Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 02 de marzo de 1999 Páx. 2.313

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 46/1999, do 11 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a liquidación e extinción das Cámaras da Propiedade Urbana de Galicia e do seu Consello Xeral.

O artigo 27.29º do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de corporacións de dereito público, entre as que se inclúen as cámaras da propiedade urbana, sen prexuízo do que dispoña o artigo 149 da Constitución.

A asunción desta competencia fíxose efectiva polo Real decreto 2577/1983, do 25 de agosto, sobre traspaso de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cámaras oficiais da propiedade urbana.

O Decreto 224/1991, do 20 de xuño, polo que se aproba o Regulamento das cámaras da propiedade urbana de Galicia recolle os principios xerais e básicos destas entidades con personalidade xurídica propia.

O artigo único do Real decreto lei 8/1994, do 5 de agosto, suprime as cámaras oficiais da propiedade urbana e o seu consello xeral, como corporacións de dereito público. Sobre esta regulación legal, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia establece-lo réxime e destino do patrimonio e persoal das cámaras da propiedade urbana da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, como Administración pública que exerce a tutela sobre elas.

A disposición adicional 30, denominada Cámaras da Propiedade da Lei 66/1997, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, constitúe norma básica de aplicación conforme o establecido no artigo 149.1.18ª da Constitución española.

A partir do 10 de agosto de 1994 foron suprimidas as cámaras da propiedade urbana como corporacións de dereito público polo Estado, feito que, unido á supresión da esixencia da cota obrigatoria ós propietarios de bens inmobles, e a pesar do incremento na recadación por depósito de fianzas de arrendamentos urbanos, foi deteriorando a situación económica das cámaras da propiedade urbana de Galicia, o que, en definitiva, conduce á necesidade de proceder á súa liquidación e extinción.

O decreto polo que se establece o procedemento para a liquidación e extinción das cámaras da propiedade urbana de Galicia e do seu consello xeral componse de dez artigos, unha disposición adicional única, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras.

No seu articulado regúlanse as operacións tendentes á liquidación do patrimonio das cámaras da propiedade urbana de Galicia e o seu destino unha vez extinguidas estas entidades, así como o procedemento que se debe seguir para a integración do persoal na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude das expectativas deste persoal con base na normativa básica do Estado de aplicación, e da disolución dos órganos de goberno.

Para a realización destes labores créase unha comisión de liquidación no artigo 3 do decreto con facultades resolutivas e constituído así mesmo como órgano de consulta e seguimento das operacións liquidadoras, que se verá asistida pola comisión para a integración do persoal regulada no seu artigo 9, que terá por funcións a determinación dos traballadores das cámaras da propiedade urbana de Galicia con dereito á integración, así como a adscrición destes en destinos dentro da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Economía e Facenda e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Polo presente decreto establécese o procedemento de liquidación e extinción das cámaras da propiedade urbana de Galicia, así como a disolución dos órganos que as integran.

Artigo 2º.-Operacións de liquidación.

No procedemento de liquidación e extinción das cámaras da propiedade urbana de Galicia elabórase o inventario de tódolos bens, dereitos e obrigas que constituían o patrimonio das cámaras da propiedade urbana sometidas á súa tutela.

Artigo 3º.-Comisión de liquidación.

Créase a comisión de liquidación, adscrita á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e dependente da secretaría xeral, que terá como función a aprobación das operacións liquidadoras, constituíndo o órgano de consulta e seguimento das referidas operacións.

Será presidente da comisión de liquidación o secretario xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e vicepresidente o subdirector de Coordinación Administrativa e Con

trol Orzamentario da mesma consellería, quen substituirá o presidente nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

A comisión de liquidación contará cos seguintes vocais:

a) O asesor xurídico da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) O interventor delegado da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

c) Un representante do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

d) Un representante da Consellería de Economía e Facenda, designado polo seu conselleiro.

e) Un representante da Consellería de Presidencia e Administración Pública, designado polo seu conselleiro.

f) Un representante do Servicio Técnico Xurídico da Secretaría Xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

g) Un representante do consello xeral das cámaras da propiedade urbana de galicia.

Será secretario da comisión liquidadora o representante do Servicio Técnico Xurídico da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que actuará con voz e voto.

Artigo 4º.-Inventario.

O órgano de liquidación efectuará a elaboración dun inventario de tódolos bens, dereitos e obrigas que constitúen o patrimonio de tódalas cámaras da propiedade urbana de Galicia.

A elaboración do inventario poderán realizala directamente os servicios da Administración autonómica, ou mediante contrato con terceiros con cargo ó patrimonio das cámaras, sen prexuízo da colaboración do persoal delas. Así mesmo, os servicios da Consellería de Economía e Facenda prestarán a asistencia técnica que sexa necesaria.

O inventario conterá unha descrición completa e individualizada de tódolos bens, dereitos e obrigas de cada unha das cámaras, con indicación do seu valor ou importe, o cal será establecido de acordo coas normas de contabilidade vixentes e os principios de contabilidade xeralmente aceptados.

Artigo 5º.- Bens e dereitos das cámaras. Imputación de cargas e gravames.

1. Bases para a elaboración do inventario.

O inventario determinará qué bens e dereitos se consideran xerados, directa o indirectamente, con cargo á cota obrigatoria e outras actuacións derivadas de obrigas legais, e cales outros son ingresos diferentes dos anteriores, de acordo cos seguintes criterios:

a) En todo caso, terán a consideración de non xerados con cargo á cota obrigatoria ou outras actuacións derivadas de obrigas legais, aqueles bens e dereitos

a adquisición ou xeración dos cales fora realizada con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei, do 6 de maio de 1927, que aprobou o Regulamento definitivo para a organización e funcionamento das cámaras da propiedade urbana e estableceu a cota obrigatoria, ou ben con posterioridade ó día 1 de xaneiro de 1989, data na que queda suprimida a incorporación obrigatoria ás cámaras, por Lei 37/1988, do 28 de decembro.

Considerarase que teñen o mesmo carácter os adquiridos con posterioridade ó 6 de maio de 1927, e respecto dos cales conste, de maneira que faga fe, que foron obtidos cos rendementos ou por reinvestimento neto dos existentes con anterioridade á entrada en vigor do real decreto lei mencionado.

b) O total de bens e dereitos que, de acordo co inventario, foran xerados e adquiridos por cada cámara e o seu consello xeral entre a data de entrada en vigor do real decreto lei, do 6 de maio de 1927 e o día 1 de xaneiro de 1989, e unha vez deducidos os que, se é o caso, se obtiveran en virtude do sinalado no segundo parágrafo da alínea anterior, consideraranse como xerados con cargo á cota obrigatoria ou outras actuacións derivadas de obrigas legais.

c) Os bens e dereitos transmitidos a título gratuíto ás cámaras e ó seu consello xeral, os adquiridos polo reinvestimento do importe do alleamento daqueles, así como os froitos duns e doutros, terán a consideración de ingresos non xerados con cargo á cota obrigatoria nin a outras obrigas legais.

2. Cargas e gravames.

a) As cargas e gravames derivados de adquisicións a título gratuíto de bens ou dereitos por parte das cámaras da propiedade urbana ou do seu consello xeral minorarán a parte do patrimonio destas entidades non xerado con cargo á cota obrigatoria nin ás demais obrigas legais.

b) Para determinar a qué parte das dúas en que se divide o patrimonio das cámaras corresponde imputar cada unha das restantes obrigas, cargas ou gravames, aterase ás regras seguintes:

b.1) As nacidas antes da entrada en vigor do Real decreto lei do 6 de maio de 1927 ou despois do 31 de decembro de 1988 que subsistan no momento do peche do inventario, minorarán a parte non xerada a cargo da cota obrigatoria e demais obrigas legais.

b.2) As nacidas entre as datas indicadas no parágrafo anterior, se aínda non se extinguisen, minorarán ambas partes do patrimonio a partes iguais.

Artigo 6º.-Aprobación e liquidación do inventario.

1. Finalizado o inventario dos bens e dereitos, e das obrigas, cargas e gravames, de acordo co prevido nos artigos anteriores, someterase a información pública nos locais das cámaras.

Transcorrido o período de información pública procederase á remisión do inventario a comisión de liquidación para a súa aprobación; este órgano acor

dará a cancelación ou extinción, con cargo ós bens de cada parte, da totalidade das cargas, gravames, débedas ou obrigas que lle afecten.

2. Nos casos en que para algunha cámara, o inventario realizado poña de manifesto un balance negativo, nunha ou en ámbalas partes, por perdas ou débedas superiores ó activo da entidade, a súa extinción efectuarase con cargo á masa patrimonial correspondente doutra ou outras cámaras.

3. O inventario liquidado será aprobado pola comisión de liquidación e o acordo de aprobación será publicado no Diario Oficial de Galicia.

4. Unha vez finalizadas as operacións liquidadoras procederase á inscrición, titulación ou ingreso dos bens e dereitos a favor da Comunidade Autónoma.

Artigo 7º.-Patrimonio das cámaras.

Os bens e dereitos que constitúen o patrimonio das cámaras da propiedade urbana de Galicia, así como os remanentes das transferencias que delas recibe o seu consello xeral, integraranse no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez culminado o procedemento de liquidación dos bens e, sen prexuízo do destino previsto no artigo 8 do presente decreto, estes quedarán adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para o cumprimento dos seus fins, de acordo co disposto na lexislación do patrimonio de Galicia.

Artigo 8º.-Cesión de uso de bens.

O patrimonio que, de acordo coa determinación prevista no artigo 6º do presente decreto, fora xerado con ingresos diferentes daqueles obtidos, directa ou indirectamente, con cargo á cota obrigatoria ou outras actuacións derivadas de obrigas legais, poderase ceder en uso a aquelas asociacións sen ánimo de lucro, legalmente constituídas ou que se constitúan, e que teñan como finalidade esencial a defensa, promoción e información dos propietarios e usuarios de vivendas urbanas; axustándose a referida cesión ós requisitos e procedementos seguintes:

a) A solicitude de cesión de uso deberá efectuarse no prazo dun ano a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo polo que se aprobe a liquidación.

b) A referida solicitude irá acompañada da documentación que acredite a constitución da asociación, os seus fins e obxectivos, os medios persoais e materiais con que conte, os seus recursos económicos, e unha memoria que describa os bens que solicita e o uso que pretende darlles.

c) Transcorrido o prazo dun ano ó que se refire a alínea a) anterior, extinguirase a posibilidade de solicita-la cesión de uso, quedando os bens non cedidos sometidos ó réxime xeral establecido para os do patrimonio da Xunta de Galicia.

d) A cesión de uso realizarase de acordo co disposto na normativa de patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 9º.-Comisión para a integración do persoal.

Créase unha comisión para a tramitación e xestión do procedemento encamiñada á determinación dos traballadores das cámaras da propiedade urbana de Galicia con dereito á integración, así como a adscrición destes en destinos dentro da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta comisión finalizará os seus cometidos coa presentación dunha proposta de resolución á comisión de liquidación para os efectos da súa aprobación.

A comisión de integración do persoal, presidida pola subdirectora de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, contará cos seguintes vocais:

a) Un representante da Consellería de Economía e Facenda, designado polo seu conselleiro.

b) Un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública, designado polo seu conselleiro.

c) Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, designado polo seu conselleiro.

d) Un representante sindical dos traballadores da Xunta de Galicia.

Será secretario da comisión de integración do persoal o representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que actuará con voz e voto.

Artigo 10º.-Réxime do persoal.

O persoal que o día 1 de xuño de 1990 tivera a condición de empregado fixo e desempeñe no momento actual efectivamente posto de traballo ou tivera dereito a reserva de praza, das cámaras da propiedade urbana da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol, sempre que resulte acreditado documentalmente, poderá integrarse como persoal laboral fixo e obter destino na Administración da Comunidade Autónoma.

A integración realizarase de acordo coas seguintes regras:

1. O persoal das cámaras da propiedade urbana de Galicia que desexen integrarse na Administración da Comunidade Autónoma, realizarán a súa persoal solicitude, acompañada de toda a documentación acreditativa do seu dereito e na que funden a súa pretensión, no prazo que para o efecto estableza a comisión de integración de persoal.

2. Este persoal integrarase como persoal laboral fixo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido na regra 7. A integración na Administración deste persoal realizarase mantendo o tipo ou modalidade de contrato laboral vixente ata ese momento.

3. Procederase a efectuar unha asimilación de categorías profesionais entre as que posúe o citado

persoal e as existentes no convenio colectivo único da Xunta de Galicia. Para isto terase en conta a categoría que figura no seu contrato orixinario coa cámara e, necesariamente, a titulación académica que posúan, e que deberá coincidir co nivel académico que se requira en cada caso para acceder ó grupo do convenio no que se pretenda a asimilación e a integración. As condicións de traballo serán as establecidas no dito convenio.

4. As persoas que se integren na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverán as funcións que se lles asignen, adecuándose as categorías profesionais ás que resulten asimiladas. En particular, poderase encomendarlles, se é o caso, a colaboración na elaboración do inventario a que se refire o artigo 5º.

5. En canto ás retribucións, seranlles respectadas as consolidadas na nómina que viñeran percibindo o 1 de xuño de 1990 máis os incrementos posteriores que non excedan das medias interanuais aplicables no sector.

Para tal efecto, recoñeceránselle-los salarios correspondentes á categoría profesional á que sexan equiparados dentro do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo de aboar un complemento persoal transitorio, se é o caso, pola diferencia entre esta retribución e a que quede establecida segundo a regra do parágrafo anterior. Este complemento quedará absorbido polos futuros incrementos retributivos especificados no convenio.

6. A incorporación do persoal producirase, sempre que existan vacantes, na localidade na que radique a cámara da propiedade urbana á que pertenza. De non darse esta circunstancia, o persoal será incorporado na localidade máis próxima ou naquela da súa elección se houber vacante; en caso de que aspirase máis dun candidato á mesma praza, esta adscribirase ó de maior antigüidade ou, no seu defecto, ó de maiores cargas familiares.

7. O persoal con dereito á integración e que unha vez coñecido o destino que lle corresponda renuncie a ela, percibirá unha indemnización a contía da cal será de 20 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano, cun máximo de doce mensualidades.

A renuncia do dereito á integración deberá manifestarse no prazo de sete días a partir da publicación da resolución que determine tal dereito.

8. A data a partir da cal se producirá a incorporación efectiva do persoal das cámaras da propiedade urbana de Galicia será determinada mediante orde do conselleiro de Presidencia e Administración Pública. Para a adopción desta resolución non se precisará que estean culminadas as operacións de liquidación do patrimonio das cámaras; non obstante, a data límite para a integración do persoal será a da aprobación definitiva das operacións liquidadoras.

Disposición adicional

As obrigas de natureza patrimonial que se xeren con posterioridade á data de peche do inventario e antes da inscrición, titulación ou ingreso dos bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, serán imputadas e canceladas de acordo coas normas establecidas neste decreto.

No caso de que existisen obrigas a cancelación das cales non fose posible ou conveniente con anterioridade á inscrición, titulación ou ingreso dos bens a nome da Comunidade Autónoma, o seu aboamento e pagamento será asumido por esta, establecendo as oportunas compensacións se a obriga recaese sobre a parte do patrimonio non xerado con cargo á cota obrigatoria.

Cando existisen dereitos pendentes de cobramento na data da inscrición, titulación ou ingreso, a súa titularidade pasará á Comunidade Autónoma, que de igual maneira os imputará á parte do patrimonio que corresponda.

Disposicións transitorias

Primeira.-Disolución dos órganos de goberno.

Os órganos de goberno das cámaras da propiedade urbana de Galicia e do seu consello xeral permanerán en funcións e disolveranse tan pronto como tódolos seus bens e dereitos foran inscritos, titulados ou ingresados a favor da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo máximo para a finalización destas operacións será dun ano, contando desde a entrada en vigor desta disposición.

Durante este período transitorio, tódolos actos e acordos dos órganos de goberno das cámaras da propiedade urbana de Galicia requirirán para a súa efectividade a previa autorización expresa da Secretaría Xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, requisito sen o que serán nulos de pleno dereito.

Segunda.-Depósito de fianzas.

As cámaras da propiedade urbana de Galicia, ata o momento da súa extinción, seguirán prestando tódolos seus servicios, e en especial realizarán a venda, recadación e cancelación do papel de fianzas. Desde o momento da súa disolución efectiva, tódalas xestións en relación co depósito de fianzas asumiraas Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), como Administración competente para a xestión das fianzas legalmente establecidas nos supostos de arrendamento de vivendas e locais de negocio.

Terceira.-Aplicación supletoria.

Os decretos da Xunta de Galicia número 224/91, do 20 de xuño, polo que se aproba o Regulamento das cámaras da propiedade urbana de Galicia e o número 23/1987, do 29 de xaneiro, polo que se constitúe o consello xeral de cámaras oficiais da propiedade urbana de Galicia, aplicaranse con carácter transitorio no que non se opoñan ó disposto no presente decreto, mentres non se complete o proceso de liquidación.

Disposición derrogatoria

1. Quedan derrogadas tódolas normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ó disposto no presente decreto.

2. Quedan derrogadas expresamente as seguintes disposicións, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria terceira.

Decreto 224/1991, do 20 de xuño, polo que se aproba o Regulamento das cámaras da propiedade urbana de Galicia.

Decreto 23/1987, do 29 de xaneiro, polo que se constitúe o Consello xeral de cámaras oficiais da propiedade urbana de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de aplicación.

Facúltanse os conselleiros da Presidencia e Administración Pública, de Economía e Facenda e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, dentro do ámbito das súas respectivas competencias, para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto no presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública