestados.

Segunda.-Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración nos réximes estatutarios, consideraranse amortizados e reconvertidos ós correspondentes estatutarios que determina para cada caso a táboa de homologacións que se inclúen no anexo I desta resolución.

As vacantes que se produzan de persoal laboral que non se integren nos réximes estatutarios da Seguridade Social e que non estean afectados polas situacións previstas no artigo 1 B desta disposición declararanse necesariamente a extinguir logo da súa amortización e, se é o caso, substitución por prazas de persoal estatutario do Sergas.

Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal temporal do artigo 2º desta norma, consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará no seu desempeño.

Polo tanto, con efectos do día seguinte ó do cesamento, expediráselle-lo nomeamento que corresponda para ocupa-la equivalente praza de persoal estatutario, co mesmo carácter temporal.

Terceira.-Con respecto ó complemento P.R.D. por traballo a quendas, establecido para a remuneración das prestacións de servicios en réxime de quendas en aplicación do acordo do 25-1-1996 sobre determinados aspectos retributivos e outras condicións de traballo de persoal estatutario sanitario non facultativo e non sanitario das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, publicado pola resolución conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, dado que este concepto retributivo é de aplicación con carácter fixo e periódico ás categorías de persoal ás que fai referencia o devandito acordo, se ben con variación do seu importe en función do réxime de traballo por quendas concorrente, incluirase entre as retribucións correspondentes á categoría de homologación para efectos da determinación do complemento persoal e transitorio á que fai referencia o artigo 5º da presente disposición.

A consideración deste complemento no cálculo do complemento persoal e transitorio practicarase sobre a asignación da contía correspondente á modalidade de traballo por quendas que corresponda ó posto de traballo de homologación, de conformidade co previsto

no punto segundo do acordo ó que se fixo referencia no parágrafo anterior.

No suposto de producirse con posterioridade á homologación unha alteración no réxime de prestación de servicios do posto de traballo que determine a variación estable do réxime de traballo por quendas tomado en consideración para o cálculo do complemento persoal e transitorio, procederase á revisión do devandito CPT para reflectir nel a nova modalidade do complemento PRD por traballo por quendas que pase a resultarlle de aplicación.

A revisión do complemento persoal e transitorio á que se fixo referencia procederá unicamente mentres o traballador que optou pola integración se manteña no posto de traballo que pasa a desempeñar como consecuencia deste proceso. No suposto de pasar a desempeñar outro posto de traballo distinto, non se revisará o complemento persoal e transitorio aínda que varíe o réxime de traballo por quendas que resulte de aplicación.

Cuarta.

1. A categoría de oficial de conservación, mantemento e oficios e a de axudante de conservación, mantemento e oficios poderá integrarse nas categorías estatutarias que correspondan á súa especialidade, segundo se fai constar na relación número 1 (persoal laboral que se traspasa) do Real decreto 1432/1996, do 7 de xuño.

2. No que respecta ó persoal de limpeza, costura e ferro, a integración poderá efectuarse nas categorías estatutarias de lavandeira, limpadora, costureira, pasa

dora de ferro, pinche e celador, segundo sexan as funcións que viñan realizando de xeito estable e regular na organización de traballo do centro e resulten debidamente acreditadas mediante certificación expedida pola dirección deste.

3. En todo caso será condición imprescincible reuni-los requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración.

Disposicións transitorias

Primeira.-O persoal facultativo que se integre no réxime estatutario exercerá, no momento que a formalice, a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ó sector público sanitario, coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

A citada opción resolverase, conxuntamente coa solicitude de homologación, no prazo establecido nesta norma.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Persoal laboral transferido do hospital militar: categorías básicas de homologación

VínculoPosto de traballo do pesoal transferido H. MilitarEspecialidade/FunciónsCategoría básica de homologación

LTitulado superiorFacultativo xerarquizado medicina xeral

LMédico especialistaFacultativo especialista de área

LDiplomado enfermeríaATS

LAxudante técnico especialista sanidadeTécnico especialista

LCociñeiroCociñeiro

LOficial conservación mantemento e oficiosAlmacénAuxiliar administrativo

LOficial conservación mantemento e oficiosCarpinteiroCarpinteiro

LOficial conservación mantemento e oficiosCorte e confecciónCostureira

LOficial conservación mantemento e oficiosFontaneiroFontaneiro

LOficial conservación mantemento e oficiosPintorPintor

LAuxiliar sanitarioAuxiliar enfermería

LAxud. conservación mantemento e oficiosFontaneiroFontaneiro

LAxud. conservación mantemento e oficiosLavandeiroLavandeira

LTelefonistaTelefonista

LAuxiliar administrativoAuxiliar administrativo

LCeladorCelador

LPersoal limpeza, costura e ferroCeladorCelador

LPersoal limpeza, costura e ferroPinchePinche

LPersoal limpeza, costura e ferroLimpadoraLimpadora

LPersoal limpeza, costura e ferroLavandeiraLavandeira

LPersoal limpeza, costura e ferroPasadora de ferroPasadora de ferro

LPersoal limpeza, costura e ferroCostureiraCostureira

(*)Segundo a disposición adicional 4ª desta orde.

11578