Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Luns, 22 de febreiro de 1999 Páx. 1.963

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/1999, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social.

Conforme o establecido no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, en concordancia co artigo 148.1.20 da Constitución española, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Na súa virtude, foi promulgada a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social, que se fai eco da preocupación e da demanda da sociedade galega sobre medidas protectoras eficaces ante a problemática da pobreza e da exclusión social.

A devandita lei, xurdida no marco da concertación social, configurou un verdadeiro plan de loita contra a pobreza, no que se establecen tres programas básicos:

1) A renda de integración social de Galicia, que combina, xunto cunha prestación económica que garante uns mínimos de subsistencia, un proxecto de inserción axeitado ás circunstancias do beneficiario.

2) As axudas económicas de emerxencia social, tendentes a paliaren situacións extraordinarias de necesidade relativas a vivenda, atención sanitaria, instrucción, alimentación e vestido ou outras de natureza análoga, non cubertas polos diferentes sistemas de protección.

3) Os programas de desenvolvemento integral comunitario, co obxecto de establece-las bases dunha actuación integrada e multisectorial dos diversos departamentos da Xunta de Galicia.

Á súa vez, na disposición transitoria primeira, apartado segundo, da devandita lei, introduciuse a autorización, á Xunta de Galicia, para reduci-lo nivel de esixencia nos requisitos establecidos no artigo 9.1.a) dela, para os efectos de concesión das prestacións económicas da renda de integración.

Neste contexto, e transcorridos varios anos de aplicación da lei, nos que se efectuou un continuo seguimento e avaliación dos programas, tanto desde o punto de vista da xestión e da implantación das prestacións coma do perfil dos beneficiarios, considérase oportuno e necesario proceder a modificar cuestións substanciais da norma, co fin de acada-la súa mellor adecuación ós fins propostos.

As novidades que se introducen contan cun amplo consenso dos interlocutores sociais presentes na Mesa Autonómica de Avaliación e Seguimento da Renda de Integración Social e afectan principalmente os seguintes aspectos:

1) A configuración da renda de integración social de Galicia como unha verdadeira renda familiar, introducindo o concepto de unidade de convivencia,

de forma que sexa a unidade familiar vinculada economicamente ó solicitante a destinataria desta prestación, superando a actual indefinición do concepto de fogar independente e utilizando un elemento de clarificación e uniformidade en relación con outras prestacións sociais.

2) A flexibilización dalgúns dos requisitos actualmente esixidos: reducción do tempo previo de empadroamento; reducción da idade mínima para acceder á renda de integración social ós 18 anos nos supostos de persoas minusválidas que, cumprindo o resto dos requisitos, non perciban prestación ou axuda de igual ou análoga natureza...

3) Axilización dos procedementos, tanto de solicitude coma de concesión e resolución das axudas.

4) Dotar de representación os concellos no ámbito das mesas provinciais e autonómica.

5) Así mesmo, e polo que respecta ás axudas de emerxencia, poténciase o carácter extraordinario e urxente das necesidades que se pretenden cubrir e da emerxencia das situacións que as provocan, suprimindo a actual tipoloxía delas. Con esta configuración preténdese paliar situacións que dean lugar a novos procesos de exclusión e evita-la duplicidade de liñas de axuda para os mesmos conceptos e a superposición e interferencia con outras prestacións que outorgan as distintas consellerías no exercicio das súas propias competencias.

Por último, introdúcense modificacións técnicas e de redacción, tendentes á adecuación da lei á regulación que dos servicios sociais de atención primaria establece a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social.

Artigo único.

Modifícanse os artigos 5, 6, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17, 20, 22, 23, 24, 25, 27, 29, 30, 31, 32, 33, 34, 35, 36, 37, 38, 41, 42, 43, 44, 45, 46, 48, 49, 50 e 51 e mailas disposicións adicionais primeira, segunda e terceira da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, que quedan redactados do seguinte xeito:

Artigo 5

Correspóndelle á consellería competente en materia de servicios sociais o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración das normas de desenvolvemento desta lei.

b) O control e a avaliación xeral da aplicación das medidas previstas nesta lei, sen prexuízo do establecido no capítulo oitavo do título primeiro.

c) A concesión, a modificación, a suspensión, a extinción, a denegación e o pagamento da renda de integración social de Galicia e das axudas para situacións de emerxencia social.

d) A proposta dos programas que se incluirán no anteproxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A potenciación da rede de servicios sociais de atención primaria precisos para a eficaz aplicación das medidas de inserción regulada nesta lei, sen prexuízo do establecido no artigo seguinte.

f) A elaboración dos estudios de pobreza, das causas desta e da súa localización social e territorial, así como das consecuencias, que permitan a realización dun mapa de pobreza en Galicia e a súa actualización.

g) A proposta de convenios con outras comunidades autónomas que permitan o mantemento de dereitos adquiridos ou en curso de adquisición por beneficiarios veciños das respectivas comunidades autónomas en virtude do principio de reciprocidade.

Artigo 6

Correspóndelles ós concellos da Comunidade Autónoma de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) En cooperación coa Xunta de Galicia, coas deputacións provinciais e cos órganos competentes da Administración xeral do Estado, implantar e desenvolve-los servicios sociais de atención primaria precisos para a aplicación do disposto nesta lei, de acordo coa lexislación vixente na materia.

b) Cooperar coa Xunta de Galicia na aplicación desta lei nos termos establecidos nela.

c) Mellorar con cargo ós orzamentos as axudas para situacións de emerxencia social, de acordo coas condicións establecidas no título segundo, sen prexuízo de que poidan subscribir convenios coa Xunta de Galicia co fin de asumi-la xestión única destas, logo da transferencia dos créditos que lles correspondan.

Artigo 8

1. Os perceptores de pensións ou axudas de carácter público, contributivas ou non contributivas, só terán dereito, sempre que cumpran tódolos requisitos establecidos no capítulo seguinte, á incorporación ós proxectos de inserción, sen prexuízo do establecido no artigo 13.3 desta lei.

2. Non obstante, terán tamén dereito ó subsidio básico e mais ó complemento variable aqueles que por teren cargas familiares tivesen dereito a prestacións de protección á familia, de acordo coa lexislación en vigor nos termos establecidos no artigo 14.

3. Igualmente poderá acceder ó proxecto de inserción quen, podendo obte-las prestacións sinaladas no número 1 deste artigo, non exercitase as accións pertinentes para o seu recoñecemento.

Artigo 9

1. Poderán ser beneficiarias da renda de integración social de Galicia, nas condicións previstas nesta lei, aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter residencia efectiva e estar empadroadas en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega alomenos durante o ano inmediatamente anterior á formulación da solicitude.

Quedan eximidas do cumprimento deste requisito dun ano:

-Aquelas persoas que, procedentes doutras comunidades autónomas do Estado español, sexan beneficiarias do salario social na Comunidade Autónoma da que proceden, sempre que na lexislación desa Comunidade se recolla a reciprocidade.

-Os emigrantes galegos, nos termos sinalados no artigo 3 do Estatuto de autonomía para Galicia, cando fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma.

Os cidadáns doutros estados precisarán, ademais, o correspondente permiso de residencia en España con cinco anos de antelación á data da formulación da solicitude.

b) Ter constituída unha unidade de convivencia independente, vinculada economicamente ó solicitante.

c) Que teñan unha idade comprendida entre os 25 e os 65 anos.

Non obstante, tamén poderán ser beneficiarias:

-As persoas menores de 25 anos que, reunindo o resto dos requisitos deste artigo, teñan menores ó seu cargo.

-As persoas maiores de 18 anos que, tendo recoñecida a condición de minusválidos, non teñan dereito a prestación ou axuda de igual ou análoga natureza.

-As persoas maiores de 18 anos que, antes de acadaren a maioría de idade, estivesen tuteladas pola Xunta de Galicia e internadas en centros de protección de menores.

-As persoas maiores de 18 anos en situación de orfandade absoluta que, reunindo os demais requisitos deste artigo, non teñan dereito a outras prestacións ou axudas de análoga natureza.

d) Dispoñer duns recursos inferiores á contía da prestación económica da renda de integración social de Galicia que lles corresponderá considerando a súa situación económica e familiar de acordo co artigo 12 desta lei.

e) Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestarlles alimentos de acordo coa lexislación civil. A xuízo do órgano de resolución, poderanse eximir deste requisito aqueles solicitantes dos que se prevexa que a obriga de alimento non se poida facer efectiva por malos tratos,

relacións familiares deterioradas ou inexistentes, das que exista constancia no expediente.

Non obstante, considérase que non teñen a obriga de prestar alimentos os parentes que, en atención ás circunstancias socioeconómicas concorrentes, non poden facer fronte ou atende-las necesidades básicas da unidade familiar solicitante sen desatende-las propias necesidades ou as dos familiares ó seu cargo. As circunstancias constarán claramente no informe social correspondente.

2. Para os efectos do disposto neste artigo, enténdese por residencia efectiva aquela que habite o solicitante por tempo superior a seis meses nun período de doce.

Artigo 10

1. Unicamente se concederá unha renda de integración social de Galicia por unidade de convivencia independente.

2. Para os efectos previstos nesta lei, considerarase unidade de convivencia independente as persoas que vivan soas, e, se é o caso, o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por adopción ou acollemento ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao respectivamente.

3. Malia o anterior, cando nunha unidade de convivencia existan persoas con menores ó seu cargo, considerarase que constitúen unha unidade de convivencia independente.

4. A unidade de convivencia independente beneficiaria non perderá esta condición cando por causa de forza maior, accidente ou desafiuzamento se vexa obrigada a residir con outra.

5. Regulamentariamente determinaranse os supostos do marco físico de residencia colectiva que poidan ser considerados unidade de convivencia independente para os efectos deste artigo.

Artigo 11

A prestación económica da renda de integración social de Galicia estará integrada por un subsidio básico, un complemento variable en función dos membros que compoñan a unidade de convivencia independente e, se é o caso, un complemento de inserción.

Artigo 12

1. A contía do subsidio básico será equivalente ó importe mensual da pensión non contributiva individual, fixada na lexislación específica que resulte aplicable.

2. A contía do complemento variable, en función do número de membros da unidade de convivencia independente, quedará fixada anualmente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada exercicio.

3. O importe que percibirá cada beneficiario estará constituído pola diferencia entre a contía mensual da renda de integración social de Galicia, que conforme este artigo lle correspondese, e a dos recursos económicos dos que dispoña, computados de acordo co artigo 14, e en ningún caso poderá supera-lo límite do salario mínimo interprofesional.

Artigo 13

1. A contía do complemento de inserción que nos correspondentes proxectos se poida establecer será determinada en función das súas especiais características, dedicación e gastos que implique.

2. O importe deste complemento non se computará para efectos da determinación do tope máximo ó que se refire o punto 3 do artigo anterior.

3. Poderá beneficiarse deste complemento toda persoa que, non sendo perceptora da renda de integración social de Galicia, estea incorporada a un proxecto de inserción.

Artigo 14

Para os efectos previstos nesta lei, entenderanse como recursos económicos o conxunto de ingresos dos que dispoña a unidade de convivencia independente, computados do seguinte xeito:

1) O total de ingresos correntes regulares que perciba, no mes anterior á formulación da solicitude, o solicitante ou as persoas que constitúan a unidade de convivencia en concepto de retribucións, rendas, pensións, prestacións, axudas, subsidios ou por calquera outro.

2) Os ingresos irregulares, tanto na súa contía coma na súa periodicidade, pola media dos obtidos durante os seis meses anteriores á formulación da solicitude.

En todo caso non se considerarán como ingresos aquelas achegas esporádicas que unicamente resulten un complemento de sobrevivencia.

3) As cantidades percibidas en concepto de pagamento único, así como os depósitos bancarios, contas correntes, de aforro, dereitos de crédito ou similares, do xeito establecido no punto 2.

4) Asemade terán a consideración de recursos económicos os bens mobles ou inmobles sobre os que se posúa un dereito de propiedade, posesión, usufructo ou calquera outro que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indiquen a existencia de medios suficientes para a subsistencia dos membros da unidade de convivencia, excepción feita da vivenda destinada a uso dela, sempre que a súa valoración catastral non supere dez anualidades do salario mínimo interprofesional vixente.

5) Regulamentariamente estableceranse os ingresos de carácter finalista, que serán excluídos do cómputo para os efectos do previsto neste artigo.

Artigo 15

O beneficiario terá dereito a percibi-la prestación económica da renda de integración social de Galicia desde o día primeiro do mes seguinte a aquel no que se dicte a resolución.

A resolución pola que se concede ou denega a solicitude deberá dictarse no prazo máximo de tres meses, contados a partir do día de rexistro da petición inicial. Transcorridos tres meses sen dictarse a resolución, outorgarase a prestación provisionalmente, en tanto non se resolva definitivamente a solicitude, sempre que a demora non se deba a causa imputable ó solicitante e á solicitude se achegasen os documentos ós que fai referencia o punto 1 do artigo 24 desta lei.

Artigo 17

1. O proxecto de inserción será elaborado partindo das necesidades e características de cada caso, de tal xeito que procure a autonomía persoal, familiar e económica do beneficiario e acade a súa integración social e/ou laboral.

2. Por cada unidade de convivencia independente destinataria da renda de integración social de Galicia deberá elaborarse polo menos un proxecto de inserción. Serán beneficiarias deste a persoa ou as persoas maiores de idade que a xuízo dos servicios sociais de atención primaria ou, se é o caso, do órgano de resolución estean en mellor disposición e aptitude para acada-la integración que se pretende.

Artigo 20

1. Co fin de impulsar medidas de apoio ó emprego social protexido ou emprego suplementario, a Xunta de Galicia, regulamentariamente, establecerá os termos e as condicións polos que se rexerán as axudas e subvencións ás entidades públicas ou privadas que creen postos de traballo e empregos non productivos para actuacións de interese social, cultural ou ecolóxico.

2. En todo caso, o regulamento deberá preve-los seguintes extremos:

a) A remuneración salarial e as demais condicións de traballo axustaranse á lexislación laboral vixente, constituíndose as entidades subvencionadas en empresarios respecto dos traballadores contratados ó abeiro destas medidas.

b) Os contratos deberán ser de xornada completa, terán unha duración mínima de seis meses e non deberán supoñer unha reducción do cadro de persoal habitual na entidade contratante.

c) Os beneficiarios contratados consonte esta medida causarán baixa como perceptores da prestación económica da renda de integración social de Galicia.

3. Cando as entidades subvencionadas sexan corporacións locais deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ter implantados servicios sociais comunitarios ou ter subscrito concerto para a súa implantación.

b) Cumpri-las disposicións vixentes en materia laboral, de Seguridade Social e de seguridade e hixiene no traballo.

c) Achegar un responsable da dirección das tarefas, así como dos recursos materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades.

4. Cando as actividades que se van subvencionar sexan de iniciativa social deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Asociacións e Outras Entidades de Iniciativa Social da Xunta de Galicia.

b) Cumpri-las disposicións vixentes en materia laboral, de Seguridade Social e de seguridade e hixiene no traballo.

c) Achegar un responsable da dirección das tarefas, así como dos recursos materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades.

Artigo 22

1. A renda de integración social de Galicia seralle outorgada ó beneficiario mentres subsistan as causas que motivaron a súa concesión.

2. A revisión das condicións do seu outorgamento e a avaliación dos resultados acadados efectuaranse cada doce meses. A resolución decidirá sobre a renovación, modificación ou extinción, sen prexuízo do establecido nos artigos 23 e 32 desta lei.

3. A prestación entenderase prorrogada en defecto de resolución expresa.

Artigo 23

Os beneficiarios da renda de integración social de Galicia quedan obrigados a:

1) Destina-lo importe da prestación ó fin para o que se concede.

2) Participar nas accións ou actividades que se determinen de acordo co beneficiario dentro do proxecto de inserción.

3) Escolariza-los menores ó seu cargo que estean en idade escolar obrigatoria, garantindo a súa asistencia ó centro de ensino que corresponda. A devandita asistencia acreditarase debidamente.

4) Non exerce-la mendicidade nin a prostitución, nin inducir ou compeler á práctica de calquera delas a ningún membro da unidade de convivencia.

5) Comunica-las variacións sobrevidas que, de conformidade con esta lei, puidesen dar lugar á modificación, suspensión ou extinción da prestación.

6) Exercitar cando o órgano competente para a resolución o estime conveniente, á vista dos informes que consten no expediente e no prazo que se estableza na correspondente resolución, calquera dereito económico que puidese corresponderlles segundo a lexislación vixente.

7) Cantas outras obrigas deriven do obxecto e da finalidade da renda de integración social de Galicia.

Artigo 24

1. O recoñecemento da renda de integración social de Galicia realizarase logo de solicitude do interesado, mediante a presentación no seu concello do modelo normalizado pola consellería competente, ó que deberá acompaña-los documentos necesarios para xustifica-lo cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 9 e aqueloutros que se puidesen determinar regulamentariamente.

Asemade e xunto coa solicitude da renda de integración social de Galicia, o interesado deberá facer consta-la súa autorización para que o órgano de resolución poida verifica-la certeza dos datos alegados en calquera organismo público.

2. As entidades locais, a través dos equipos técnicos dos servicios sociais de atención primaria municipais correspondentes, elaborarán un informe social no que se valore a procedencia, ou non, da aplicación da renda de integración social de Galicia, así como, se é o caso, a proposta dun proxecto de inserción, de acordo co disposto nesta lei.

3. O informe sinalado no punto anterior salientará o perfil sociolóxico e unha valoración sobre as posibilidades de inserción social e/ou laboral, indicando, neste último suposto, qué centros ou institucións adecuados existen no contorno do beneficiario. Así mesmo, salientará cantos datos se estimen pertinentes para poñer de manifesto: a existencia dunha unidade de convivencia independente; o número de persoas que conviven, xunto coa información sobre minusvalidez que poida afectar algún dos seus membros; e a descrición do fogar e da posible existencia de persoas ou familiares con obriga legal e posibilidade real de prestación de alimentos.

4. A proposta do proxecto de inserción deberá contar co asentimento da persoa interesada ou, no caso contrario, coas razóns invocadas por ela para o seu rexeitamento.

5. O concello de residencia, no prazo dun mes desde a recepción da solicitude, remitiralle os informes, a proposta de resolución e maila restante documentación necesaria para poder continua-la tramitación do expediente á delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais, para a súa cualificación e posterior resolución. De non se remitir no prazo sinalado, dado o carácter determinante para a resolución do procedemento, sen prexuízo da responsabilidade na que incorre o responsable da demora, quedará interrompido o prazo para resolve-lo expediente, de conformidade co prevido no artigo 83.3 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Excepcionalmente, naqueles casos nos que a situación do beneficiario o faga imprescindible, poderá realiza-la solicitude ó seu nome o propio concello; sen embargo, non se resolverá favorable

mente o expediente mentres o interesado non asuma o proxecto de inserción social e/ou laboral que, por proposta dos servicios sociais de atención primaria, sexa aprobado polo órgano de resolución da renda de integración social de Galicia.

Artigo 25

Tanto no ámbito autonómico coma en cada delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais constituiranse con carácter permanente unidades técnico-administrativas de apoio ó órgano de resolución coa composición e as funcións que regulamentariamente se determinen.

Artigo 27

Os órganos competentes para a resolución poderán comprobar, a través dos organismos públicos e privados correspondentes, a veracidade dos datos que consten no expediente.

Artigo 29

1. Cando o órgano competente lle impoña ó beneficiario ou a calquera dos membros da unidade de convivencia independente a obriga sinalada no artigo 23.6 desta lei, deberá informalos sobre os dereitos que os asistan e os trámites necesarios para a interposición da correspondente demanda ou execución de sentencia.

2. No suposto de que a demanda prospere, o órgano competente dictará a oportuna resolución pola que se modifica ou extingue, se é o caso, o dereito á renda. Asemade o beneficiario, a partir da execución da sentencia, virá obrigado a devolver unha contía igual á obtida ata o límite da prestación económica da renda de integración social de Galicia que viñese percibindo. Non obstante, poderá acordarse o pagamento aprazado ou mesmo a condonación desta obriga, en función das circunstancias económicas concorrentes na persoa beneficiaria.

Artigo 30

A modificación sobrevida do número de membros da unidade de convivencia ou dos recursos económicos que serviron de base para o cálculo da prestación económica da renda de integración social de Galicia dará lugar á minoración ou ó aumento que proceda a partir do mes seguinte a aquel no que teña lugar. A comunicación de tales circunstancias farase a través dos servicios sociais de atención primaria correspondentes.

Artigo 31

1. Cando os recursos económicos, computados de acordo co artigo 14, superen, en cómputo mensual, por un período inferior a seis meses, a prestación económica da renda de integración social de Galicia correspondente en cada caso, suspenderase o seu aboamento e reiniciarase por instancia do beneficiario cando decaian as circunstancias que o motivaron.

2. Igualmente, será causa de suspensión a imposibilidade sobrevida, por parte do beneficiario, de

cumpri-las obrigas asumidas, ou que sexa declarado legalmente incapacitado. Neste suposto, en función das circunstancias concorrentes, poderá acordarse o aboamento da prestación a outro membro da unidade de convivencia, modificando, se procede, a súa contía mentres subsistan as citadas causas.

Artigo 32

1. As prestacións da renda de integración social de Galicia extinguiranse por:

a) A perda dalgún dos requisitos esixidos para o seu recoñecemento, sen prexuízo do establecido no punto 1 do artigo anterior.

b) O falecemento do beneficiario, suposto no que será aplicable o disposto no punto 2 do artigo 31, mentres tramite nova solicitude outro membro da unidade de convivencia independente.

c) O incumprimento das obrigas previstas no artigo 23 desta lei por causas imputables ó beneficiario.

d) O mantemento das causas que deron lugar á suspensión cautelar previstas no artigo 31 por tempo superior a seis meses.

e) A ocultación, o falseamento de datos ou calquera outra actuación fraudulenta dirixida a obter ou conserva-la prestación económica, sen prexuízo do disposto no artigo 392 do Código penal.

f) O traslado da súa residencia efectiva a un concello que non estea comprendido no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que se produza a circunstancia sinalada no artigo 5.g) desta lei.

g) O transcurso de catro anos consecutivos na súa percepción.

2. Nos supostos nos que a extinción do dereito se producise en virtude do incumprimento das obrigas establecidas nos apartados 1, 2, 3 e 4 do artigo 23 ou en virtude do establecido na alínea e) do apartado 1 anterior, por causa imputable ó beneficiario, así como na alínea g) do apartado 1 anterior, non se lle poderá recoñecer un novo dereito á renda de integración social de Galicia, ata que transcorran dous anos desde a data na que se dictase a resolución da extinción do dereito.

3. A extinción terá efectos económicos desde o día primeiro do mes seguinte a aquel no que se producisen os motivos que a provocasen. As cantidades que, se é o caso, percibisen indebidamente os beneficiarios deberán ser reintegradas ou, se é o caso, poderán ser compensadas con cargo a futuros dereitos á renda de integración social que lles puidesen ser recoñecidos.

4. Non obstante, poderase recoñecer un novo dereito á renda de integración social de Galicia se durante o transcurso do período de dous anos ó que se refire a alínea g) do apartado 1 anterior concorresen circunstancias excepcionais que producisen a modificación das condicións obxectivas que deron lugar ó recoñecemento da renda de integración social de

Galicia que agraven a situación de exclusión social do interesado e/ou a situación de desestructuración social e/ou familiar da unidade de convivencia na que este se integra, debidamente acreditadas polos servicios sociais de atención primaria do seu concello de residencia.

Artigo 33

Contra as resolucións dictadas polos delegados provinciais poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o titular da consellería competente en materia de servicios sociais.

Artigo 34

1. O recurso poderase interpoñer ante o órgano que dictase a resolución ou ante o órgano competente para resolvelo, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se o recurso se presentase ante o órgano que dictou a resolución, este deberallo remitir ó competente, xunto co expediente e co seu informe, no prazo de dez días.

Artigo 35

1. Se a resolución fose estimatoria do recurso, os efectos económicos deste retrotraeranse á data de resolución inicial denegatoria, nos termos fixados polo artigo 15 desta lei.

2. A resolución do recurso ordinario poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 36

Como órganos superiores de control e seguimento da aplicación da renda de integración social de Galicia constitúese unha mesa en cada provincia e outra de ámbito autonómico.

Artigo 37

1. En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, presidida polo delegado provincial da consellería competente en materia de servicios sociais, constituirase unha mesa integrada por:

-Sete representantes da Administración autonómica.

-Sete representantes das centrais sindicais máis representativas no ámbito autonómico.

-Sete representantes das organizacións empresariais no mesmo ámbito.

-Dous representantes dos concellos da Comunidade Autónoma.

Regulamentariamente determinarase a forma de designación dos representantes dos concellos e a periodicidade das reunións; a administración achegarálle-los datos globais que deriven da aplicación do programa.

2. Serán funcións das mesas o control e o seguimento estatístico tanto dos procesos de concesión da renda de integración social de Galicia coma da correcta aplicación das medidas de fomento de

emprego que vinculadas ós proxectos de inserción se consideran nesta lei.

3. Ás reunións das mesas poderán asistir, por petición de calquera das partes, representantes das asociacións e outras entidades de iniciativa social colaboradoras do programa, que participarán nelas con voz pero sen voto.

As actas das sesións que realicen estas mesas seranlle remitidas á mesa autonómica á que se refire o artigo seguinte.

Artigo 38

1. No ámbito autonómico constituirase unha mesa presidida polo titular da consellería competente en materia de servicios sociais ou persoa na que delegue, con igual representación e sistema de designación cás mesas provinciais, que se reunirá con periodicidade trimestral.

2. Serán funcións desta mesa o control e a avaliación global dos resultados da execución do programa, así como a formulación de observacións e propostas de modificación que axuden a melloralo.

3. Ás reunións desta mesa poderán asistir, por petición de calquera das partes, representantes das asociacións e outras entidades de iniciativa social colaboradoras no programa, que participarán nelas con voz pero sen voto, naqueles temas directamente relacionados coas súas actividades.

4. A Administración autonómica facilitaralle a esta mesa a documentación necesaria, así como as actas das sesións que realicen as mesas provinciais de control e seguimento.

5. Deberá ser oída a mesa con anterioridade á aprobación da documentación necesaria, así como das actas das sesións que realicen as mesas provinciais de control e seguimento.

6. A mesa elaborará as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 41

1. O obxecto deste título é o establecemento de axudas económicas de pagamento único, destinadas a paliaren necesidades extraordinarias e urxentes de persoas afectadas por situacións de emerxencia.

2. As axudas para situacións de emerxencia social constitúense como o segundo programa dentro do conxunto coordinado de medidas consideradas no título preliminar desta lei.

Artigo 42

1. Estas axudas terán carácter finalista e serán incompatibles con calquera outra prestación pública que lle puidese corresponder ó beneficiario para a mesma finalidade.

2. Non obstante, poderán ser complementarias, nos casos nos que se considere oportuno, en virtude da gravidade da situación socioeconómica e familiar reflectida nos informes pertinentes.

Artigo 43

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que, atopándose nas situacións ás que fai referencia o artigo 41, reúnan os requisitos seguintes:

a) Ser maior de idade.

b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega.

c) Non dispoñer de ingresos suficientes para afronta-los gastos derivados da situación de emerxencia.

Artigo 44

Para os efectos do previsto neste título considéranse situacións de emerxencia social aquelas que orixinen gastos extraordinarios para cubrir necesidades específicas de carácter básico e urxente non cubertas polos diferentes sistemas de protección.

Artigo 45

1. Considéranse ingresos insuficientes, para os efectos da aplicación desta medida, aqueles que, obtidos polos membros da unidade de convivencia independente en concepto de rendas, retribucións, pensións ou por calquera outro título, agás os de carácter finalista que estean dirixidos á formación regrada ou se perciban como complemento de inserción, non sexan superiores ó cento vintecinco por cento do importe do subsidio básico máis o complemento familiar da renda de integración social de Galicia que, segundo o disposto no artigo 12, puntos 1 e 2, desta lei, lles corresponderían en cómputo mensual.

2. Non poderá concederse esta axuda cando os solicitantes ou calquera membro da unidade de convivencia independente sexan propietarios ou usufructuarios de bens mobles ou inmobles que, polas súas características, valoración, posibilidade de venda ou calquera forma de explotación, indiquen, de xeito notorio, a existencia de medios materiais suficientes para atende-los gastos obxecto destas axudas.

Artigo 46

1. A contía das axudas establecerase para cada caso concreto en función das circunstancias e das previsións dos gastos que ocasionen a situación de emerxencia, e en ningún caso poderá supera-la contía anual do salario mínimo interprofesional.

2. Regulamentariamente serán establecidas as normas que posibiliten a determinación da contía da axuda de emerxencia social para cada caso concreto.

3. En ningún caso se poderá conceder máis dunha axuda para situación de emerxencia social por unidade de convivencia ó ano.

Artigo 48

Correspóndelles ós concellos, a través dos servicios sociais de atención primaria, a recepción, a instrucción, a proposta de resolución e o traslado

do expediente á delegación provincial correspondente, así como o seguimento e o control das axudas concedidas.

Artigo 49

Correspóndelles ás delegacións provinciais da consellería competente en materia de servicios sociais resolver no prazo dun mes sobre a concesión ou denegación de axuda, así como sobre a súa contía, unha vez remitida a totalidade de cantos documentos integran o oportuno expediente por parte do concello de procedencia, sen prexuízo do establecido no artigo 6.c) desta lei.

Artigo 50

A Xunta de Galicia reserva para si a facultade de efectuarlle o pagamento da axuda directamente, e en nome do beneficiario, á persoa, entidade ou empresa que realice a prestación ou o servicio en favor deste, naqueles casos nos que o considere conveniente o órgano de resolución, co fin de garanti-la súa aplicación finalista.

Artigo 51

En materia de recursos haberá que aterse ó disposto nos artigos 33 e seguintes desta lei para a renda de integración social de Galicia.

Disposición adicional primeira.

A contía do complemento variable, en función do número de membros que compoñen a unidade de convivencia, da prestación económica da renda de integración social de Galicia establecerase para cada exercicio na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda.

A Xunta de Galicia informará anualmente ó Parlamento de Galicia sobre o desenvolvemento desta lei no seo da comisión correspondente.

Disposición adicional terceira.

Autorízase a Xunta de Galicia a publicar, no prazo máximo de tres meses, un texto refundido da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, co obxecto de recolle-las modificacións que establece esta lei.

Disposición transitoria única.

Autorízase a Xunta de Galicia, durante os dous primeiros exercicios orzamentarios de aplicación desta lei, a adopta-las medidas necesarias para acomoda-la execución do programa ás limitacións orzamentarias.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango contradigan o disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta disposición legal.

Disposición derradeira segunda.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novencentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente