Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 1999 Páx. 409

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 378/1998, do 4 de decembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, no seu artigo 1, define a protección civil como un servicio público no que, na súa organización, funcionamento e execución, participan as diferentes administracións públicas, así como os cidadáns mediante o cumprimento dos correspondentes deberes e a prestación da súa colaboración voluntaria.

A experiencia obtida ó longo dos últimos anos indica que, ante unha emerxencia na que é precisa a actuación da protección civil, co fin de obter unha actuación eficaz, debe partirse dunha previa e correcta planificación e dunha axeitada coordinación, tanto de recursos humanos como de medios materiais.

Esta coordinación de recursos e medios alcanza desde a fase preventiva de planificación á fase operativa; a coordinación destes medios e recursos abrangue tanto os propios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como os da Administración xeral do Estado e a Administración local, así como os de carácter e propiedade privada, que poden ser mobilizados e requiridos en situacións de risco, urxencia, emerxencia, catástrofe ou calamidade pública.

A norma básica de protección civil, aprobada polo Real decreto 407/1992, do 24 de abril, establece entre os seus principios informadores o de coordinación, o que esixe que a protección civil, en canto servicio público, debe realizar unha serie de funcións fundamentais, entre as que se indican as de previsión e prevención.

Resulta, pois, necesario que a nivel preventivo se artelle un sistema de coordinación e cooperación entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e as outras administracións públicas.

Tamén debe preverse na fase operativa, e en particular en cada plan de protección civil, que se establezan sistemas de coordinación entre as diferentes administracións públicas; a coordinación debe chegar na fase operativa tamén ós organismos e institucións privadas, polo que se precisa que se establezan os correspondentes mecanismos de coordinación.

A norma básica de protección civil e o Platerga (Plan Territorial de Protección Civil de Galicia) establecen que tanto nos plans territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia, como nos plans especiais debe recollerse a constitución dun Centro de Coordinación Operativo (Cecop), onde se realice a dirección e coordinación de tódalas operacións, dispoñendo dun sistema de enlace dos Cecop das diferentes administracións públicas que estea previsto se integren no citado plan.

Así mesmo, prevese que todo Cecop poderá funcionar, se é o caso, como Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi), no que se integrarán as diferentes administracións, tanto na dirección e coordinación da emerxencia como para a transferencia da responsabilidade.

Segundo o disposto na normativa legal vixente resulta necesario que, tanto no plano preventivo coma no operativo, se artelle un mecanismo de coordinación que permita que a Administración competente en materia de protección civil na Comunidade Autónoma de Galicia, dea unha resposta rápida, eficaz, axeitada, correcta e coordinada en situacións de risco, urxencia, emerxencia, catástrofe ou calamidade pública.

Este mecanismo de coordinación levouse a cabo polo Decreto 208/1993, do 3 de setembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia modificado posteriormente polo Decreto 168/1994, do 2 de xuño.

Con posterioridade a estas disposicións, o Platerga, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 14 de xullo de 1994, establece o sistema de coordinación dos medios e recursos utilizables, tanto públicos como privados, para a prevención e actuación ante situacións de risco.

Por outra banda, con data do 29 de xullo de 1991, a Unión Europea, por decisión do Consello das Comunidades Europeas, crea o número único para as chamadas de urxencia producidas no ámbito de competencias de tódolos seus estados membros e establece a obrigatoriedade a tódolos seus membros de introduci-lo número un un dous (112) como número de chamadas de urxencia. Tendo en conta as particularidades e complexidades que entraña establecer este servicio á Comunidade Autónoma de

Galicia decidiu a súa xestión de forma directa a través do organismo competente en materia de protección civil da Xunta de Galicia segundo acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión celebrada o día 1 de outubro de 1997.

As innovacións que levan consigo a publicación do Platerga, o servicio de chamadas de urxencias único europeo a través do número telefónico un un dous (112) xunto con outras modificacións organizativas ó pasar a Dirección Xeral de Protección Civil a depender da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (Decreto 351/1997) motivan as correspondentes modificacións e adaptacións dos decretos 208/1993 e 168/1994.

Noutra orde, faise necesaria a creación de determinadas comisións sectoriais para o logro dunha maior eficacia na precisión e coordinación de sectores con características de risco específico como poden selo o de transporte de mercadorías perigosas, de seguridade vial así como outros que sexan considerados no futuro.

Para evitar unha dispersión normativa e favorecer a seguridade xurídica así como o propio manexo dos textos normativos, preténdese con este decreto despois de face-las necesarias modificacións recoller nunha soa norma as distintas medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto do presente decreto é regula-los mecanismos de coordinación e cooperación en materia de protección civil nas diferentes fases preventiva e operativa, no ámbito da Comunidade Autonóma de Galicia.

Título I

Da coordinación na fase preventiva

Sección primeira: os órganos de coordinación

Artigo 2º

O Consello da Xunta de Galicia é o organo superior de dirección e coordinación en materia de protección civil, a que corresponde, de conformidade coa normativa vixente, a aprobación do Plan Territorial de Galicia (Platerga) e dos plans especiais de protección civil, entre outras funcións.

Artigo 3º

A Comisión Galega de Protección Civil (CGPC) é un órgano colexiado de coordinación e cooperación entre a Administración da Comunidade Autónoma galega e as restantes administracións públicas, para o desenvolvemento de tódalas actuacións preven

tivas, en materia de protección civil, que atinxan o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º

Son funcións da CGPC:

a) Informa-lo Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga), logo de aprobación polo órgano competente da Xunta de Galicia, e as posteriores modificacións del, así como dos plans específicos de protección civil que se integran no Platerga.

b) A homologación dos plans territoriais de protección civil, de ámbito inferior ó da Comunidade Autónoma (municipais, supramunicipais, comarcais e provinciais), unha vez aprobados polos órganos competentes.

c) Informar sobre os plans especiais de protección civil que elabore a Administración autonómica de Galicia, antes da súa aprobación polo órgano competente da Xunta de Galicia.

d) Propoñer á autoridade competente en materia de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia métodos tendentes a establecer unha política coordinada de tódalas administracións públicas en materia de protección civil.

e) Informar sobre as normas técnicas que se dicten no seu ámbito territorial en materia de protección civil.

f) Emitir informes e propoñer medidas preventivas e de protección ante os órganos competentes das diferentes administracións públicas.

g) Establecer criterios para a elaboración do cátalogo de medios e recursos mobilizables no ámbito da Comunidade Autónoma.

h) Propoñer ó Consello da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para a súa consideración ou elevación ós órganos correspondentes, a solicitude de declaración de zona catastrófica ou de reparación, de risco extraordinario, que afecte a parte ou á totalidade do territorio de Galicia.

i) Estudiar e propoñer ós organismos competentes a normalización, e se é o caso, a homologación de técnicas, medios e recursos que poidan ser empregadas en protección civil.

l) Coñece-los proxectos de normas regulamentarias referentes á organización e funcionamento dos servicios de prevención e extinción de incendios e salvamento, así como os relativos ó réxime estatutario dos seus funcionarios.

Artigo 5º

A Comisión Galega de Protección Civil funcionará en pleno ou en comisión permanente.

Artigo 6º

O Pleno da Comisión Galega de Protección Civil estará composto por:

-Presidente: o presidente da Xunta de Galicia, ou por delegación deste o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Vicepresidente: o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Vocais representantes da Xunta de Galicia: os directores xerais de Protección Civil; de Organización e Sistemas Informáticos; de Obras Públicas; de Transportes; de Centros de Inspección Educativa; de Industria; de Comunicación Social e Audiovisual; de Saúde Pública; de Asistencia Sanitaria; de Recursos Mariños; de Xustiza e Administración Local; de Relacións Laborais; de Interior; da Academia Galega de Seguridade; de Xuventude; de Montes e Medio Ambiente Natural.

-Vocais representantes da Administración local: un deputado representante de cada deputación provincial de Galicia, nomeado en cada pleno; e os alcaldes dos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo, ou concelleiros nos que deleguen, e catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Vocais representantes da Administración do Estado: tres representantes nomeados polo delegado do Goberno en Galicia.

-Vocais representantes das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil: unha persoa nomeada polos presidentes das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil inscritas no Rexistro de Agrupacións da Dirección Xeral de Protección Civil.

-Vocais representantes dos parques de bombeiros: unha persoa nomeada entre os xefes dos parques de bombeiros das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

-Secretario: o subdirector xeral de Protección Civil.

Artigo 7º

Ás sesións do pleno poderán ser convocados, con voz e sen voto, persoal da Xunta de Galicia que non sexa membro da devandita comisión, así como persoas de recoñecida competencia científica, técnica ou profesional, cando así cumpra pola natureza dos asuntos que se vaian debater.

Artigo 8º

A Comisión Galega de Protección Civil convocarase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario, cando o presidente ou a maioría dos seus membros o consideren necesario.

Artigo 9º

1. A Comisión Permanente garante a continuidade das actividades da Comisión Galega de Protección Civil entre plenos.

2. Son funcións da Comisión Permanente:

a) Elaborar informes, colaborar nas tarefas de programación e desenvolvemento de plans de protección

civil que debe executa-la Administración autonómica de Galicia, conforme o disposto na lexislación vixente.

b) Estudia-los mecanismos e sistemas de información á poboación, ós medios de comunicación, coas institucións públicas e privadas, asociacións, agrupacións e organizacións que estean implicadas ou relacionadas en situacións ou actuacións de protección civil.

c) Estudia-los fluxos e mecanismos de información coordinada entre as diferentes administracións implicadas en actuacións de protección civil.

d) Estudia-los mecanismos e fórmulas de enlace entre os diferentes Centros de Coordinación Operativos (Cecop) das distintas administracións con competencias en materia de protección civil, así como con centros de comunicación e coordinación de agrupacións, entidades privadas, asociacións e empresas.

e) Propoñe-los proxectos de accións preventivas en materia de protección civil.

f) Estudia-los programas e actuacións dirixidas á poboación civil no eido da protección civil.

g) Propoñer ó presidente da Comisión Permanente que inste o presidente da Comisión Galega de Protección Civil á convocatoria do pleno con carácter extraordinario, cando non corresponda a convocatoria ordinaria anual ou por outra circunstancia extraordinaria que se sinale de maneira expresa.

h) Emitir informe sobre as propostas de resolución de expedientes sancionadores cando así o solicite o órgano competente, por suposta infracción administrativa que así sexa tipificada na normativa vixente en materia de protección civil, cando a competencia sancionadora corresponda á Xunta de Galicia.

i) Calquera outra función que lle encomende o pleno ou o seu presidente.

Artigo 10º

A Comisión Permanente estará composta por:

-Presidente: o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións laborais, ou por delegación deste o director xeral de Protección Civil.

-Vicepresidente: o director xeral de Protección Civil.

-Vocais: cinco representantes da Administración autonómica e dous representantes da Administración xeral do Estado, nomeados de entre os seus membros pola Comisión Galega de Protección Civil; dous representantes da Administración local nomeados por cada súa representación no Pleno da Comisión Galega de Protección Civil, o representante das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e o representante dos parques de bombeiros que son

membros do Pleno da Comisión Galega de Protección Civil.

-Secretario: o subdirector xeral de Protección Civil.

Artigo 11º

A Comisión Permanente convocarase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó semestre, e con carácter extraordinario cando o seu presidente ou a maioría dos seus membros o considere necesario.

Artigo 12º

1. A Comisión Permanente poderá crear grupos de traballo, para os efectos do mellor cumprimento do seu labor e obxectivos.

2. A composición dos devanditos grupos de traballo será determinada pola propia Comisión Permanente, podendo participar neles persoas con coñecementos e experiencia profesional pertencentes a calquera Administración pública, institucións públicas e privadas, asociacións, agrupacións e empresas.

3. O secretario da Comisión Permanente presidirá, por delegación desta, os grupos de traballo.

Artigo 13º

A Dirección Xeral de Protección Civil asumirá as funcións de apoio técnico e administrativo dos distintos órganos da Comisión Galega de Protección Civil.

Sección segunda: das Xuntas Locais de Protección Civil como comités asesores a nivel local

Artigo 14º

As Xuntas Locais de Protección Civil, como comités asesores de protección civil a nivel local e entidades de apoio ó xefe local de protección civil (o alcalde), teñen as seguintes funcións:

* Propoñe-la elaboración do Pemu (Plan de Emexencias Municipal) e os plans especiais que considere necesarios, de acordo cos riscos do concello.

* Emitir informe con carácter previo á súa aprobación sobre os plans de protección civil elaborados.

* Supervisa-lo desenvolvemento, implantación, revisión e realización de simulacros e actualización dos plans.

* Promover e supervisa-lo cumprimento das medidas de prevención establecidas no Pemu.

* Promove-las campañas de formación e información cidadá, así como o adestramento daqueles sectores da poboación que se considere necesario, consonte a problemática de risco que os afecte.

* Analizar e avalia-lo desenvolvemento do Pemu una vez concluída a situación de emerxencia e propoñe-las correccións necesarias nel.

* Promover e impulsa-las medidas que considere necesarias no ámbito da protección civil.

* Informar e propoñe-las previsións económicas e de infraestructuras que sexan necesarias para o desenvolvemento das súas competencias.

Artigo 15º

A composición das Xuntas Locais de Protección Civil é a seguinte:

* O alcalde ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

* Os concelleiros con competencia en materia de protección civil e de seguridade.

* Un representante provincial da Xunta de Galicia con competencias en materia de protección civil.

* O xefe do Servicio de Bombeiros.

* O xefe da Policía Local.

* Os responsables técnicos municipais, en materia de protección civil, seguridade, medio ambiente, obras e servicios, e servicios sociais.

* Os xefes dos grupos operativos a nivel local previstos no Pemu.

* A autoridade civil municipal en materia de sanidade.

* O responsable da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil.

* O xefe da Policía Autonómica a nivel local.

* O representante da autoridade portuaria.

* Os xefes dos Corpos de Seguridade do Estado a nivel local.

* O presidente da Asemblea Local da Cruz Vermella.

Naqueles concellos que non exista algún destes representantes, formarán parte das Xuntas Locais de Protección Civil, a nivel preventivo, todas aquelas persoas que o presidente como máximo responsable de protección civil coide necesario, e a nivel operativo, os que o director do Pemu considere oportuno, no momento de activalo.

Sección terceira: a planificación da Protección Civil na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 16º

O Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga), que ten carácter de plan director, establece o marco organizativo xeral, en relación co ámbito territorial de Galicia, de maneira que permite a integración dos plans territoriais de ámbito inferior (comarcais, supramunicipais, municipais). Tamén quedan integrados no Platerga, ó ser plan director, os diferentes plans específicos de protección civil de ámbito territorial de Galicia que se elaboren para facer fronte a determinados riscos tales como nevaradas, temporais, aglomeracións humanas, salvamento en praias e outros singulares de Galicia.

Artigo 17º

O Plan Territorial de Protección Civil de Galicia (Platerga) é o instrumento de carácter técnico que comprende un conxunto de normas, plans sectoriais, plans específicos e procedementos de actuación que constitúen un sistema e dispositivo de resposta das administracións públicas fronte a calquera situación de emerxencia que se produza no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º

1. Son plans especiais os que se elaboran para facer fronte ós riscos específicos que sinala a norma básica de protección civil cando a súa natureza requira unha metodoloxía técnico-científica adecuada a cada un deles.

2. Os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda da Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil e homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil.

Artigo 19º

Os plans territoriais de protección civil, de ámbito inferior ó da Comunidade Autónoma (comarcais, supramunicipais e municipais) serán aprobados polo órgano competente da entidade local, e serán homologados pola Comisión Galega de Protección Civil.

Artigo 20º

Os plans específicos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, referidos a riscos específicos de Galicia que se indican no artigo 14º, serán aprobados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, por proposta do director xeral de Protección Civil, e homologado pola Comisión Galega de Protección Civil.

Artigo 21º

A Administración autonómica poderá solicitar información de calquera persoa, pública ou privada, no ámbito da súa competencia en materia de protección civil cando esta sexa necesaria para a elaboración e execución das normas e plans de protección civil, con obriga de ser subministrada tal información polos requiridos.

Artigo 22º

A aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia, así como a homologación dos plans que debe efectuar a Comisión Galega de Protección Civil, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Título II

Da coordinación na fase operativa dos servicios propios da Administración autonómica

Artigo 23º

O Comité Autonómico de Coordinación Operativa de Protección Civil da Xunta de Galicia é o órgano asesor do director do Platerga na Comunidade Autó

noma, e a nivel provincial, os catro Comités Provinciais de Coordinación Operativa de Protección Civil.

Artigo 24º

O Comité Autonómico de Coordinación Operativa de Protección Civil da Xunta de Galicia estará composto por:

-O director xeral de Protección Civil, que o presidirá.

-O subdirector xeral de Protección Civil, que actuará como vicepresidente.

-Un representante da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos; de Obras Públicas; de Transportes; de Centros de Inspección Educativa; de Industria; de Comunicación Social e Audiovisual; de Saúde Pública; de Asistencia Sanitaria; de Recursos Mariños; de Xustiza e Administración Local; de Relacións Laborais; de Interior; da Academia Galega de Seguridade; de Xuventude; de Montes e Medio Ambiente Natural, todos eles con categoría mínima de subdirector xeral, designados polo seu director xeral ou secretario xeral respectivo. Cada dirección xeral ou secretaría xeral designará ademais un representante suplente con categoría mínima de xefe de servicio.

-O xefe do Servicio de Planificación, que será o secretario.

Artigo 25º

Convocarase o Comité Autonómico de Coordinación Operativa de Protección Civil nas seguintes circunstancias:

* As situacións recollidas no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), así como nos diferentes plans específicos e especiais de Protección Civil de Galicia.

* Toda situación de risco, urxencia, emerxencia, catástrofe ou calamidade pública, na que se prevexa que exceda do ámbito territorial dunha provincia, ou naquela situación que sen exceder do ámbito provincial sexan insuficientes os recursos e medios da provincia.

* Calquera outra situación que o presidente do Comité Autonómico de Coordinación Operativa xulgue necesaria a súa convocatoria.

Artigo 26º

1. Os Comités Provinciais de Coordinación Operativa estarán compostos por tódolos delegados da Xunta de Galicia na provincia correspondente, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Actuará como secretario o xefe de servicio provincial de Protección Civil.

2. Cada delegado nomeará un suplente de entre os funcionarios da súa delegación, con categoría de xefe de servicio.

3. Os Comités Provinciais de Coordinación Operativa de Protección Civil estarán coordinados pola Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 27º

Convocarase o Comité Provincial de Coordinación Operativa de Protección Civil nos seguintes supostos:

-Aqueles establecidos no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, ou naqueles plans específicos ou especiais de ámbito territorial, tanto a nivel preventivo como operativo.

-Toda situación de risco, urxencia, emerxencia, catástrofe ou calamidade pública de ámbito local, cando sexan insuficientes os recursos e medios recollidos nos plans de protección civil de ámbito comarcal ou municipal, ou cando o solicite a autoridade local, ou naquelas situacións que así o requira a magnitude do suceso.

Artigo 28º

1. O Comité Autonómico e os Comités Provinciais de Coordinación Operativa de Protección Civil serán convocados normalmente en pleno, agás nos casos que a sectorialidade da situación aconselle unha convocatoria parcial.

2. Tódolos membros dos devanditos comités terán a obriga de estar localizables e permanentemente dispoñibles. O anteriormente disposto é aplicable tamén ós membros suplentes. Para isto a Dirección Xeral de Protección Civil disporá as medidas necesarias, coa colaboración e apoio das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 29º

Son funcións dos Comités de Coordinación Operativa de Protección Civil, tanto autonómicos como provinciais, e de maneira especial dos membros dela, ademais de apoiar e colaborar coa dirección do plan na aplicación e execución dos plans de Protección Civil, as de:

a) Na fase de alerta:

* Poñer á disposición do director do plan os servicios, recursos humanos e medios materiais dos departamentos da Administración autonómica que se prevexan poidan ser mobilizados en razón do nivel de risco.

* Face-lo seguimento da evolución e dos seus recursos e medios.

* Propoñerlle ó director do plan do respectivo comité o peche da situación de alerta, ou o pase á seguinte fase de emerxencia, cando o requira a situación.

b) Na fase de emerxencia:

* Mobiliza-los recursos humanos e medios materiais dos departamentos da Administración autonómica que se precisen conforme o tipo de emerxencia e a súa evolución.

* Proceder á desmobilización dos recursos e medios anteriores, unha vez rematada a fase de emerxencia.

Título III

Da coordinación na fase operativa con outras

administracións públicas

Artigo 30º

En cada plan de protección civil que elabore a autoridade competente da Xunta de Galicia establecerase a coordinación na fase operativa entre as diferentes administracións implicadas nel.

Co obxecto de coordina-las accións e actuacións das diferentes administracións públicas en situacións de risco, urxencia, emerxencia, catástrofe ou calamidade pública, así como a mobilización de medios e recursos recollidos nos distintos Plans de Protección Civil, que debe elabora-la Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido na norma básica de protección civil, en cada un deles indicaranse a composición e funcións dos comités de dirección, comités asesores e grupos de acción.

Artigo 31º

1. Os comités de dirección que se establezan nos plans especiais recollidos na norma básica de protección civil que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia, estarán constituídos por un representante da Administración autonómica e un representante da Administración xeral do Estado, recaendo a dirección do plan no representante da Comunidade Autónoma.

2. Cando estea presente o interese nacional que se recolle no artigo 1 da norma básica de protección civil, e o ámbito de aplicación sexa a Comunidade Autónoma de Galicia o representante da Comunidade Autónoma de Galicia será o director xeral de Protección Civil. Cando o ámbito de aplicación non exceda dunha provincia galega, o representante da Comunidade Autónoma será o delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 32º

Para a mobilización dos medios e recursos doutras administracións públicas establecidas nos plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceranse protocolos de actuación que permitan a rápida e efectiva mobilización dos medios e recursos.

Título IV

Da cooperación e da colaboración con

administracións públicas, organismos

e institucións públicas ou privadas

Artigo 33º

A Xunta de Galicia poderá establecer acordos, convenios e protocolos de colaboración e cooperación coa Administración do Estado para acada-los ópti

mos niveis de eficacia e de operatividade, tanto na fase preventiva como na operativa, e unha axeitada coordinación dos medios de información, dos sistemas de comunicación e dos recursos humanos e medios materiais.

Artigo 34º

A Xunta de Galicia poderá establecer acordos, convenios e protocolos de colaboración e cooperación coa Administración local de Galicia para unha mellor e máis efectiva coordinación interadministrativa, tanto na fase preventiva como na operativa, establecendo sistemas de información e medios de comunicación.

A Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios no campo da protección civil á Administración local.

Artigo 35º

A Xunta de Galicia poderá establecer convenios de cooperación ou de colaboración coas institucións e organismos públicos ou privados que estean relacionados coa protección civil, en materia de formación de protección civil, de promoción e de fomento da protección civil, e tamén con aqueles que dispoñan de recursos e medios mobilizables en actuacións de protección civil.

Título V

Dos Centros de Coordinación Operativos (Cecop)

Artigo 36º

1. O Centro de Coordinación Operativo é onde se realiza a dirección e coordinación de tódalas operacións recollidas nun plan de protección civil, dispoñendo de sistemas de enlaces con outros centros das diferentes administracións públicas. Determínase a situación dos centros de coordinación operativos (Cecop) para levar a cabo a dirección e a coordinación de tódalas operacións que se establecen no Plan Territorial de Protección Civil, incluídos os plans específicos integrados no Platerga, e plans especiais da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto na norma básica de protección civil, así como noutros plans de protección civil da Administración autónomica galega.

2. En función do ámbito territorial de aplicación dos plans de protección civil, indicados no punto anterior, disporase dun Cecop de ámbito territorial de Galicia, (Cecop-Galicia), situado en Santiago de Compostela, e catro Cecop de ámbito provincial, un en cada capital de provincia, denominados Cecop-provinciais.

Artigo 37º

Os Cecop poderán funcionar, se é o caso, como Centros de Coordinación Operativos Integrados (Cecopi), nos que se integrarán os mandos das diferentes administracións, tanto para a dirección e coordina

ción da emerxencia como para a transferencia de responsabilidades.

Artigo 38º

1. Os Cecop-provinciais, para levar a cabo a súa función, disporán dos medios técnicos dos que están dotadas as unidades provinciais de Protección Civil, e se é o caso, dos pertencentes ó Centro de Cooordinación para Operativos de Galicia (Cecop-Galicia).

2. Os Cecop disporán de sistemas de enlaces de comunicacións cos Centros de Coordinación Operativos da Administración Estatal en Galicia, así como cos Centros de Coordinación Operativos Locais (Cecopal) da Administración local de Galicia.

3. Desde os Cecop poderán establecerse sistemas de enlaces de comunicacións con centros de urxencia ou de emerxencia, así como con centros de comunicación, de carácter público ou privado, cos que previamente se establezan convenios ou protocolos de colaboración mutua.

Artigo 39º

Para aqueles plans de protección civil que estean pendentes de aprobación ou ante unha situación non establecida nos plans, a constitución, dirección e coordinación dos Cecop, realizaraa a Dirección Xeral de Protección Civil ou o órgano designado por esta.

Artigo 40º

As centrais de comunicación e centros de emerxencia dependentes da Xunta de Galicia, así como os establecidos no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma, poderán ser integrados no Cecop durante o tempo que estea o plan activado e cando a dirección do plan o coide conveniente.

Título VI

Sevicio de emerxencias un un dous (112)

Artigo 41º

Establécese en todo o territorio de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia o servicio de atención de emerxencias a través dun número telefónico único, co fin de ofrecer ó cidadán un acceso rápido e sinxelo ós servicios públicos de prestación de asistencia ás urxencias.

O servicio de emerxencias único europeo prestarase, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do número telefónico un un dous (112).

Artigo 42º

O servicio ten por obxecto atende-las chamadas realizadas polos cidadáns ante situacións de emerxencia, darlles o tratamento correspondente a estas e dirixilas ós centros de atención dos servicios públicos que deberán prestar a asistencia obxecto da chamada.

O servicio non comprenderá a prestación material da asistencia requirida.

Artigo 43º

Este servicio poderá tamén utilizarse para requirir, no caso de urxente necesidade, a asistencia dos servicios competentes en materia de atención de emerxencias, urxencias sanitarias, de extinción de incendios e salvamento, de seguridade cidadá e de protección civil, calquera que sexa a Administración pública da que dependa.

Para garanti-la atención axeitada das chamadas, dándolle resposta rápida, ordenada e eficaz, a Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de adapta-las medidas necesarias en relación cos servicios dela dependentes, establecerá os acordos ou convenios de colaboración que sexan precisos, cando tales servicios estean baixo a dependencia doutras administracións, e se é o caso, de institucións e/ou entidades públicas ou privadas que actúen en situacións de emerxencia.

Artigo 44º

O órgano competente en materia de protección civil da Xunta de Galicia exercerá as funcións a que se refire o presente título, sin prexuízo das que poidan corresponder a outros órganos da Xunta de Galicia.

O servicio de atención de chamadas regulamentado neste título, será prestado, de forma exclusiva, a través da Central de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Para que as prestacións do teléfono único un un dous (112) sexan eficaces e eficientes, o órgano competente en materia de protección civil da Xunta de Galicia será o seu responsable único do seu control e inspección. Así mesmo, consensuará os protocolos de actuación operativo entre tódolos servicios que interveñen, preservando, se é o caso, as liñas xerárquicas propias de cada servicio.

Título VII

Das comisións técnicas de protección civil

Artigo 45º

Son comisións técnicas de protección civil as que se creen con tal carácter co obxecto de atende-las necesidades específicas dos diferentes sectores relacionados coa protección civil que así o requiran para unha mellora na súa planificación e operatividade.

Capítulo I

Da Comisión Galega de Risco de Incendios

Artigo 46º

A Comisión Galega de Risco de Incendios, creada polo Decreto 208/1993, terá as seguintes funcións:

a) Analizar e avalia-la problemática de incendios en Galicia e realiza-las propostas de solución.

b) Analiza-las medidas e propoñe-la adaptación das disposicións relacionadas coas condicións técnicas de protección en edificacións urbanas e industriais, en coordinación coas consellerías correspondentes.

c) Estudiar e propoñer criterios para a correcta interpretación e a homoxénea aplicación das disposicións legais en materia de incendios.

d) Analizar e recoller, se procede, os avances en materia de protección de incendios.

e) Asesora-la Comisión Galega de Protección Civil e a outros organismos en materia da súa competencia.

f) Propoñerlle á Academia Galega de Seguridade a realización e aprobación dos programas e cursos de formación dos profesionais na prevención, defensa e loita contra os incendios na Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Emitir informes sobre os regulamentos dos corpos de prevención, defensa, loita e intervención en incendios.

h) En xeral, desenvolver cantos traballos relacionados coa materia técnica da súa esfera se consideren precisos e lle sexan encomendados pola presidencia, e polo pleno da Comisión Galega de Protección Civil.

Artigo 47º

A Comisión Galega de Risco de Incendios funcionará en pleno ou en comisión permanente.

Artigo 48º

O Pleno da Comisión Galega de Risco de Incendios está composto por:

-Presidente: o director xeral de Protección Civil.

-Vicepresidente: o subdirector xeral de Protección Civil.

-Vocais:

Dous xefes de servicio provinciais de Protección Civil.

Os xefes dos parques de bombeiros das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela.

Un xefe por cada cinco dos restantes parques de bombeiros de Galicia, nomeados entre eles.

Un representante da Academia Galega de Seguridade.

Un representante da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Un representante da Dirección Xeral de Industria.

Un representante da Dirección Xeral de Urbanismo.

Tres persoas de recoñecida competencia en materia de incendios, designados polo presidente da Comisión Galega de Protección Civil.

-Secretario: o xefe de Servicio de Planificación da Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 49º

1. A Comisión Permanente garante a continuidade das actividades da comisión entre plenos.

2. As súas funcións son:

a) Estudia-la problemática técnica dos incendios urbanos e industriais, no detalle que sexa preciso, e das súas posibles solucións en Galicia, dando conta ó Pleno da Comisión Galega de Risco de Incendios.

b) Colaborar e participar na elaboración da normativa contraincendios en edificios, e na súa adaptación ás necesidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estudia-los programas e actuacións que en materia de prevención e de información se dirixan á poboación no eido dos incendios urbanos e industriais.

d) Propoñer ó pleno os plans, programas e proxectos de acción preventiva, así como en información e formación, e propostas en materia de normativa legal.

e) Calquera outra función que lle encomende o pleno ou o seu presidente.

3. A Comisión Permanente da Comisión Galega de Risco de Incendios estará composta por:

-Presidente: o subdirector xeral de Protección Civil.

-Vocais: os dous xefes de servicio provinciais de Protección Civil, dous xefes dos parques de bombeiros dos que forman parte do pleno da Comisión Galega de Risco de Incendios, nomeados entre eles, e unha persoa de recoñecido prestixio.

-Secretario: o xefe de Servicio de Planificación da Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 50º

1. O Pleno será convocado polo presidente, con carácter ordinario, polo menos unha vez ó ano, e con carácter extraordinario, cando o considere necesario o mesmo presidente ou a maioría dos membros integrantes do pleno.

2. A Comisión Permanente convocarase cando o considere necesario o seu presidente ou a maioría dos seus membros.

Artigo 51º

Ás sesións do pleno ou da Comisión Permanente poderán ser convocados tamén, con voz e sen voto, técnicos de recoñecida competencia na materia, cando así o consideren oportuno o pleno, a comisión permanente ou o presidente.

Capítulo II

Da Comisión Galega do Risco Químico

Artigo 52º

A Comisión Galega do Risco Químico, creada polo Decreto 208/1993, terá as seguintes funcións:

a) Asesora-la Comisión Galega de Protección Civil en temas relacionados co risco químico.

b) Avaliar e facer uso da información relativa ó risco químico.

c) Elaborar informes técnicos sobre os plans de emerxencia de risco químico.

d) Propoñer instruccións técnicas sobre o risco químico.

e) Promover actividades divulgativas sobre autoprotección en emerxencias derivadas de actividades industriais.

Artigo 53º

A Comisión Galega do Risco Químico será convocada cando o consideren oportuno o seu presidente ou a maioría dos seus membros.

Artigo 54º

A Comisión Galega do Risco Químico estará constituída por:

-Presidente: o director xeral de Protección Civil.

-Vicepresidente: o subdirector xeral de Protección Civil.

-Vocais:

Da Administración autonómica, un representante por cada unha das direccións xerais de Industria, Saúde Pública, e Calidade e Avaliación Ambiental.

Dous xefes de servicio provinciais de Protección Civil.

Un representante técnico das delegacións en Galicia das seguintes entidades: Federación Española de Industria Química; Asociación de Empresas da Industria do Refinamento do Petróleo; Comisión de Seguridade das Industrias Siderometalúrxicas; e Asociación de Transportistas de Mercadorías Perigosas.

Tres persoas de recoñecida competencia en materia de riscos químicos designadas polo presidente da Comisión Galega de Protección Civil.

A Administración xeral do Estado poderá designar un representante técnico na comisión se o considera conveniente.

-Secretario: o xefe de Servicio de Planificación da Dirección Xeral de Protección Civil.

Artigo 55º

A Comisión Galega do Risco Químico funcionará en pleno ou en comisión permanente.

Capítulo III

Da Comisión Galega de Transporte

de Mercadorías Perigosas

Artigo 56º

Créase a Comisión Galega de Transporte de Mercadorías Perigosas.

Artigo 57º

A Comisión Galega de Transporte de Mercadorías Perigosas terá as seguintes funcións:

a) Asesora-la Comisión Galega de Protección Civil en temas relacionados co transporte de mercadorías perigosas.

b) Realizar estudios, informes e propostas para a elaboración do Plan de Emerxencia do transporte de mercadorías perigosas en Galicia.

c) Realiza-la revisión e actualización do dito plan.

d) Propoñer instruccións técnicas sobre este tipo de risco en Galicia.

e) Incentiva-las actividades divulgativas sobre autoprotección en emerxencias derivadas do transporte de mercadorías perigosas.

Artigo 58º

A Comisión Galega de Transporte de Mercadorías Perigosas será convocada cando o consideren oportuno o seu presidente ou a maioría dos seus membros.

Artigo 59º

A Comisión Galega de Transporte de Mercadorías Perigosas estará constituída por:

-Presidente: o director xeral de Protección Civil.

-Vicepresidente: o subdirector xeral de Protección Civil.

-Vocais:

Da Administración autonómica, un representante de cada unha das direccións xerais de Obras Públicas, Transportes, Industria, Recursos Mariños, e Calidade e Avaliación Ambiental.

Un representante de Feique (Federación Española da Industria Química).

Un representante das Asociacións de Transportistas de Mercadorías Perigosas.

A Administración xeral do Estado poderá designar tres representantes técnicos na comisión se así o considera.

Tres persoas de recoñecida competencia nesta materia designadas polo presidente da Comisión Galega de Protección Civil.

-Secretario: o xefe de Servicio de Planificación da Dirección Xeral de Protección Civil.

Capítulo IV

Da Comisión de Seguridade Vial

da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 60º

Créase a Comisión de Seguridade Vial da Comunidade Autónoma de Galicia, como órgano coordinador e asesor de protección civil en materia de seguridade vial.

Artigo 61º

A Comisión de Seguridade Vial da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das competencias que nesta materia teña a Comunidade Autónoma, terá as seguintes funcións:

a) Estudiar e informa-lo Plan de Seguridade Vial da Comunidade Autónoma de Galicia elaborado pola Dirección Xeral de Protección Civil.

b) Propoñer á Comisión Superior de Tráfico e Seguridade Vial de Galicia o Plan de Seguridade Vial da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estudiar e informa-los Plans de Emerxencia Vial da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Informar e estudia-las propostas das campañas de información, divulgación e control da seguridade vial na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Aqueloutras que se lle poidan encomendar polos organismos competentes en materia de seguridade vial.

Artigo 62º

A Comisión de Seguridade Vial da Comunidade Autónoma de Galicia será convocada cando o consideren oportuno o seu presidente ou a maioría dos seus membros.

Artigo 63º

A Comisión de Seguridade Vial da Comunidade Autónoma de Galicia estará constituída por:

-Presidente: o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-Vicepresidente: o director xeral de Protección Civil.

-Vocais:

Da Administración autonómica: os directores xerais de Obras Públicas, Transportes, Centros e Inspección Educativa, Industria, Saúde Pública e Academia Galega de Seguridade, dos que catro formarán parte como vocais na Comisión Galega de Tráfico e Seguridade da Circulación Vial.

Tres representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Secretario: o subdirector xeral de Protección Civil.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 208/1993, do 3 de setembro, e o Decreto 168/1994, do 2 de xuño, e as demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó presente decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para adopta-las medidas necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais

11920