Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 02 de marzo de 1999 Páx. 2.312

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 45/1999, do 21 de xaneiro, polo que se establecen medidas preventivas e de restauración de áreas afectadas polos incendios forestais.

O número de incendios que nos últimos tempos vén afectando o territorio de Galicia, así como a reiteración do lume nos últimos anos en determinadas áreas forestais, fai necesario que se adopten algunhas medidas extraordinarias que eviten -ou alomenos palíen- os danos que estas áreas están a sufrir, adoptando medidas restauradoras da súa riqueza, tanto ecolóxica como económica, tendentes a favorece-la rexeneración dos terreos queimados e evita-la erosión e deterioración da calidade edáfica do solo. Neste sentido, a lexislación sobre montes, fundamentalmente a Lei de montes do 8 de xuño de 1957, e o Regulamento, aprobado polo Decreto 485/1962, e a Lei de incendios forestais, 81/1968 e Decreto 3769/1972 que a desenvolve, faculta a Administración para adoptar unha serie de medidas para acada-la restauración das superficies queimadas.

Dentro destas medidas, cómpre controla-lo aproveitamento da madeira afectada polo lume, de xeito que a súa corta non supoña un impedimento para a rexeneración natural da superficie queimada ou provoque efectos económicos ou ecolóxicos indesexables.

Polo que respecta ó pastoreo sobre as áreas incendiadas, a súa práctica contribúe á degradación acelerada dos solos ó impedi-la rexeneración da cuberta vexetal, que é protectora contra a erosión e proporciona estabilidade a estes, sendo necesario, xa que logo, a instrumentación de medidas reguladoras do devandito pastoreo que eviten os efectos indesexables de tal práctica.

Outras normas sectoriais preconizan a interdicción do desenvolvemento de determinadas actividades en áreas onde ocorresen incendios forestais, así, a normativa cinexética -tanto na lei e no regulamento estatal como a Lei galega de caza de 1997, ou a orde anual de vedas (no seu artigo 3º)- limitan o exercicio da actividade venatoria en terreos queimados.

Así mesmo, cómpre establecer unhas medidas de salvagarda do monte ou terreo forestal próximo ós núcleos habitados, e á protección das vivendas fronte ó lume.

Na súa virtude, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante, e por iniciativa dos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria; e de Medio Ambiente, e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa

reunión do día vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Coa finalidade de proceder á restauración da riqueza forestal afectada polos incendios, os aproveitamentos de madeira forestal queimada, estarán suxeitos ás seguintes disposicións:

1. Os aproveitamentos de madeira queimada, calquera que sexa a especie forestal de que se trate, requirirán autorización previa da Consellería de Medio Ambiente.

2. Os propietarios dos montes queimados deberán solicitar da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, licencia de corta da madeira queimada.

A licencia de corta poderá denegarse mediante resolución motivada cando se considere que aquela afecte a conservación do medio natural ou defensa dos ecosistemas e condicións ecolóxicas do monte.

Se a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural non emitise resolución expresa no prazo de dous meses entenderase estimada a solicitude.

Artigo 2º

Os titulares dos terreos ou, se é o caso, os perceptores de calquera tipo de axudas á forestación terán a obriga de comunicar á Consellería de Medio Ambiente qué terreos forestados resultaron afectados polo lume.

Artigo 3º

A Consellería de Medio Ambiente poderá subvenciona-los propietarios particulares de montes, sexan estes persoas físicas, xurídicas ou comunidades de montes veciñais en man común, para accións forestais destinadas á protección e restauración da área queimada. Terán prioridade para a obtención destas subvencións os propietarios de terreos cunha pendente media superior ó 40%, e os propietarios de terreos nos espacios protexidos.

Artigo 4º

1. A Consellería de Medio Ambiente poderá esixirlle ó propietario que presente un plan de rexeneración natural do terreo afectado polo lume.

2. Cando non sexa posible a rexeneración natural, ou a Administración o considere necesario en razón das circunstancias do caso, poderá impoñerlle ó propietario que a reconstrucción da zona afectada polo sinistro se faga mediante investimento da totalidade ou parte do valor dos productos susceptibles de aproveitamento que se obteñan.

Para tales efectos, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural conformará e visará, a través do servicio competente, os contratos que subscriban os propietarios dos montes queimados co comprador dos productos coa finalidade de que se axusten as condicións económicas do mercado e inspec

cionará os traballos para comprobar que se investiu neles a porcentaxe de venda ordenada pola consellería.

Quedará á libre disposición do propietario o remanente do importe, se o houber, unha vez cumpridas satisfactoriamente as prescricións impostas e rematados os traballos.

Artigo 5º

Para favorece-la rexeneración dos terreos queimados, establécense as seguintes limitacións:

1. En tódalas áreas arborizadas que resulten afectadas por incendios, prohíbese con carácter xeral o pastoreo, ata que as condicións de restauración da masa queimada o fagan posible, logo de informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

2. Se a zona queimada é de matogueira e cunha porcentaxe de pendente de máis do 40%, a prohibición do pastoreo manterase durante un mínimo de 2 anos a partir da ocorrencia do lume ou durante un mínimo dun ano cando a porcentaxe de pendente sexa inferior ó 40% salvo autorización, por concorreren circunstancias excepcionais, da Consellería de Medio Ambiente, logo de informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. Nos montes veciñais en man común, deberase presentar ademais un plan de aproveitamento gandeiro, que deberá ser proposto pola asemblea xeral conforme os seus estatutos, e terá que ser aprobado pola Consellería de Medio Ambiente, logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 6º

No referente ó aproveitamento cinexético nos terreos queimados, en concordancia coa Lei de caza de Galicia, prohíbese o exercicio da caza durante dous anos.

Artigo 7º

1. O órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de urbanismo, deberá solicitar informe previo da Consellería de Medio Ambiente nas modificacións do planeamento urbanístico que supoñan unha reclasificación de terreos rústicos ou protexidos, afectados polo lume.

2. As novas construccións en zona forestal, para os efectos da súa protección contra o lume, deberán ter unha faixa de seguridade desprovista da citada vexetación de alomenos vinte metros.

Disposición adicional

Para o non previsto neste decreto será de aplicación supletoria o Regulamento sobre incendios forestais aprobado polo Decreto 3969/1972, do 23 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública