Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 24 de marzo de 1999 Páx. 3.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 1999 pola que se dispón a publicación do acordo de modificación do Regulamento de réxime interno do Consello Económico e Social de Galicia.

O Regulamento de réxime interno do CES-Galicia, aprobado polo Pleno do día 29 de abril de 1996, e publicado no DOG do 11 de xuño de 1996, establece no artigo 45 que lle corresponde ó Pleno do Consello «a facultade de reformalo total ou parcialmente».

Na sesión plenaria, celebrada o día 10 de marzo de 1999 coa asistencia de vintecinco dos seus membros con dereito a voto, acordouse por unanimidade modifica-los artigos 29, 30 e 39 do dito regulamento, co obxecto de integra-la lagoa existente no relativo ó réxime de substitucións dos membros titulares nas comisións sectoriais, dotar de maior operatividade ás comisións sectoriais modificando o quórum necesario para a súa válida constitución e supera-la contradicción existente entre o artigo 5.1º.3 da lei de creación do CES e o artigo 39 do regulamento.

De acordo coas competencias atribuídas polo artigo 16 c) da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia e o 24, d) do Regulamento de réxime interno, en relación co disposto no artigo 20 da lei de creación, esta presidencia,

RESOLVE:

Facer público o acordo adoptado polo Pleno 1/1999, celebrado con data do 10 de marzo de 1999, que figura como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1999.

Luis Suárez-Llanos Gómez

Presidente do Consello Económico e Social

de Galicia

ANEXO

Modificación dos artigos 29, 30 e 39 do Regulamento de réxime interno.

Os artigos 29, 30 e 39 do Regulamento de réxime interno quedan redactados como segue:

1. Artigo 29º.-Composición.

«As comisións sectoriais, calquera que sexa a súa clase, estarán formadas por un máximo de nove membros e un mínimo de seis, designados entre os membros titulares do consello polos grupos que o integran e ratificada a designación pola Comisión Permanente, procurando respectar, no posible, a proporcionalidade correspondente ás entidades neles representadas. Os designados poderán ser substituídos polos membros do consello, titulares ou suplentes, que a entidade a que pertencen determine, dando conta da substitución ó presidente da comisión. Na primeira reunión que celebre designarán, de entre os seus membros, a quen deba exerce-las funcións de presidente e daranlle conta do designado ó presidente do consello. Poderán tamén determina-las

súas propias regras de funcionamento, respectando o disposto neste regulamento. Ás sesións poderá asisti-lo secretario xeral do consello e, en concepto de asesores, os expertos do Gabinete Técnico e mailos profesionais libres que a comisión xulgue oportuno para o mellor desempeño da súa misión. Cando a presencia destes últimos puidese xerar un gasto para o consello, a súa participación quedará condicionada á aprobación regulamentaria da oportuna proposta de gasto».

2. Artigo 30º.-Constitución.

«As comisión sectoriais reuniranse, logo da convocatoria do seu presidente, cantas veces sexa necesario para desenvolve-los cometidos que lles fosen encomendados dentro dos prazos establecidos para o efecto. Para a súa válida constitución requirirase a presencia da maioría dos seus membros ou ben de catro deles; deberán, neste último caso, estar representados os tres grupos do consello. O presidente organizará e dirixirá as actividades da comisión, presidirá as sesións, ordenará e moderará os debates e trasladaralle ó presidente do consello as propostas correspondentes, con indicación do número de votos que as apoiaron e, se é o caso, dos votos particulares emitidos».

3. Artigo 39º.-Procedemento de urxencia.

«No caso de solicitarse do consello a emisión dun dictame no prazo mínimo dun mes, a convocatoria do pleno poderá efectuarse antes da data de finalización dos seus traballos por parte da Comisión Sectorial encargada de redactalo, e esta poderá entregarlle ó presidente do consello o texto elaborado con corenta e oito horas de antelación respecto da data prevista para a celebración da sesión. Os membros do consello deberán ser informados polo presidente, desde o primeiro momento, da solicitude do dictame con carácter de urxencia, e poderán presentar, individual ou colectivamente, emendas ó texto preparado ata dúas horas antes do inicio das sesións, que se desenvolverá conforme o previsto no anterior artigo 38».